Neste 2025, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) celebra o seu centenario, consolidándose como unha das institucións máis relevantes do tecido económico, industrial e social da comunidade. Fundada en 1925, a COMG foi testemuña e protagonista da profunda transformación do sector mineiro galego, acompañando a empresas, profesionais e á sociedade nun camiño de innovación, sostibilidade e compromiso co territorio.

Primeiro boletín da COMG, en setembro de 1925. Imaxe: COMG
Un século de liderado, diálogo e defensa do sector
A historia da minería en Galicia é, en gran medida, a historia da propia Cámara. Nacida para representar e unir as voces de quen traballaban no subsolo galego, a COMG evolucionou ata converterse nun espazo de referencia e diálogo entre empresas, administracións e sociedade civil. Ao longo destes cen anos, a institución defendeu os intereses do sector, facilitando a adaptación aos grandes retos do século XX e XXI: desde a modernización tecnolóxica ata a sostibilidade ambiental e a aceptación social.
A Cámara liderou a transición cara a unha minería responsable, innovadora e aliñada coas esixencias europeas, posicionando Galicia como referente na extracción e transformación de recursos minerais. O seu papel estratéxico tradúcese en preto de 5.000 empregos directos e máis de 10.000 indirectos, especialmente en áreas rurais, onde a minería axuda a fixar poboación, impulsar o desenvolvemento local e consolidar a identidade dos territorios.
Galicia: mosaico de recursos e futuro
Cada provincia galega achegou e achega a súa riqueza ao sector. Na Coruña, as minas de lignito de As Pontes e Meirama non só foron claves para o subministro enerxético nacional, senón que a súa restauración ambiental transformou antigos ocos mineiros en espazos de biodiversidade e desenvolvemento turístico, como o lago artificial das Pontes, hoxe o maior de España. Ademais, a provincia conta cunha longa tradición na extracción de estaño e volframio, especialmente nas históricas minas de San Finx e Santa Comba.
En Pontevedra, a comarca do Porriño posicionouse como líder europeo na produción de granito ornamental, mentres o porto de Vigo actúa como hub loxístico internacional para a exportación de pedra natural e doutros produtos mineiros. A aposta pola formación superior, coa Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, reforza a excelencia e a innovación no sector.
Ourense, pola súa banda, destaca pola calidade da súa lousa, que sitúa a Galicia como líder mundial en produción e exportación. A comarca de Valdeorras é exemplo de como a minería pode xerar emprego de calidade e fixar poboación no rural, apostando pola sostibilidade. O potencial das augas mineromedicinais ourensás atrae cada ano a milleiros de visitantes e consolida a provincia como un destino termal de referencia europea.
Lugo, coa súa tradición na extracción de ferro e doutros minerais industriais, viu como a minería contribuíu ao crecemento económico de comarcas enteiras. Hoxe, a lousa, a magnesita, o feldespato e o caolín seguen impulsando o emprego e a diversificación industrial na provincia.
Os áridos, presentes en toda Galicia, son esenciais para a construción de infraestruturas e o mantemento do tecido industrial.
Un ano de celebracións
Para conmemorar o seu centenario, a Cámara Oficial Mineira de Galicia despregou un programa de actividades que reforzan a súa vocación divulgativa e o seu papel como axente impulsor do desenvolvemento económico, industrial e social da comunidade.
Un dos fitos máis destacados foi a exposición urbana itinerante “Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo”, que percorreu Lugo, A Coruña, Ourense, Vigo, Parada do Sil, Santiago de Compostela, Boqueixón e O Pino. A través de oito paneis divulgativos, a mostra percorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia, desde a minería aurífera romana ata a actualidade, repasando a evolución do sector e o seu impacto na economía, a cultura e a paisaxe.
A exposición pon en valor a vinculación entre a minería e o patrimonio monumental galego, como a Catedral de Santiago, construída con granito extraído de canteiras próximas, e subliña a importancia dos minerais na identidade e no desenvolvemento da rexión. Ademais, repasa os grandes fitos da historia da Cámara, desde a súa fundación ata a renovación da súa imaxe corporativa e a adopción dun novo logotipo e lema: “Cen anos de minería unidos polo futuro de Galicia”.
Dentro do programa do centenario, destaca tamén o ciclo de encontros “De aquí en 100 anos: Diálogos para a Galicia do futuro”. Trátase dunha serie de almorzos e mesas de debate que reúnen personalidades clave do ámbito empresarial, académico e social para analizar o pasado, o presente e o futuro de Galicia.
Estes encontros abordan os grandes retos do territorio e poñen o foco na evolución de sectores estratéxicos como a moda, a automoción ou a tecnoloxía, amosando a súa estreita relación cos recursos naturais galegos. Así, a Cámara fomenta un diálogo aberto e interdisciplinar para pensar Galicia en clave de sostibilidade, competitividade e innovación de cara ao próximo século.
Compromiso coa sostibilidade e a innovación
A Cámara Oficial Mineira de Galicia é hoxe un referente na promoción dunha minería sostible, innovadora e responsable, que contribúe á autonomía estratéxica de Europa e ao benestar das xeracións futuras. A institución continúa traballando para fortalecer a colaboración público-privada, impulsar a formación e a investigación aplicada, e posicionar Galicia como rexión líder en minería verde e circular.
O centenario da COMG é unha oportunidade para recoñecer o papel fundamental da minería na historia, no presente e no futuro de Galicia. É, tamén, unha invitación a seguir construíndo, desde a excelencia e a responsabilidade, un sector mineiro que sexa fonte de emprego, competitividade, orgullo rexional e desenvolvemento sostible.


