A industria de extracción e elaboración de granito é un referente en Galicia desde hai décadas, tanto desde o punto de vista do volume de produción como do emprego xerado e do valor engadido que achega á sociedade.
Desde os seus primeiros pasos como sector produtivo integrado, as empresas graniteiras estiveron na vangarda da tecnoloxía, desenvolvendo técnicas, maquinarias e procesos á súa medida. Desde entón, a vocación pola innovación, a transformación dixital e o desenvolvemento de tecnoloxías do sector para incrementar a súa capacidade produtiva permítelle afianzar o seu nivel de competitividade non só con respecto ao conxunto do país, senón tamén internacionalmente.
Estes esforzos pola innovación levaron a moitas empresas do sector a realizar importantes investimentos en proxectos de I+D+i. Algunhas delas fixérono a título individual, creando departamentos propios, traballando coa Fundación Centro Tecnolóxico de Galicia (FCTGG), tecendo alianzas con fabricantes de maquinaria, empresas de software e compañías doutros sectores produtivos. Boa parte destes proxectos lograron axudas públicas da administración autonómica de Galicia a través de diversos programas.
Nos últimos anos, o Clúster do Granito está a desenvolver unha estratexia de innovación para todo o sector, de maneira que se poidan lograr fitos de maior calado, con maiores investimentos e axudas públicas enfocadas ás tecnoloxías de industria 4.0. O Centro Tecnolóxico do Granito é o axente de innovación do Clúster do Granito e participa activamente na definición e implantación dos proxectos seleccionados.
Stein 4.0, en 2020
En xaneiro de 2021 a Xunta de Galicia galardoou un proxecto do Clúster do Granito nos ‘Premios e axudas dos Proxectos agrupados Industria 4.0 en Galicia’ coa segunda mellor puntuación. Trátase dun plan de actuación colectivo de cinco empresas do sector. Ao amparo deste galardón financiaranse os proxectos de Eurockp, Granitos Ibéricos, PCM Granitos Moldurados, Euro-Roca e Lemmar Granite, que facturan en conxunto preto de 60 millóns e dan emprego a 250 traballadores.
O proxecto, bautizado como ‘Skills for Stone 4.0’ mobiliza un investimento público-privado que supera o millón de euros. Estes premios, impulsados polo IGAPE, están cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Stein Technologie, en 2018
En 2018 o Clúster do Granito encabezou ‘Stein Technologie’, a agrupación de cinco empresas graniteiras que presentou unha candidatura gañadora que presentou á terceira edición das Axudas aos Proxectos Piloto Industria 4.0, impulsado polo IGAPE e confinanciados pola Unión Europea dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Os proxectos do programa ‘Stein Technologie’ tiveron no seu conxunto un importante nivel de innovación e, dentro do marco Industria 4.0, abordaron once ámbitos tecnolóxicos diferentes: robotización e robotización colaborativa; sensórica e actuadores mecatrónicos; sistemas ciber-físicos; automatización total ou estendida; intercomunicación máquina-máquina; vehículos autónomos…
PCM Granitos Moldurados, Dolmen Granitos y Mármoles, Granitos del Verdugo, Grupo Ingemar e Lemmar Granite, implementaron proxectos de industria 4.0. co apoio técnico do Centro Tecnolóxico do Granito cun orzamento total de algo máis dun millón de euros. O proxecto centrouse en operacións crave e habituais do fluxo de operacións de extracción de granito ornamental.
‘Stein Technologie’ estivo orientado ao deseño de novos produtos, desenvolvemento de novos sistemas de produción e xestión, ensaiando fórmulas no ámbito da extracción, transformación e colocación do granito, en particular, e da pedra natural en xeral. Buscouse implementar melloras tecnolóxicas e innovadoras para facer fronte á competencia dos mercados exteriores.
Comité de Innovación do sector do granito
A estratexia de innovación do Clúster do Granito cristalizou, a finais de 2021, coa creación do Comité de Innovación do sector. Constituído por unha decena de empresas de todos os tamaños e con diferentes posicións na cadea de valor do sector do granito, configúrase como unha ferramenta para impulsar o camiño, a implantación efectiva e a execución de proxectos en materia de Industria 4.0 e dixitalización por parte deste sector.
Entre os obxectivos deste Comité figuran o desenvolvemento da axenda de prioridades sectoriais; o estudo de casos de éxito do sector ou doutros sectores afíns que acheguen ideas aplicables ao proceso e produto do granito; identificar programas de axudas á innovación para vehicular proxectos sectoriais e empresariais nestas materias e crear as alianzas estratéxicas e operativas necesarias con outras agrupacións industriais, asociacións e redes que xa traballen en Industria 4.0 e dixitalización.
Obradoiros de dixitalización industria 4.0
Ademais de proxectos pioneiros en industria 4.0, o Clúster do Granito realiza un importante labor de difusión para empresas e profesionais do sector co obxectivo de expandir a modernización tecnolóxica no sector e dar a coñecer exactamente que é a industria 4.0, describindo con detalle cada unha das tecnoloxías, aclarando conceptos e nomenclaturas técnicas explicadas cunha linguaxe comprensible. Todo iso a través de exemplos de aplicación real adaptados ao sector graniteiro con casos prácticos utilizados ao longo do mundo.
Para iso, en 2021 realizáronse cinco xornadas de “Obradoiros de dixitalización industria 4.0” con asistencia gratuíta coas seguintes temáticas: Cambio de paradigma empresa 4.0; Tecnoloxías e habilitadores 4.0; Folla de roteiro para a estratexia de transformación 4.0; Ciberseguridade e Casos de éxito con expertos doutros sectores.