Coltan libre de conflitos, en Galicia

2019-06-14T19:43:53+02:0014/06/2019|

A listaxe de minerais estratéxicos da Unión Europea sinala unha longa serie de produtos mineiros dos que a economía comunitaria é moi dependente. Algúns destes minerais obtéñense de países con complicacións geoestratégicas como China, Rusia ou Congo, polo que calquera conflito pode afectar o núcleo industrial da UE.

Un deles é o tantalio, un elemento moi escaso na terra, que é fundamental para a tecnoloxía do século XXI. Nun mundo no que todos os aparellos electrónicos son cada vez máis lixeiros e máis finos, o uso do tantalio abriu as portas á redución de entre dez e vinte veces o volume e o peso que chegaban a ter os primeiros teléfonos móbiles. Ademais conta con aplicacións en microelectrónica, telecomunicacións, industria aeroespacial e biomédica.

Minerais de guerra: Congo

O tantalio é un elemento que se atopa no coltán, substancia composta polos minerais columbita e tantalita. O coltán é relativamente escaso na natureza e é un exemplo de materiais que pasaron de ser considerados simples curiosidades mineralóxicas a estratéxicos para o avance tecnolóxico, debido ás súas aplicacións. É utilizado en case a totalidade dos dispositivos electrónicos. E o lugar para atopalo de maneira abundante é o leste da República Democrática do Congo, nas provincias de Kivu Norte e Kivu Sur.

Este país sofre guerras entre distintas faccións desde hai décadas e unha misión da ONU non é capaz de frear asasinatos en masa, violacións e desprazamento de refuxiados. A causa do conflito é a riqueza dos minerais do país, que conta con reservas incomparables máis de 1.100 substancias minerais que se estenden sobre 9.300 quilómetros cadrados, segundo o Banco Mundial.

A zona máis rica en estaño, tantalio, wolframio e ouro é o leste do Congo. Os grupos armados controlan as minas (forzando ao traballo a nenos e adultos, sen as máis mínimas condicións de salubridade e en condicións de escravitude contratada) e tamén as estradas, polo que o goberno congoleño carece do control sobre esta zona rica en minerais. O mineral extraído en bruto cruza a fronteira cara aos países veciños de forma ilegal, alimentando a corrupción e as inxustizas. Desde Tanzania ou Quenia envíase por barco ao sur de Asia, onde se produce o seu concentrado e posterior aproveitamento.

Estímase que o Congo produce entre o 8% do estaño no mundo, o que o converte no sexto produtor mundial; o 20% da produción global de tantalio, primeiro produtor; e o 3% do wolframio global.

As medidas da comunidade internacional son de moi baixo impacto e limitadas á Unión Europea, que aprobou en 2017 unha lexislación para promover a subministración responsable de minerais en conflito que entrará en vigor en 2021.

Minerais galegos, libres de conflitos

Galicia conta con reservas dalgúns dos minerais de guerra do Congo. Existen cantidades de wolframio e estaño na Mina de San Finx e tamén ten a única mina de coltan do sur de Europa. Trátase da explotación Penouta, en Viana do Bolo (Ourense), que conta con reservas incomparables de casiterita e columbo- tantalita, que contén tantalio e niobio.

Ademais do valor do produto en si mesmo, Strategic Minerals, a empresa que opera en Penouta, cualifica ao seu coltan como un ‘produto libre de conflitos’, xa que a súa extracción na Unión Europea, cos seus altos estándares de seguridade xurídica e laboral, permite unha trazabilidade completa. Do tantalio e o niobio adquiridos no sueste asiático e extraídos en Congo non se pode dicir o mesmo.

Unha explotación que recicla e reutiliza

A mina de Penouta destaca por outro trazo, ademais do respecto polos dereitos laborais e o medioambiente; e polo valor da súa produción. Trátase dunha mina que recicla. Os minerais non se extraen da terra, extráense de dúas balsas de inertes e dun vertedoiro que deixou alí unha anterior actividade mineira. Entre 1965 e 1971 extraeuse granito. Despois, ata 1985, extraeuse estaño e tantalio, data na que se clausurou a mina polos baixos prezos de ambos os minerais.

Os responsables de Penouta naquela época non dispoñían da tecnoloxía adecuada para optimizar a extracción do mineral, polo que deixaron de explotar uns 15 millóns de toneladas de rochas e gravas. Tampouco a demanda de columbo-tantalita por parte da industria tecnolóxica era tan elevada nin a técnica mineira podía aproveitar entón os recursos de agora. Ao tratarse dunha explotación previa á lei de 1982 que obriga á restauración do terreo, a mina quedou abandonada deixando distintos pasivos ambientais atrás.

En maio de 2013 reactivouse a actividade mineira en Penouta a cargo de Strategic Minerals co obxectivo de recuperar os valiosos minerais dos refugallos inertes dos anos 1980. O proceso de recuperación do estaño, tantalio e niobio realízase por un proceso de gravidade e outro magnético, sen procesos químicos. Desta forma obtense un concentrado de casiterita e un concentrado de coltan ( columbo- tantalita). Como subproductos obtéñense outros minerais industriais como cuarzo, mica, caolín e feldespato, con valor de mercado.

A empresa estima que en Penouta pode haber uns 12 millóns de toneladas de material valioso entre as 15 que están á vista. Ademais, poderíase realizar actividade no resto do terreo da mina que non foi obxecto de perforación no pasado, se os estudos de viabilidade da empresa así o aconsellan.

Emprego e rehabilitación da contorna

A reactivación da actividade mineira dinamizou o Concello de Viana do Bolo (Ourense) coa creación de postos de traballo directos e indirectos en forma de servizos para a industria. Ademais, o permiso outorgado en 2013 obriga aos novos responsables da actividade a unha restauración completa do terreo, que se atopa na contorna do espazo Pena Trevinca, catalogado como Rede Natura 2000. Ao termo da actividade mineira, estimada en 2035, a mina podería formar parte deste espazo protexido.