Premio nacional MMH 20242024-10-16T17:00:24+02:00

Primeiro premio no Mining and Minerals Hall 2024

A plataforma Minaría Sostible de Galicia (MSG) recibiu o primeiro premio na categoría de Entidade privada destacada pola súa innovación e comunicación en materia de sostenibilidade na primeira edición dos Premios Nacionales Minería y Vida.

Esta distinción, entregada no Mining and Minerals Hall 2024 pola Fundación Minería y Vida, é o recoñecemento á calidade dun proxecto da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) para a promoción do sector mineiro a través da investigación e a divulgación.

Posta en marcha en 2018, Minaría Sostible de Galicia ten como obxectivos a promoción do sector mineiro de forma sostible, a través da investigación e da divulgación, a difusión de traballos, estudos e avances realizados en relación coas actividades extractivas; e a creación de contidos con información actualizada e de interese para a cidadanía con relación ás actividades mineiras.

Ata xuño de 2024 realizáronse 12 eventos e obradoiros sobre minaría sostible, tres guías e ferramentas online; 54 guías, libros e vídeos para escolares e docentes; 30 rutas xeolóxicas e de patrimonio mineiro; 54 infografías; e 90 vídeos e reels.

Ademais, mantén unha presenza dixital na súa páxina web con novidades, informacións relevantes e reportaxes en profundidade para coñecer a fondo o sector extractivo que conta con 98.000 visitas anuais. Os perfís de redes sociais de Minaría Sostible de Galicia teñen 9.000 seguidores (datos a xuño de 2024).

Minería Sostible de Galicia é unha iniciativa da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), unha corporación de dereito público e un órgano consultivo da Administración, tutelada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. A COMG representa ao sector industrial dos recursos minerais en Galicia: empresas mineiras, balnearios e augas minerais, agrupando ás persoas físicas e xurídicas que realizan actividades relacionadas con calquera fase do ciclo mineiro.

Estas son as entidades que participan da iniciativa Minaría Sostible de Galicia:

  • Clúster do Granito
  • Clúster da Pizarra de Galicia
  • Asociación Galega de Áridos (Arigal)
  • Asociación Galega da Propiedade Balnearia
  • Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural
  • Asociación Provincial de Graniteiros de Ourense
  • Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (Universidade de Vigo)
  • Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal (Universidade da Coruña)
  • Colexio Oficial de Xeólogos
  • Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste
  • Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Grados en Minas e Enerxía de Galicia

Coa colaboración de:

  • Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME)