Arxila2019-02-12T13:54:42+01:00

Cerámica de Galicia

Os ladrillos e tellas producidos nas fábricas de Galicia teñen como principal materia prima as arxilas de Galicia. Son un grupo de minerais industriais con características moi variadas das que se deriva unha ampla gama de propiedades e, en consecuencia, de aplicacións industriais. As arxilas que se extraen das explotacións mineiras galegas son, fundamentalmente, as arxilas vermellas fundentes que se empregan na cerámica (tellas e ladrillos).

Usos da arxila de Galicia

O uso principal destes materiais de barro ocorre no campo da cerámica de construción (tellas, ladrillos, tubos, azulexos…), en cerámica tradicional; ou en louza, azulexos e gres. Practicamente todas as arxilas son adecuadas para estes usos, dando prioridade ás consideracións económicas. Tamén se usan na fabricación de cementos, como fonte de alúmina e sílice, e na produción de áridos lixeiros (arxilas expandidas).

Sistema de extracción da arxila galega

A extracción de arxilas realízase en explotacións a ceo aberto, utilizando medios mecánicos convencionais. No caso de Galicia, o proceso mineiro das empresas de fabricación de cerámica ocupa só uns poucos meses ao ano.

Unha vez obtido o mineral, adoita acumularse e ser posto en almacéns fríos sen circulación de aire e de pouca luz, chamados podredoiros onde a fermentación da arxila ten lugar, obtendo unha maior cohesión das partículas, unha maior plasticidade e un axuste de humidade.

Entón comeza o proceso industrial de formación de cerámica. O proceso de fabricación industrial de materiais cerámicos é, na maioría dos casos, automatizado e, moitas veces, robotizado. O mineral é moído para obter partículas menores de 2 mm, e mesturado con auga para formar unha pasta. Con esta pasta realízase o moldeo que comeza a formar tellas e ladrillos. As pezas sécanse e logo cócense a alta temperatura (900 graos) para obter a dureza característica dos ladrillos e as tellas de Galicia.

A cerámica de Galicia e a construcción

A produción de arxila para cerámica é moi sensible ao ciclo económico da construción, principal sector que consume os produtos derivados da arxila. Como consecuencia da grave crise económica que atravesou España desde o ano 2008, e que afectou especialmente ao sector da construción, a industria da cerámica estrutural sufriu unha gran reconfiguración.

O valor económico da arxila de Galicia

As empresas de fabricación de cerámica de Galicia contan cunha facturación de arredor de 30 millóns de euros e xeran emprego directo a preto de 250 persoas.

A sustentabilidade da arxila en Galicia

Os produtos cerámicos de construción están fabricados a partir de materias primas naturais que abundan no medio e son de orixe local. Os produtos cerámicos respectan o medio ambiente, sendo 100% materiais naturais, que se fabrican basicamente a partir de arxila, lume e auga.

As fábricas de produtos cerámicos adoitan estar situadas xunto ás canteiras de arxila, minimizando así os impactos do transporte das materias primas á fábrica.

O proceso produtivo de fabricación de produtos cerámicos é moi eficiente en termos de recursos e enerxía utilizados. Unha característica fundamental do proceso de fabricación de produtos cerámicos é a eficiencia no uso de materias primas que vén dada polo baixo consumo de auga e o escaso residuo de material cerámico, sendo posible reciclar ou reutilizar a arxila en calquera fase do proceso produtivo.