A paixón polos minerais é un denominador común que comparten un gran número de persoas en todo o planeta e o recente descubrimento dun novo mineral en Galicia non deixou indiferente a ningún fan do mundo da xeoloxía.
De feito, foron tres grandes afeccionados á mineraloxía os que atoparon este novo achado: a ermeloíta. José Carlos Rodríguez Vázquez, Moisés Núñez e Manuel Cerviño levan décadas realizando multitude de excursións polo monte en busca de minerais que poder identificar e compartindo xuntos este labor científico que consideran como un hobby.
A súa recente achega neste campo non foi un caso illado, xa que leste mesmo grupo de galegos conseguiu identificar, no seu momento e por primeira vez en España, tres especies minerais: rittmannita, kankita, e kaatialaita. Tamén, en 2021 atoparon no norte de Portugal o mineral hingganita.
Nesta ocasión, foi nunha das súas saídas en busca de fosfatos, polas ladeiras moañesas do Monte do Xestoso, onde atoparon este novo mineral inédito no mundo. O nome co que decidiron bautizar este mineral foi ‘ermeloíta’, facendo referencia á toponimia do seu descubrimento, xa que apareceu nunha zona denominada As Chans de Ermelo.
Este novo mineral trátase dun fosfato de aluminio monohidrato, do grupo da kieserita. A súa aparencia é a dunha masa externamente pulverulenta, compacta, e internamente cristalina de cor esbrancuxada.
O traballo despois do achado
Os achados de minerais descoñecidos non son froito dunha cuestión de azar nin tampouco unha casualidade, senón que tras eles existe un traballo continuo realizado por un amplo tecido de colaboradores e investigadores que exploran a orografía en busca de novas revelacións xeolóxicas.
No caso particular de José Carlos Rodríguez, Moisés Núñez e Manuel Cerviño colaboran desde hai anos coa Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), lugar onde levaron a ermeloíta para ser examinada.
Esta mostra atopada por estes tres apaixonados á mineraloxía en 2015 era tan só duns poucos miligramos, o que supuxo un arduo traballo de identificación e análise que, ademais, levouse a cabo durante un período coincidente cos anos máis duros da pandemia.
A Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC estudou a composición e as particulares características a través de técnicas como as calorimétricas ou a espectrometría, entre outras. Pola súa banda, científicos da Universidade Complutense de Madrid e do Centro Nacional Instituto Xeolóxico e Mineiro de España-CSIC tamén realizaron análise de elementos químicos da mostra.
Finalmente, no segundo semestre de 2022, ano mineralógico internacional, foi recoñecido como mineral pola Asociación Mineralógica Internacional (IMA), converténdose só entón no cuarto mineral atopado en Galicia. Este fito non volvera a ocorrer desde mediados do S.XIX, momento no que se identificaron os seus tres antecesores: a morenosita, a bolivarita e a cervantita.
As implicacións da ermeloíta
O descubrimento desta especie mineral reforza, unha vez máis, a importancia que teñen as investigacións realizadas no campo da mineraloxía, especialmente no contexto actual marcado por unha necesidade crítica de materias primas.
A identificación de novos minerais é moi valiosa para a minería sostible, xa que pode abrir novas oportunidades para a produción de materiais máis respectuosos co medio ambiente e eficientes.
A pesar de que xa coñecemos numerosas aplicacións dos fosfatos de aluminio, os posibles usos da ermeloíta seguen sendo unha incógnita, dado que por agora só apareceu en Moaña un nódulo dentro dunha pegmatita. Con todo, os expertos non descartan que sexa posible identificar este mineral en ambientes similares localizadas noutras formacións xeolóxicas do mundo.
Quizais, pronto xurdan novas localizacións deste recurso e póidanse definir con exactitude as súas utilidades. Este recoñecemento supón o principio da súa carreira dentro do fascinante universo da xeoloxía.
O que si se sabe con certeza é que o primeiro exemplar de ermeloíta estará exposto durante o ano 2023 no pazo de Fonseca (Santiago de Compostela) e, posteriormente, trasladarase de forma permanente ao Museo de Historia Natural da USC.
En definitiva, podemos considerar o descubrimento deste novo mineral en Galicia como un fito importante na historia da mineraloxía en España e o mundo. Este novo mineral pode ter implicacións significativas para a investigación xeolóxica, a minería sostible e o desenvolvemento de tecnoloxías sostibles no futuro.
Este acontecemento é un recordatorio do valor e a beleza da natureza que nos rodea e a importancia de seguir explorando e aprendendo sobre o noso planeta.