Minerais industriais2019-02-12T14:14:31+02:00

Minerais industriais de Galicia

Os minerais industriais son materiais cuxo aproveitamento é realizado polas súas propiedades físicas ou químicas para procesos industriais. Normalmente úsanse como aditivo, compoñente especial dunha formulación ou como materia prima dun produto elaborado.

Aínda que a categoría é moi ampla, nela inclúense arxillas, caolíns, cuarzo… En Galicia, tamén se producen outros minerais industriais de gran valor, aínda que con pouca cantidade de produción e cunha crecente demanda internacional.

Magnesita de Galicia

O único xacemento en funcionamento en Galicia está situado no Incio (Lugo) desde hai case 50 anos. A empresa mineira Magnesitas de Rubián vende o 80% do mineral á industria alimentaria, como ingrediente para alimentar o gando. Outro 20% destínase á elaboración de fertilizantes, aínda que o produto está a ser introducido para corrixir as mesturas siderúrxicas e mellorar a composición dalgúns aceiros.

Feldespato de Galicia

En Galicia prodúcese o 10% do feldespato de España en explotacións da Mariña de Lugo. O produto moído embárcase en Ribadeo con destino á industria cerámica, de loza e de vidro nacional. Outras explotacións mineiras, como Penouta en Viana do Bolo (Ourense), tamén obteñen feldespato como coproduto doutras operacións mineiras.

Mica de Galicia

A produción deste mineral industrial, un dos compoñentes do granito, é un coproducto da extracción de caolín e doutros minerais de alto valor. Emprégase na industria de plástico como aditivo para reforzo, como illamento térmico e eléctrico para electrónica, así como en pinturas e outras aplicacións químicas.


Dunita de Galicia

Este composto de silicato de magnesio extráese na mina Pasek en Landoi, na localidade de Cariño (A Coruña) e úsase para a fabricación de elementos refractarios, na industria metalúrxica e cerámica e, en menor medida, como áridos de esmagamento en obras de construción civil. É exportada por vía marítima a través do Porto de Cariño.

Caliza de Galicia

Como compoñente básico do cemento, este mineral extráese para abastecer esta industria no Incio (Lugo). As probas de laboratorio do produto desta mina de Triacastela (Lugo) indican unha riqueza próxima ao 96%. Isto significa que supera todos os estándares de calidade e pode usarse para cementos especiais de maior valor.

Turba de Galicia

Aínda que se trata dunha produción pequena, o material extraído nas serras de Buio e Xistral, en Viveiro (Lugo), é usado en agricultura, horticultura e floricultura e comercialízase en Portugal e España. A turba proporciona ao solo unha mellor estrutura e materia orgánica.