A historia da lousa en Galicia remóntase aos primeiros refuxios creados polos seus habitantes para protexerse das inclemencias do tempo. Este material estivo sempre presente na vida diaria do pobo galego, manténdose nunha continua evolución, tanto nos usos, como nas tarefas de extracción.
Desde tempos inmemorables ata a actualidade, a relevancia deste material foi en aumento e con ela, a calidade dos traballos extractivos. A actividade das explotacións louseiras madurou desde un primitivo autoconsumo, ata a explotación industrial mecanizada, produtiva e sostible do século XXI.
Da mesma forma que nos proxectos arquitectónicos melloraron a técnica: do rudimentario apilamiento de pedras, unhas sobre outras, ao perfeccionado uso de grandes placas de lousa, dun gramaxe moi baixo, presente nas obras arquitectónicas máis representativas do noso contexto actual.
Froito do desenvolvemento das técnicas construtivas e da tecnoloxía de elaboración das pezas os arquitectos e deseñadores máis vangardistas lograron premios e distincións nacionais e internacionais cos seus proxectos de lousa de Galicia.
Impulso Verde, Lugo
O Edificio Impulso Verde da cidade de Lugo foi elixido como ‘The Best of the Best’, o mellor proxecto de 2021, dos seleccionados no concurso internacional que lanzou a firma louseira Cupa no que competía con outros catro proxectos de Reino Unido, Francia e Dinamarca.
O edificio que o Programa Impulso Verde construíu nos arredores de Lugo, como parte dunha das actuacións sinaladas do proxecto LIFE Lugo +Biodinámico, revestiuse con lousa do país. Trátase do primeiro edificio público de Galicia que está construído con madeira local. E, ademais, é tamén o primeiro edificio da comunidade capaz de autoabastecerse enerxeticamente. Trátase dun inmoble piloto, de tres plantas, que xera no seu interior toda a enerxía que consome.
Este proxecto arquitectónico completo é o resultado do traballo formado un grupo multidisciplinar composto por membros da Universidade de Santiago de Compostela, a Politécnica de Madrid e o Concello de Lugo. O equipo formado por Manuel Guaita (investigador principal), os arquitectos autores Antonio J. Lara Bocanegra e Susana Penedo Souto, xunto con varios arquitectos colaboradores: Almudena Majano-Majano, Belén Feijoo, José Luis Gómez-Royuela, Luís Lozano-Bodegueroa e Jose Antonio Lorenzana foron as persoas encargadas de desenvolver este complexo proxecto.
Vivenda en Castromao, Ourense
En outubro de 2021, o Clúster da Pizarra de Galicia outorgou o seu I Premio de Construción con Pizarra, un certame que nace como unha convocatoria trienal e constituíuse para poñer en valor a lousa como material referente nas edificacións sostibles e a innovación na construción. Este proxecto gañador emprega non só lousa na súa construción, senón tamén granito e madeira. Trátase dunha vivenda familiar emprazada en Castromao, no municipio ourensán de San Xoán de Río, cuxo arquitecto é Pablo López Prol. Onda el asinan a obra, como aparellador, Diego Rodríguez Val e, como colocador, Gelasio Sotelo Bugallo.
Esta convocatoria de premios ten como obxectivo impulsar o fomento e a utilización de lousa incentivando a excelencia e a innovación; incentivar o coñecemento deste material construtivo; fomentar a investigación e a aplicación arquitectónica de novas tecnoloxías na lousa e promover o traballo de profesionais con este material construtivo.
Vivenda en Spring Lake Heights, New Jersey
Cupa Pizarras forneceu os materiais para unha vivenda unifamiliar premiada en EE.UU. A residencia gañou o premio de Excelencia Arquitectónica que outorga a AIA (American Institute of Architects) de Pennsylvania grazas ás prestacións enerxéticas de edificio, ao benestar que garante aos seus habitantes e á súa integración no medio. A lousa de Galicia foi empregada nun sistema de fachada ventilada que aínda é relativamente novo nos Estados Unidos, pero que xa foi implantado con éxito desde hai anos en zonas de Europa como Dinamarca. O proxecto é de Richard Pedranti, arquitecto especializado en Passivhauss.
Centro de saúde de Monterroso, Lugo
O Centro de Saúde de Monterroso (Lugo), edificio construído polo estudo Ábalo Alonso, recibiu numerosos premios e mencións en concursos e certames de arquitectura a nivel internacional, como o A-Prize da Trienale de Milán en 2015.
A construción, que ocupa unha parcela de 1 500 m2, parte da sinxeleza dos seus volumes. Para o revestimento da fachada ventilada houbo que utilizar pezas de lousa máis grandes do habitual para conseguir un resultado estético marcado polas ilusións ópticas que parten dos reflexos. Así mesmo, a cuberta do Centro de Saúde de Monterroso tamén está composta por lousa de Galicia.
Villa G, Lituania
O feito de que un produto de explotacións mineiras galegas sobrepase as fronteiras do territorio autonómico, é síntoma de que a nosa materia prima é da maior calidade. As empresas louseiras exportan os seus produtos de alto valor por todo o mundo e son elixidos polos arquitectos máis vangardistas.
Villa G é un proxecto do arquitecto Audrius Ambrasas exposto coa idea de mimetizarse na súa localización: o Parque Rexional de Pavilniai, preto de Vilna. Os medios arquitectónicos máis destacables son os seus teitos curvos, cubertos en parte con lousa natural de Cupa Pizarras, estendidos ata o chan e integrados cun teito plano que cobre a zona común. Grazas ás pérgolas de madeira lógrase un efecto de gran equilibrio.
Este innovador proxecto recibiu o premio Metre 1/5 na Mostra de Arquitectura Lituana de 2015 e, ese mesmo ano, estivo nomeado aos Premios de Arquitectura Contemporánea da Unión Europea.
Lousa: a mellor alternativa sostible
O sector da lousa en Galicia conta con procesos de extracción innovadores e unha gran capacidade industrial, pero tamén, cunha regulación da actividade que avoga pola sustentabilidade, o coidado do medio ambiente e o futuro das novas xeracións.
A lousa, como pedra natural, posiciónase como unha opción perfecta a favor da sustentabilidade no sector da construción. Isto débese a que este material só require o proceso de extracción e labrado, sen ningún tratamento posterior. É dicir, que a sinxeleza do seu proceso produtivo –como adiantabamos, sen necesidade de achegar materiais artificiais, altos fornos ou produtos químicos-, fai á lousa un produto respectuoso co medio ambiente.