O litio é un metal alcalino dúctil e lixeiro que existe na natureza mesturado con outros compostos e utilízase de diversas maneiras, pero principalmente para a fabricación de baterías. Por este motivo, a súa demanda aumentou significativamente nos últimos anos, especialmente ligada á expansión do vehículo eléctrico.
As baterías que se usan para propulsar estes automóbiles están feitas de ións de litio, son recargables e teñen unha vida útil limitada, pero non perden todo o seu potencial unha vez que xa non serven para ese propósito. Aquí entra en xogo o concepto de ‘segunda vida’: unha estratexia que permite aproveitar baterías usadas en novas aplicacións, alongando a súa utilidade e reducindo o consumo de recursos naturais.
Sistemas para atrasar a xubilación das baterías de litio
As baterías de litio, cando deixan de ser útiles nos vehículos eléctricos por perder entre un 20% e un 30% da súa capacidade, aínda conservan suficiente carga e estabilidade para seguir funcionando noutros contornos menos esixentes.
As baterías reacondicionadas atopan o seu lugar, principalmente, en sistemas de almacenamento estacionario. Algunhas das aplicacións máis comúns inclúen:
- Almacenamento estacionario de enerxía: consistente en gardar excedentes de produción solar ou eólica para o seu uso posterior, asegurando a súa dispoñibilidade cando non hai xeración directa, estabilizando redes eléctricas e favorecendo a integración de renovables.
- Sistemas de respaldo (backup): aplicable a infraestruturas críticas como hospitais, centros de datos ou estacións de telecomunicacións.
- Electrificación de zonas rurais ou illadas: a instalación de baterías reacondicionadas nestes lugares pode ser unha opción máis económica ca empregar unhas novas.
Baterías de automóbiles reutilizadas. Fonte: Mobilize.
Que pasos se deben seguir para facer isto posible?
O proceso para outorgar unha segunda vida a unha batería de litio non é inmediato e divídese en varias etapas clave:
- Recollida, avaliación e clasificación: as baterías que abandonan o mercado sométense a varias probas para determinar o seu estado e se son aptas para novos usos. Só se reutilizan aquelas que aínda presenten niveis aceptables de rendemento e seguridade; as que presenten danos ou riscos, descártanse.
- Reacondicionamento: desmóntanse os módulos, substitúense os elementos defectuosos e vólvense ensamblar con novos sistemas de xestión electrónica (BMS) adaptados ao novo uso.
- Verificación e validación: as baterías reacondicionadas deben cumprir a normativa en materia de seguridade, rendemento e compatibilidade, que garanta o seu funcionamento e fiabilidade en novas aplicacións.
Vantaxes económicas e ambientais
O uso de baterías de segunda vida contribúe de xeito significativo á economía circular e á sostibilidade, xa que posibilita:
- Aprazar a reciclaxe, que é un proceso máis custoso e tecnicamente máis complexo ca a reutilización.
- Reducir a extracción e o consumo de materias primas críticas, como o propio litio, o cobalto, o níquel ou o grafito, actualmente consideradas estratéxicas.
- Diminuír a xeración de residuos perigosos, alongando a vida útil das baterías e, por conseguinte, atrasando o seu tratamento como posible residuo contaminante.
- Minimizar a pegada de carbono, evitando aumentar a produción de baterías novas.
- Abaratar o almacenamento enerxético.
- Impulsar novas industrias ligadas ao reacondicionamento, á loxística e aos servizos enerxéticos.
Múltiples vías para a innovación
No ano 2030, a reciclaxe de baterías de vehículo eléctrico en España proporcionará o 84,5% e o 60,2% do volume de litio e cobalto, respectivamente, que necesitarán as novas baterías que se produzan ese mesmo ano. Esta é unha das conclusións do ‘V Informe Anual de Recyclia sobre Tendencias na industria da reciclaxe de RAEE e pilas en España’.
Aínda que, hoxe en día, a maioría das baterías reacondicionadas se destinan ao almacenamento de enerxía en terra, estanse a explorar novas posibilidades. Entre elas, atópanse as aplicacións aeroespaciais ou marítimas, onde a fiabilidade enerxética é esencial e se requiren solucións compactas, duradeiras e seguras.
Así mesmo, estase a traballar no deseño de baterías modulares pensadas desde a súa orixe para seren reutilizadas con facilidade, o que simplificaría os procesos actuais de reacondicionamento. Este tipo de solucións abre a porta a novos mercados e a un cambio de paradigma no deseño de sistemas enerxéticos flexibles, adaptables e sostibles.
Batería de un coche eléctrico. Fuente: Shutterstock.
O concepto de ‘segunda vida’ nas baterías de litio consolidouse como unha peza clave para acadar unha transición enerxética máis limpa, eficiente e responsable. Desde un punto de vista técnico, ambiental e económico, supón unha forma intelixente de prolongar a utilidade dun recurso valioso, reducir os impactos negativos e xerar novas oportunidades de desenvolvemento industrial.