A mica é un mineral do grupo dos filosilicatos que se clasifica en dúas formas segundo o seu tamaño e orixe: en lámina ou moída; esta segunda obténse como subproduto doutras explotacións como o feldespato ou o caolín.
A súa forma máis pura, a laminada, destaca por ter sido utilizada por civilizacións antigas debido ao seu aspecto nacarado e brillante e á súa capacidade para dividirse en finas capas transparentes ou translúcidas.
Porén, viviu unha evolución desde obxecto ornamental ata material estratéxico na industria eléctrica e electrónica, converténdose nun exemplo paradigmático de como o desenvolvemento tecnolóxico transforma o valor dos recursos naturais ao longo do tempo.

 

micaMineral de mica. Imaxe: @vvoevale vía Canva.

Durante os últimos 5 anos, a produción mundial anual de mica natural mantívose entre 350.000 e 425.000 toneladas, sendo os maiores produtores China, Madagascar, Finlandia, India e Estados Unidos. China lidera tanto na extracción como na transformación industrial e, xunto con outros países asiáticos, concentra máis do 80 % do consumo global. Pola súa banda, India e Madagascar son grandes exportadores de mica en bruto, particularmente para as industrias cosmética e da automoción; porén, parte desta produción provén de minaría artesanal non regulada, o que xerou preocupación nos mercados occidentais por cuestións sociais e de sustentabilidade.
No que respecta a España, temos unha produción modesta pero relevante no contexto europeo. A mica nacional é aquela que se obtén como subproduto doutros minerais, principalmente de explotacións das comunidades autónomas de Galicia e Castela e León. Neste sentido, o noso país sitúase máis como consumidor e importador ca como produtor, aínda que con nichos de valor engadido que poderían potenciarse.

Vestixios históricos da mica

No antigo Exipto e en culturas mesopotámicas, a mica empregábase para decorar artefactos, incrustacións en obxectos de culto e mosaicos, grazas á súa resistencia química e ao seu brillo metálico. Na Roma clásica, tamén existen rexistros do uso da mica, pero neste caso como substituto do vidro en xanelas de templos e termas, cando a transparencia era máis valorada ca a resistencia mecánica.
Durante séculos, a mica continuou empregándose en aplicacións decorativas e artísticas. Na Idade Moderna, o seu uso estendeuse á fabricación de pigmentos para pinturas e vernices, grazas á súa capacidade para reflectir a luz e achegar un efecto perlado.
Mesmo hoxe, a mica figura entre os compoñentes básicos de pinturas metalizadas, esmaltes, papel pintado e produtos cosméticos, como sombras de ollos e pós compactos, onde a súa seguridade e brillo seguen a ser calidades apreciadas.

O salto industrial

O verdadeiro punto de inflexión na historia da mica chegou co desenvolvemento da electricidade e da industria electrónica no século XIX.
As propiedades fisicoquímicas da mica —como a alta resistencia dieléctrica ou a baixa condutividade térmica—, así como a súa flexibilidade e estabilidade a altas temperaturas, convertérona nun material asexeitado para a fabricación de illantes eléctricos e compoñentes electrónicos.
A partir de finais do século XIX e durante todo o século XX, a mica foi esencial na fabricación de condensadores, separadores en xeradores e motores eléctricos, interruptores, tubos de baleiro e, máis tarde, en dispositivos de radio e radar. A súa capacidade para soportar tensións elevadas e temperaturas extremas fíxoa insubstituíble en aplicacións críticas, incluídas as primeiras tecnoloxías aeroespaciais e militares.

láminas de mica

Lámina de mica. Imaxe: @vvoevale vía Canva.

Na actualidade, a mica segue a ser un material estratéxico, aínda que en menor volume ca no pasado debido á aparición de novos materiais sintéticos. Porén, o seu uso mantense en sectores onde se requiren propiedades dieléctricas e térmicas excepcionais, como en compoñentes da automoción, electrónica de potencia, baterías avanzadas, reactores nucleares e aplicacións espaciais.
Ademais, a extracción e o procesado da mica enfróntanse agora a maiores esixencias de sustentabilidade e trazabilidade, en liña coa normativa europea sobre materias primas críticas. Neste contexto, Galicia e o resto de España traballan na mellora das técnicas de explotación e na valorización de subprodutos da minaría de mica, co obxectivo de reducir o impacto ambiental e fomentar a economía circular,