A minaría favorece rendas e pensións máis altas

2019-04-26T18:50:40+02:0026/04/2019|

A contribución da minaría á riqueza de Galicia non pode poñerse en dúbida nas estatísticas oficiais. Se se xuntan as oportunidades laborais directas que brinda unha explotación mineira, á industria transformadora que a acompaña e a creación de empregos indirectos, o impacto é moi grande. Sobre todo, pode apreciarse en comarcas sen outra actividade destacable.

Durante a fase de explotación dunha mina, que pode ser de varias décadas, as empresas necesitan man de obra cualificada que non é fácil de atopar, polo que os salarios mineiros adoitan estar por encima das medias doutros sectores como o da construción, forestal, agropecuario ou pesqueiro, en posicións similares. Pola mesma razón, as pensións dos traballadores mineiros son máis altas que a media.

Cos datos na man, a Estatística de Declaracións de Renda a nivel municipal da Axencia Tributaria (2017) sobre renda bruta anual marca que a media da comunidade é de 22.402 euros. Mentres, o informe sobre prestacións da Seguridade Social publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en relación a 2017 reflicte que a pensión media en Galicia é de 777 euros ao mes. Vexamos como se comportan as principais zonas con concentración de actividade mineira da comunidade nestas dúas estatísticas.

O carbón do Concello das Pontes

A actividade da mina de lignito pardo cesou en 2007, deixando detrás unha rehabilitación exemplar e unha área industrial dinámica, coa central térmica de carbón de Endesa como motor. É o segundo municipio con maior renda per cápita de Galicia con 23.354 euros por habitante e ano.

En canto ás pensións, As Pontes (A Coruña) mantense, un ano máis, como o concello onde se cobran as pensións máis elevadas da comunidade, cunha media de 1.333 euros por beneficiario. Nos momentos de maior demanda de mineral, a mediados dos anos 1980, chegaron a traballar na mina case 1.800 persoas de forma directa.

A lousa da comarca de Valdeorras

Os concellos de Carballeda e do Barco de Valdeorras (Ourense) marcan unha diferenza moi clara co resto da provincia de Ourense. O epicentro da lousa de Galicia conta coas rendas máis altas da provincia. No Barco, a media está en 19.970 euros anuais e en Carballeda, en 16.840 euros anuais.

Igualmente, as pensións destas dúas localidades son as máis altas da provincia e por riba da media galega. Especialmente significativo é o caso de Carballeda de Valdeorras. En Ourense, a provincia coas pensións máis baixas, é o único municipio cunhas pensións de máis de 1.000 euros, mentres que O Barco, con 861 euros, é o segundo. Constátase así como a histórica actividade mineira relacionada coa lousa en Valdeorras favoreceu que os seus pensionistas cobren as prestacións máis altas da provincia.

O aluminio do Concello de Cervo

A planta de concentración de aluminio operada por Alcoa é o motor do Concello de Cervo, que é a localidade con maior renda dispoñible da provincia de Lugo, cunha media de 20.620 euros anuais. Ademais, os concellos limítrofes rexistran tamén rendas por riba da media, aínda que neses casos as actividades forestais e de industria pesqueira inflúen tamén nas altas cifras.

Con respecto ás pensións, Cervo é outra das localidades que, sen ser unha das grandes cidades galegas, rexistra pensións que superan os 1.000 euros, cun importe medio de 1.175 euros ao mes. Sen dúbida a presenza da empresa Alcoa, dedicada ao refino de mineral, explica esta cifra.

O granito do Concello de Porriño

A capital do granito de Galicia non ten unha media de renda dispoñible que destaque das localidades da súa contorna, por tratarse dunha comarca dinámica economicamente, ben comunicada e situada na área metropolitana de Vigo e que, ademais, conta con outros sectores industriais que difuminan o impacto da minería. A pesar diso, a renda dispoñible en Porriño está entre as máis altas da provincia de Pontevedra, con 17.660 euros de media.

En canto a pensións, a cifra é de 958 euros mensuais. Súmase así ás localidades galegas onde os pensionistas teñen maior poder adquisitivo.

A dispersión do resto das minas activas de Galicia, así como o seu carácter de pequena empresa non permite reflectir impactos destacables en renda e pensións que teñen as actividades extractivas menos concentradas nun territorio concreto, como os áridos e os minerais industriais.