Galicia é unha referencia europea en xeoturismo e valorización do patrimonio xeolóxico grazas aos seus dous Xeoparques Mundiais da UNESCO: Montañas do Courel e Cabo Ortegal. Estes territorios non só preservan e difunden a historia xeolóxica e mineira galega, senón que tamén ofrecen un modelo singular de desenvolvemento local sostible, no que a ciencia, a conservación e a economía rural van da man.
Xeoparque do Cabo Ortegal. Imaxe: Geoparques
Un xeoparque é un territorio cun patrimonio xeolóxico de relevancia internacional que conta cunha estratexia de desenvolvemento sostible baseada na educación, a investigación, a conservación e o turismo responsable. Os xeoparques están recoñecidos pola UNESCO e procuran integrar a protección do medio natural, a divulgación científica, a dinamización económica e a participación da comunidade local.
A diferenza doutros espazos protexidos, os xeoparques non só conservan recursos naturais: tamén xeran valor a longo prazo mediante a formación, o turismo e a posta en valor da historia xeolóxica e mineira.
No caso de Galicia, os seus xeoparques achegan moito valor ao territorio: son motores de desenvolvemento rural e de diversificación económica. Por unha banda, xeran emprego descentralizado entre guías turísticos, profesionais da hostalaría, investigadores, conservadores do patrimonio e educadores. E, pola outra, a rehabilitación do patrimonio arquitectónico e a integración de rutas culturais, igrexas románicas e tradicións rurais reforzan a identidade local e o tecido social.
Nese sentido, o aumento de visitantes tras a designación como Xeoparque Mundial impulsou a demanda de servizos turísticos e a creación de novas oportunidades económicas, demostrando que a valorización do patrimonio xeolóxico xera riqueza e fixa poboación.
Montañas do Courel: unha xanela a 500 millóns de anos de historia
Designado Xeoparque Mundial da UNESCO en 2019 e revalidado ata 2028, Montañas do Courel, en Lugo, é un territorio excepcional que permite percorrer máis de 500 millóns de anos de historia xeolóxica do planeta. A súa xeodiversidade é única, con formacións rochosas do Paleozoico, fósiles de máis de 300 millóns de anos e o célebre pregamento de Campodola-Leixazós, un punto de interese xeolóxico recoñecido internacionalmente.
O Courel é un tesouro xeolóxico, mineiro e cultural: alberga 99 minas de ouro romanas, minas de prata, chumbo e estaño, 66 castros e máis de 5 km de canles hidráulicas construídas polos romanos. Esta integración entre xeoloxía e humanidade converte o xeoparque nun laboratorio vivo de ciencia, historia e arqueoloxía.
A infraestrutura que ofrece ás persoas visitantes é exemplar: 26 miradoiros, 8 museos e centros de interpretación e 189 km de sendeiros. A biodiversidade é outro dos seus valores: a Devesa da Rogueira, con 20 tipos de bosque distintos e especies como o oso pardo, é un exemplo de como a xeoloxía modela ecosistemas únicos.
Cabo Ortegal: rochas do manto terrestre e ciencia de vangarda
O segundo xeoparque galego, Cabo Ortegal, situado na provincia da Coruña, foi designado Xeoparque Mundial da UNESCO en 2023. A súa principal singularidade é a exposición de rochas do manto terrestre, materiais que normalmente permanecen a gran profundidade e que aquí poden observarse en superficie, outorgándolle ao territorio un significado xeolóxico mundial.
O xeoparque abrangue un territorio costeiro de grande beleza e espectacularidade, con cantís, praias, formacións rochosas singulares e unha biodiversidade asociada á interacción entre o océano e as estruturas xeolóxicas. Ademais do seu valor científico, Cabo Ortegal tamén aposta pola educación ambiental e o turismo responsable, con rutas interpretativas, miradoiros, actividades formativas e a integración da cultura local na oferta turística.
Cabo Ortegal complementa así a oferta de Montañas do Courel e reforza a posición de Galicia como rexión de excelencia xeolóxica, capaz de atraer a investigadores, educadores, estudantes e turistas de todo o mundo.
Un modelo para a minería sostible
Os xeoparques galegos son un exemplo de como valorizar os depósitos minerais a través da educación, o turismo e a investigación. Integran o patrimonio mineiro histórico, como as minas de ouro romanas do Courel, en narrativas que explican a relación entre xeoloxía, minería e sociedade, mostrando que o legado mineiro pode ser conservado e convertido nun motor cultural.
En resumo, ambos os dous xeoparques converteron a Galicia nun referente de xeoturismo e educación científica, fortalecendo a capacidade investigadora rexional e posicionando a comunidade na Rede Global de Xeoparques da UNESCO.


