O coidado do medio ambiente é un dos activos da minería moderna, especialmente en rexións como Galicia, onde existe unha longa experiencia. A recuperación de antigas explotacións converteuse nunha vía clave para demostrar que o desenvolvemento industrial pode ir da man da sustentabilidade e a conservación do medio ambiente.
Nos últimos anos, Galicia conta con numerosos exemplos de rehabilitacións que melloraron a biodiversidade nos espazos intervidos, xerando así novos valores paisaxísticos, sociais e económicos.
A restauración ambiental das explotacións de áridos
O aproveitamento dos áridos (gravas, areas e outros materiais empregados fundamentalmente na construción), como calquera actividade humana, xera certo impacto sobre o entorno durante a fase extractiva. Porén, a súa restauración é viable debido a que as alteracións xeomorfolóxicas non son significativas.
Así mesmo, a normativa vixente esixe que todo proxecto mineiro inclúa un plan de restauración ambiental, que debe aplicarse unha vez rematada a actividade extractiva. Os principais obxectivos son:
- Restablecer a xeomorfoloxía.
- Recuperar solos fértiles e promover a revegetación natural.
- Restablecer ou crear hábitats naturais funcionais.
- Favorecer novos usos do terreo (ocio, agricultura, conservación, etc.).
Para acadar estas metas, pódense levar a cabo múltiples técnicas como o recheo e perfilado de taludes, a sementeira de especies vexetais autóctonas, a creación de láminas de auga permanentes ou temporais, ou a instalación de elementos que favorezan a biodiversidade (niños, refuxios para insectos, etc.), entre outras.
Da extracción a zonas naturais protexidas
A nosa comunidade autónoma converteuse nun referente estatal en canto á restauración ambiental de explotacións de áridos. As características climáticas da rexión, a abundancia de choivas e solos ricos en materia orgánica, facilitan a revegetación natural, que, xunto ás mellores técnicas dispoñibles aplicadas polas empresas e á evolución normativa, permitiu o desenvolvemento de proxectos modélicos.
A lagoa de Begonte (LU)
Hai case unha década, en 2016, a empresa ERIMSA, dedicada á extracción de gravas silíceas, recibiu un premio por parte da Unión Europea de Produtores de Áridos en recoñecemento ás súas boas prácticas ambientais no proxecto de restauración da lagoa de Begonte, unha área de gran valor ecolóxico que convive en absoluta harmonía cunha concesión activa para a explotación mineira.
A estratexia de restauración progresiva aplicada pola empresa consistiu, entre outras cousas, en ir modelando o terreo para favorecer a acumulación natural de auga. Deste xeito, os ocos xerados durante o proceso de explotación fóronse enchendo de auga de forma natural.
O resultado vese reflectido na formación dunha serie de lagoas na contorna de Riocaldo e de novas zonas de bosque de ribeira. Con este proxecto de restauración ambiental, ERIMSA pretende poñer en valor a zona mediante un plan de impulso ao turismo ambiental, o proxecto Begonte Natura-Ecoparque Lagoas de Riocaldo, salientando a paisaxe e a diversidade biolóxica do entorno da lagoa.
A zona de actuación forma parte da Rede Natura 2000 por ser considerada unha área privilexiada para a conservación da biodiversidade. Por todo isto, a lagoa de Begonte é un exemplo de como unha explotación mineira de áridos pode reintegrarse na paisaxe circundante, xerando un valor engadido para a comunidade.
Fonte: Erimsa.
A lagoa de Antela (OU)
En Ourense, na zona da Limia, as empresas Graveras Castro, Corporación Arenera de A Limia e Áridos Antelanos, levaron a cabo un proxecto de restauración ambiental considerado dos máis importantes a nivel europeo. O obxectivo era, por unha banda, recuperar zonas húmidas similares ás da lagoa de Antela mediante a recreación do estado orixinal que existía na década dos cincuenta do século pasado, antes da desecación do gran volume de auga para a súa transformación en terreos agrícolas; e, por outra banda, demostrar a compatibilidade da actividade co medio ambiente na recreación de espazos de biodiversidade anteriormente eliminados.
Como afirman desde a Asociación Galega de Áridos (ARIGAL): “O humidal está a recuperar pouco a pouco o aspecto definido no plan de recuperación e xa é posible observar unha gran variedade de aves e fauna acuática, sobre todo aves migratorias, que teñen os seus niños no entorno e que son cada vez máis numerosas, multiplicándose por dez nos últimos 30 anos”.
O plan de rehabilitación tamén contempla varias actuacións para asegurar un nivel de conservación adecuado para os hábitats das especies que viviron na zona no pasado, cando a lagoa de Antela era a máis grande de España, con 42 quilómetros cadrados de extensión.
Fonte: Brais Lorenzo.
Máis alá da normativa: un cambio de enfoque
Aínda que a lexislación vixente obriga a contemplar a restauración ambiental en calquera proxecto mineiro, o verdadeiramente transformador é o cambio de enfoque que se produciu: de vela como un trámite legal, pasouse a concibila como unha oportunidade. As empresas do sector levan anos sendo conscientes de que unha boa restauración xera un impacto moi valioso do que poderán beneficiarse as xeracións vindeiras.
Ademais, a experiencia galega pon de manifesto que o aproveitamento de áridos é compatible co medio ambiente e que a restauración non debe limitarse á reposición do terreo, senón que pode e debe xerar valor engadido: reservas de biodiversidade, espazos de lecer, recursos turísticos ou zonas de investigación ecolóxica.
Todo isto é o resultado da combinación de concienciación empresarial, condicións naturais favorables e unha normativa esixente. A medida que o sector avanza, a restauración ambiental deixa de ser o final dun proceso para converterse nunha oportunidade clave de rexeneración, colaboración e futuro para os territorios onde se desenvolve a actividade extractiva.