A competitividade da Unión Europea no século XXI vese ameazada pola posibilidade de non asegurar un subministro estable e sostible de materias primas críticas. Estas materias son fundamentais para a transición enerxética e a dixitalización, factores decisivos para o crecemento económico e a innovación tecnolóxica. Sen embargo, dado que os recursos están concentrados nunha pequena cantidade de países e a situación xeopolítica é cada vez máis tensa, a vulnerabilidade de Europa faise cada vez máis evidente.
En resposta a estes desafíos, a Comisión Europea elaborou o informe ‘The future of European competitiveness. A competitiveness strategy for Europe’, que establece unha estratexia integral para reducir a dependencia das importacións e fortalecer a autonomía europea na produción e procesado de materias primas críticas.
A dependencia europea de materias primas críticas
O mercado mundial de minerais críticos para a transición enerxética duplicou o seu tamaño nos últimos anos, acadando os 300 mil millóns de euros en 2022. A demanda de litio, cobalto e níquel é moito maior debido ao uso extensivo da enerxía verde. Por exemplo, a demanda mundial de litio triplicouse entre 2017 e 2022, e a de cobalto e níquel medrou un 70% e un 40% respectivamente. A Axencia Internacional de Enerxía (IEA) proxecta que a demanda de minerais para tecnoloxías de enerxía verde aumentará entre catro e seis veces para 2040.
Sen embargo, a oferta de materias primas críticas, especialmente en relación co procesado e refinado, está altamente concentrada entre un pequeno número de provedores. Isto coloca a Europa en dúas situacións de risco: a volatilidade dos prezos e o uso destes minerais como arma xeopolítica. China, por exemplo, é o maior procesador de níquel, cobre, litio e cobalto, representando entre o 35% e o 70% do procesamento global, e as restriccións á exportación de materias primas como estas por parte do xigante asiático autmentaron significativamente entre 2009 e 2020.
Outros centros económicos mundiais están a tomar medidas para garantir cadeas de subministro independentes e reducir a súa vulnerabilidade. China está adquirindo activos mineiros en África e América Latina a través da súa iniciativa Belt and Road; Estados Unidos despregou o Inflation Reduction Act (IRA) e outros fondos de defensa para desenvolver capacidades de procesado, refinado e reciclaxe a nivel nacional. Xapón ten un mandato estratéxico dende a década dos 2000 para mellorar o acceso a proxectos mineiros no estranxeiro.
Europa ante a dependencia de materias críticas
Para facer fronte aos desafíos relacionados coa dependencia de materias críticas e garantir a súa competitividade, o informe da Comisión Europea propón unha estratexia integral que abarca varias áreas clave. E aínda que a Acta de Materias Primas Críticas (CRMA) da UE é a dirección correcta, faise necesaria unha estratexia completa que considere todas as etapas da cadea de subministro, dende a extracción ata a reciclaxe dos minerais.
En primeiro lugar, suxírese a creación dunha Plataforma de Materias Primas Críticas para a UE que permita aproveitar o poder de mercado de Europa ao agregar a demanda e negociar as compras cos países produtores de maneira conxunta. Isto permitirá que Europa aproveite o seu poder de mercado e adquira os produtos a un prezo máis baixo. Ademais, a plataforma debería xestionar as reservas estratéxicas a nivel europeo, o que amortiguará as fluctuacións do mercado e garantirá o subministro en tempos de crise.
En segundo lugar, a UE debería fortalecer a súa diplomacia de recursos, centrándose nas súas necesidades estratéxicas. A loxística conxunta con outros países compradores afíns a Europa, como Xapón, Corea do Sur ou Australia, é imprescindible. Ademais, a UE debería explorar o potencial da minería en augas profundas de forma sostible, xa que se estima que o fondo mariño contén grandes depósitos de minerais críticos.
Aproveitar os recursos domésticos é outro compoñente importante da estratexia. Segundo o informe, acelerar a apertura de minas domésticas podería permitir á UE satisfacer toda a súa demanda de certos minerais críticos. Así mesmo, é fundamental crear un verdadeiro mercado único para a reciclaxe e a circularidade, fortalecendo un mercado secundario de residuos de materias primas críticas e coordinando as políticas de exportación de residuos dentro da UE, de forma que tamén poidan extraerse materiais atopados en produtos retirados, como vehículos eléctricos e aeroxeradores.
Outro aspecto fundamental que expón o informe da Comisión Europea é a innovación en materiais alternativos. Para reducir a dependencia das importacións de materias primas estratéxicas, a UE debe aumentar o investimento en I+D+i para desenvolver materiais alternativos que poidan substituílas. Por exemplo, empresas tecnolóxicas estadounidenses como Microsoft utilizaron recentemente a intelixencia artificial para desenvolver un novo material que podería reducir o contido de litio nas baterías nun 70%.
Neste sentido, a UE debe seguir unha estratexia coordinada para reforzar a súa capacidade de produción interna en industrias estratéxicas. No caso dos semicondutores, nos que predomina o silicio, a UE debe maximizar os seus esforzos para fortalecer a innovación e a súa presenza nos segmentos de chips máis avanzados. Isto inclúe o financiamento de I+D+i, a creación de laboratorios de proba e o apoio a empresas do sector. Igualmente, é fundamental reforzar as consideracións de seguridade en canto á adquisición de tecnoloxía, así como favorecer o uso de provedores de confianza para Europa.
Todas as iniciativas recollidas no informe conducen a unha redución da dependencia da UE na importación de materias primas críticas, a fortalecer a súa capacidade de produción interna e a asegurar un subministro sostible e estable. A cooperación europea con outros socios internacionais tamén é esencial para o éxito das medidas recollidas no informe.