Caolíns2019-02-12T13:51:13+01:00

Os caolíns de Galicia

O caolín é unha arxila especial constituída fundamentalmente por un só tipo de mineral. O caolín, a pesar de ser moito menos importante en volume que a arxila vermella para cerámica, supón máis do 70% do valor das arxilas comerciais, e é obxecto do comercio internacional, xa que se trata dun mineral moi importante desde o punto de vista industrial.

Usos do caolín

O caolín é un mineral moi importante desde o punto de vista industrial. Foi utilizado durante séculos para moitos usos, por exemplo, a porcelana feita con pastas cerámicas ricas en caolín adquiriu gran fama entre a nobreza durante o século XVI. Os principais usos aos que se destina actualmente son:

  • Fabricación de papel.
  • Elaboración de cerámica.
  • Produción de refractarios, pinturas e vernices.
  • Creación de polímeros e fibra de vidro.
  • Fabricación de pesticidas e fertilizantes.
  • Produción de cosméticos.

O proceso de produción do caolín

O mineral de caolín, como se obtivo nunha explotación mineira, ten un contido variable de caolinita e/ou halloysita, que ás veces non chega ao 20%. Ademais, adoita ter cuarzo, feldespatos, micas e, segundo a roca nai, outro tipo de minerais accesorios.

Polo tanto, unha vez extraído na mina, o caolín debe atravesar un proceso de beneficiado: por tamizado, separación magnética, hidrocilconado, centrifugación ou deslaminación, o que aumenta o contido de filosilicatos por riba do 80%. Con isto, obtense caolín lavado, materia prima da industria.

Os co-produtos procedentes da extracción de caolín (cuarzo, micas …) tamén son comercializados polas empresas mineiras galegas.

Zonas de extracción de caolín en Galicia

Históricamente hai dúas zonas de extracción de caolíns en Galicia. Unha nos arredores da Mariña Lucense, con explotacións en Cervo, Burela e Foz; e outra na Costa da Morte, nos municipios de Laxe e Vimianzo.

O caolín de Galicia, destinado a exportación

O alto valor de mercado do caolín convérteo nun produto cunha altísima taxa de exportación e unha facturación de 8 millóns de euros anuais.