A industria mineira de Galicia xogou un papel fundamental no desenvolvemento da cerámica tradicional. Os abundantes depósitos de arxila, caolín, feldespato e cuarzo proporcionaron aos artesáns locais os materiais necesarios para crear pezas únicas e de gran calidade, recoñecidas e valoradas a nivel mundial.
A cerámica de Galicia ten as súas raíces en tempos prehistóricos, cando materiais como a arxila utilizábanse para fabricar utensilios domésticos e obxectos ornamentais. Coa chegada dos romanos, as técnicas perfeccionáronse e estendéronse á construción de edificios.
Durante a Idade Media, a produción de cerámica en Galicia consolidouse, aproveitando os abundantes recursos minerais dispoñibles na rexión. A minería de arxila e caolín proporcionou as materias primas necesarias para a olería, permitindo o desenvolvemento dunha rica tradición artesanal que perdurou ata a actualidade.
En Galicia contamos con varios centros de produción de cerámica tradicional cunha ampla traxectoria. Estes centros non só manteñen viva a tradición oleira galega, senón que tamén innovan e adaptan as súas técnicas produtivas aos tempos modernos.
Entre os máis coñecidos, destacan Sargadelos, con máis de 200 anos de tradición na fabricación de pezas de porcelana; a cerámica de Buño, coñecida desde a Idade Media polo seu barro cocido; a olería de Bonxe, na Terra Chá, famosa desde a época romana; os ‘louceiros’ de Bamio, unha parroquia de Vilagarcía de Arousa cunha tradición oleira de ao redor de tres séculos; os ‘cacharreiros’ de Niñodaguia, na comarca da Limia; ou a famosa cerámica negra de Gundivós. Todos estes lugares representan un importante valor histórico e cultural para Galicia.
Sargadelos, buque insignia da cerámica galega
A historia de Sargadelos comeza en 1806, cando Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, fundou a Real Fábrica de Sargadelos en Cervo (Lugo). Ibáñez, un visionario industrial, aproveitou os recursos naturais da rexión, como o caolín e a arxila, para crear unha fábrica de louza que revolucionou a industria cerámica en España.
Tras a morte do Marqués de Sargadelos en 1809, a fábrica pasou por varias etapas de xestión e produción, destacando sempre pola súa innovación no deseño e a calidade das súas pezas. A mediados do século XIX, a fábrica enfrontou dificultades económicas e, finalmente, pechou en 1875.
Xa no século XX, a cerámica de Sargadelos rexorde grazas ao impulso do ceramista e intelectual Isaac Díaz Pardo, quen, en 1949, iniciou un taller cerámico que se convertería no novo complexo industrial de Cerámica do Castro. Este renacemento combinou a tradición coa modernidade, consolidando a Sargadelos como un referente cultural e artístico a nivel internacional.
Na actualidade, Sargadelos conta con dúas plantas de produción nas que traballan máis de 200 persoas e están presentes en Europa, Asia e América. Ademais, realizan un importante labor de difusión e promoción da cultura galega, principalmente de novos talentos nos campos da arte e a literatura.
A historia da cerámica de Buño
A cerámica de Buño, orixinal desta parroquia de comarca de Bergantiños, na Coruña, conta cunha rica historia que se remonta ao século XVI, cando se documentou por primeira vez a actividade oleira. Os oleiros de Buño foron capaces de transmitir os seus coñecementos de xeración en xeración, creando pezas utilitarias como potas, xerras e pratos, esenciais para a vida diaria no pasado.
A produción cerámica de Buño cobrou importancia durante os séculos XVIII e XIX, converténdose nunha actividade económica significativa da rexión. A principios do século XX, Buño contaba con ata oitenta olerías en activo.
Esta cerámica caracterízase polo uso de barro de alta calidade extraído do Monte de Os Barreiros, localizado a pouco máis dun quilómetro de Buño. Este material é coñecido pola súa pureza e plasticidade, o que o fai ideal para a olería. Os artesáns extraen o barro durante o verán, realizando pozos verticais para buscar a veta desexada e seguindo técnicas mineiras para evitar afundimentos.
Ademais do barro, utilízanse outros materiais naturais da zona para o vidriado das pezas. Tradicionalmente, empregábase galena de Linares (Lugo) e sílice de Laxe (A Coruña), así como diferentes óxidos que achegaban cor ás pezas. Estes minerais mestúranse e aplícanse sobre as pezas antes do seu enfornado, o que lles dá o seu característico acabado vidriado.
A partir dos anos sesenta, a actividade oleira en Buño comezou a entrar en decadencia, pero o temor á desaparición desta actividade motivou á creación de asociacións de ‘oleiros’, como o ‘Gremio Sindical Artesán de Oleiros de Buño’, en 1969, e a ‘Asociación Fumeiro’, en 1979. Estas asociacións loitaron por manter viva a tradición con accións como a ‘Mostra da Olería de Buño’, na que se celebra a identidade artística e histórica da cerámica desta zona.
Os louceiros de Bamio
A tradición ‘oleira’ de Bamio, en Vilagarcía de Arousa, ten unha rica historia que se remonta a fai máis de tres séculos. Os ‘louceiros’ de Bamio eran coñecidos por fabricar unha ampla variedade de utensilios de arxila, desde louza utilitaria ata obxectos decorativos. Para a creación das pezas de cerámica, os oleiros de Bamio, de xeito excepcional, transportaban os materiais por mar desde xacementos situados a 25 quilómetros de distancia. Durante o século XX, a actividade oleira en Bamio comezou a declinar ata o peche do último taller nos anos corenta.
Recentemente, esforzos conxuntos entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Mulleres Rurais de Bamio buscaron recuperar e preservar a tradición oleira na zona. A través de investigacións e exposicións, recompiláronse pezas e recordos que reflicten a rica herdanza dos oleiros de Bamio. Estes esforzos permitiron que a comunidade local redescubra e valore o seu patrimonio cultural, mantendo viva a memoria dos antigos artesáns.
A tradición dos ‘cacharreiros’ de Bonxe
A parroquia de San Mamede de Bonxe, en Outeiro de Rei, é un tesouro artístico e antropolóxico que mantivo viva a tradición oleira durante séculos. Bonxe foi durante anos terra de ‘cacharreiros’, onde a maior parte da poboación vivía da cerámica. Esta tradición artesanal segue viva grazas a artesáns como Pepa Lombao, a última oleira da comarca.
A olería de Bonxe distínguese polas súas pezas utilitarias e decorativas, que tradicionalmente presentaban unha ornamentación con debuxos en forma de medias lúas de cor branca. A calidade, a forma e o uso do barro caracterizan a cerámica artesanal desta zona. Ao longo dos anos, a olería de Bonxe enfrontou desafíos, pero grazas aos esforzos de preservación e a paixón dos seus artesáns, esta tradición segue sendo un reflexo importante da identidade cultural galega.
A cerámica vidriada de Niñodaguia
A olería de Niñodaguia, na comarca da Limia (Ourense), é un dos focos tradicionais máis importantes da cerámica en Galicia. As primeiras referencias a esta olería datan de hai máis de catro séculos, e desde entón, a tradición transmitiuse de xeración en xeración. Os ‘cacharreiros’ de Niñodaguia, tamén coñecidos como ‘xarreiros’ ou ‘calleiros’, conseguiron manter viva esta tradición grazas á abundante e peculiar arxila do Monte do Barro, rica en caolín.
A cerámica de Niñodaguia distínguese pola seu vidriado amarelo, que permite ver a cor natural da arxila. Este esmalte, denominado plumbífero, que se consegue con sílice e galena, é característico da rexión e dálle ás pezas o seu distintivo acabado.
Os fornos tradicionais, mencionados por primeira vez en estudos etnográficos do século XX, son circulares e evolucionaron desde construcións de pedra a estruturas mixtas de ladrillo.
Hoxe en día, o Museo Taller Niñodaguia ofrece unha xanela a esta rica herdanza, permitindo aos visitantes explorar os antigos fornos e participar en distintas actividades.
Gundivós: a cerámica negra da Ribeira Sacra
A aldea de Gundivós, situada en Sober (Lugo), é famosa pola súa cerámica de cor negra, unha das máis antigas e distintivas de Galicia. A tradición oleira de Gundivós remóntase polo menos á Idade Media e a súa reputación consolidouse no século XIX, cando se converteu nun importante centro de produción cerámica da rexión.
Esta cerámica caracterízase pola súa cor negra, obtida mediante unha técnica de cocción en fornos de leña que deixa as pezas cun acabado afumado e brillante. Este proceso, coñecido como ‘cocción redutora’, implica a queima de madeira nun ambiente con pouco osíxeno, o que dá lugar a esa distintiva cor negra das pezas.
A mediados do século XX, a produción de cerámica de Gundivós case desaparece debido á competencia doutros materiais como o plástico ou o vidro, pero na década de 1970, un grupo de artesáns locais, liderados por figuras como Elías González, revitalizaron a tradición. González aprendeu o oficio de oleiro dun dos artesáns da zona e estableceu a Reitoral de Gundivós, un proxecto integral que combina artesanía e turismo e que, a día de hoxe, ofrece talleres, exposicións e visitas guiadas.