Os tecnosolos de Touro, modelo internacional en rehabilitación mineira

2019-03-15T12:35:48+01:0015/03/2019|

A mina de Touro foi utilizada durante trece anos pola empresa Rio Tinto para a extracción de cobre. A explotación tivo lugar entre os anos 70 e 80, unha época na que a sensibilidade medioambiental era distinta e na que a lexislación non obrigaba á recuperación dos espazos afectados polos labores mineiros. Non obstante, a partir de 1982 a lexislación española marcou como obrigatorias as restauracións de espazos afectados polas actividades mineiras e a mina de Touro comezou o seu proceso de recuperación.

tecnosoles-perfilTralo peche da mina, a propiedade dos terrenos transferiuse e, a día de hoxe, son catro as compañías aglutinadas no autodenominado Centro de Valorización Ambiental de Touro-O Pino e que son: Explotacións Galegas, adicada á produción de áridos e á restauración de terreos; Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste, centrada no desenvolvemento de compostaxe e elaboración de tecnosolos; Tecnoloxía e Reciclaxe de Materiais, adicada á reciclaxe de plásticos; e o Centro de Valorización Ambiental do Norte, enfocado a I+D+i.

Estas compañías iniciaron no 89 a análise dos impactos na contorna da mina. Froito dos estudos levados a cabo, a finais dos 90 comenzan a aplicar o plan de rexeneración da contorna da mina de Touro en colaboración cun equipo de investigadores do Departamento de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), liderado polo catedrático Felipe Macías.

Para Felipe Macías, a restauración da mina de Touro comenza anos atrás, coa experiencia acumulada entre os anos 80 e 90, cando el e o seu equipo desenvolveron as súas investigacións na recuperación do vertedoiro da mina de lignito das Pontes e no deseño do lago que agora ocupa o seu lugar. Neste municipio da Coruña é onde naceron os chamados tecnosolos que serviron para recuperar os terreos. “Era algo que aínda non estaba inventado, nós chamámoslles solos artificiais, non sabíamos que cobrarían tanta importancia”, afirma Macías.

Solos degradados e augas contaminadas

Macías recorda que os primeiros episodios de acidificación documentados da mina de Touro datan do ano 87, o que os levou a el e ao seu equipo a caracterizar os impactos que a actividade extractiva provocara nas augas e nos solos. “Atopábamonos ante un grande problema, con augas hiperácidas, cun pH menor a 3, hiperoxidantes e hipercondutoras, cargadas de sulfato, aluminio, ferro e manganeso”, comenta Macías. Estas cualidades implicaban máis de 500 hectáreas de terreos inservibles, onde un 1 litro de auga acidificada contaminaba 1.000 litros de auga potable.

Macías aclara que os impactos negativos no río Ulla apenas existían grazas ao gran poder do seu caudal e a Ría de Arousa xamais se viu prexudicada. Doutra banda, os arroios adxacentes á mina (como o río Brandelos e outros que desembocan no río Lañas) encontrábanse degradados e desprovistos de vida.

A comezos dos anos 1990 iniciáronse os primeiros traballos de recuperación de terreos, pero é en 2002, grazas aos coñecementos previos obtidos nas Pontes e aos anos de análise do chan de Touro, cando Macías e o seu equipo comezan a establecer solucións fundamentais. Apostan pola creación de solos artificiais para neutralizar a acidez, absorber os sulfatos e precipitar os metais.

Tecnosolos e humidais reactivos, unha segunda vida para Touro

Co tempo e a experiencia, o equipo da USC comeza a crear solos máis complexos e deseña humidais reactivos utilizando catro tipos de tecnosolos que basean a súa composición nas necesidades de cada zona. Estes humidais reactivos traballan por osmose inversa con procesos completamente naturais: neutralización, absorción, precipitación e son capaces de sacar augas potables.

Macías explica como se crearon estes tecnosolos ou solos artificiais: “Nós imitamos á natureza na creación de solos e sabemos que estes teñen materia orgánica viva, materia orgánica en forma de humus e materia orgánica morta; e arxila, áridos, area, gravas… E non só o unimos, senón que lle damos a estrutura “.

tecnoles-mina-touro

A restauración a base de tecnosolos encádrase dentro da economía circular, en palabras do propio Macías: “É necesario eliminar a palabra residuo e sustituíla por producto“. Na receta dos tecnosolos, os residuos convírtense en recursos mediante materiais procedentes de vertedoiros con estériles resultantes de arxillas, lousas… mezclados con outros desfeitos da zona, como residuos orgánicos procedentes de fábricas ou de biomasa.

Para obter tecnosolos que funcionen como solos naturais non basta con mezclar os compoñentes, senón que é necesario darlle unha estrutura. “Creamos un chan que ten organismos vivos, que funciona coma un solo natural e evoluciona converxendo co solo natural da zona”, explica o profesor Macías.

Estos solos trouxeron con eles as condicións necesarias para o desenvolvemento da vexetación. Na actualidade quedan moi poucos restos visibles das balsas de residuos e vertedorios, que foron revexetadas con piñeiros, así como os taludes dos frontes de explotación. Esta contorna propiciou o crecemento de insectos acuáticos, para despois continuar con anfibios e aves como patos ou garzas. Por último, para completar a cadea trófica sumáronse predadores como víboras e falcóns. “A partir da nosa solución creouse un ecosistema completo en Touro”, sinala Macías.

“Grazas á técnica dos tecnosolos podemos chegar ao punto no que estábamos antes da creación da mina e incluso melloralo con nutrintes”, comenta Macías, que compara estes solos artificiais co soro que se lle administra a unha persoa enferma: “Os solos vanse degradando e perdendo calidade co paso do tempo, perden calcio e magnesio. Nós podemos identificar as carencias e curalas”. Tamén sinala que é máis efectivo aplicar esta técnica antes de comezar a explotación mineira, robustecendo o solo para que resista mellor, é moito máis sinxelo e económico que facelo a posteriori.

A mina de Touro non afectou á produción marisqueira e pesqueira da ría

A día de hoxe a mina de Touro está recuperada ao 90%, exceptuando unha zona de augas de saída onde hai organismos extremófilos descoñecidos pola ciencia. Segundo Macías, “é importante deixar esta zona sen restaurar e aproveitala para investigación, xa que estas arqueobacterias destrúen contaminantes orgánicos moi nocivos (como hidrocarburos ou o lindano utilizado para pesticidas)”. Dentro do espazo da mina, estase a loitar por neutralizar o grao de acidez dos solos e as augas, un problema que non afecta ás auguas dos arroios e ríos de ao redor, nin tampouco ao Ulla e moito menos, á Ría de Arousa.

Durante os últimos 50 anos nos que se ten rexistrado actividade mineira en Touro, a produción marisqueira da ría de Arousa non sufriu ningún incidente de contaminación e tampouco se viu minguada. Con todo, un estudo científico do equipo de investigación Ecotox, da Universidad de Vigo, realizado en 2015, si que identificou contaminación moi relevante na ría de Arousa, en canto a químicos orgánicos e inorgánicos procedentes de augas residuais urbanas non depuradas, así como de hidrocarburos sen orixe definido.

Pola súa parte, Aguas de Galicia, responsable do control de augas da zona, sinala de maneira recurrente que os principais motivos de contaminación na súa zona de dominio son os vertidos de augas urbanas sen depurar, así como os restos de pesticidas e fertilizantes de actividades agrícolas e gandeiras, mantendo ás causas mineiras como “difusas ou inexistentes”.

A rexeneración da Mina de Touro constitúe un caso de éxito recoñecido por entidades como APROEMA, a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais que quixo premiar os labores de Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste co Premio Medio Ambiente 2018 destinado a empresas. Ademais, Felipe Macías recibiu o I Premio de Minaría Sostible 2014 no Foro de Desarrollo Minero Sostenible, e o premio Santa Bárbara 2018 da Cámara Oficial Mineira de Galicia.

Así mesmo, este programa de restauración mediante tecnosolos foi pioneiro no marco da Unión Europea e o precedente de moitas outras restauracións lideradas por Felipe Macías e o seu equipo: “A rehabilitación da mina de Touro está resultando tan exitosa que xa exportamos estas técnicas á rehabilitación de vellas minas de uranio en Salamanca ou de ouro en Perú”, conclúe Macías.