Litio en Portugal, ¿litio en Galicia ?

2020-10-29T13:01:04+01:0029/10/2020|

As tendencias mundiais de electrificación están a avanzar a toda velocidade, impulsadas por unha serie de factores, especialmente os problemas ambientais e de seguridade enerxética, así como melloras na viabilidade económica da tecnoloxía e, como resultado,o mercado das baterías de ións de litio está a experimentar un cambio radical.

Recentemente, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sacou a consulta o borrador da Estratexia de Almacenamento Enerxético que apunta que: “É fundamental dispoñer de fabricantes e proveedores nacionais que xeren alto valor engadido e impulsen a innovación e a competitividade no sector, desde a provisión de materias primas e compoñentes básicos, pasando pola fabricación e o desenvolvemento de tecnoloxías, ata a prestación de todo tipo de servizos mediante os novos modelos de negocio asociados ao almacenamento”.

Con posibilidades de ter as maiores reservas de Europa, a febre do litio chegou a Portugal, onde nos últimos anos se rexistraron un gran número de solicitudes de prospección. Portugal é o maior produtor de litio en Europa, pero os seus mineiros venden case exclusivamente á industria da cerámica e só agora se están a preparar para producir litio de maior calidade empregado nos coches eléctricos e para alimentar dispositivos electrónicos.

litio-portugal-galicia

Dada a perspectiva dun aumento exponencial da demanda para o seu uso en baterías de vehículos eléctricos, o descubrimento de grandes reservas deste ouro branco en Portugal espertou interese en explotalo.

En Portugal, as seis áreas de prospección de litio están situadas na zona de Serra de Arga (Caminha, Ponte de Lima e Viana do Castelo), Covas do Barroso (Boticas), Barca d’Alva (Figueira de Castelo Rodrigo), Guarda , Mangualde e Segura (Idanha-a-Nova). Todas están ao norte do país veciño, a menos de 15 quilómetros de Galicia.

Hai litio en Galicia?

“Se hai litio no norte de Portugal, é posible que haxa en Galicia. A estrutura xeolóxica de ambos territorios é semellante e non me cabe dúbida de que é posible. A cuestión é que hai que realizar certas investigacións de campo para saber se a calidade e a cantidade son suficientes para que unha explotación mineira sexa rendible”, explica Pablo Núñez, delegado en Galicia do Colexio Oficial de Xeólogos.

Ultimamente xurdiron varias novas de movementos empresariais sobre dereitos de exploración de litio en varias zonas de Galicia que concentran os concellos pontevedreses de Fornelos de Montes, Cerdedo, Covelo, A Lama e Forcarei, o coruñés de Santa Comba e o ourensáns de Avión, Beariz, Boborás e O Irixo. Existen varias iniciativas que están a realizar prosprección de chans para saber se hai litio e outros metais de alto valor como o cobalto e o níquel en varias zonas de Galicia.

A viabilidade dunha operación de litio en Galicia depende da calidade do metal, da súa concentración no solo e da facilidade de extracción e beneficio.

A cadea de valor do litio en Galicia

En Europa, 13 millóns de empregos dependen da industria do automóbil. Na transición ao coche eléctrico, as baterías son un elemento clave que hoxe, para os fabricantes europeos, está en mans de provedores asiáticos.

O 80% da produción actual e planificada de baterías para mobilidade eléctrica atópase en Asia, segundo os datos de Bloomberg recollidos polo Financial Times. Só a capacidade de China xa representa o 69% dese total, mentres que Estados Unidos representa o 15% da capacidade produtiva mundial e Europa menos do 4%. Por iso, a Unión Europea (UE) está a promover a creación de fábricas de baterías de ións de litio.

litio-portugal-galicia-minaria

Por iso, dende Galicia hai moitos apoios que se aplican á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para a creación dunha fábrica de baterías de vehículos eléctricos na zona de Vigo. Deste xeito, preténdese crear un ecosistema favorable grazas ás axudas para as rexións que desexen promover esta industria e procederán do Fondo de Axuda Rexional da UE de 22.000 millóns de euros.

O obxectivo é aproveitar os grandes depósitos de litio non explotados no norte de Portugal, así como promover a exploración en Galicia e establecer unha industria de alto valor na comunidade.

Oscilacións na cotización do litio

Entre mediados de 2015 e mediados de 2018, os prezos do litio triplicáronse, pero a apertura de novas minas en diferentes países como Australia e a caída da demanda chinesa provocaron que os prezos do mercado mundial baixasen. Ademais, diferentes equipos de investigación en todo o planeta están a desenvolver tecnoloxías de metais de litio, o que reduciría drásticamente o consumo de litio por batería. Os avances nos sistemas de almacenamento de enerxía baseados en sodio tamén son lentos, pero son prometedores.