Galicia conta cunha auténtica riqueza mineral. E é que a extracción de minerais non é unha actividade nova na área galega: xa o sabían os fenicios hai tres mil anos, cando as nosas costas eran parada obrigada para buscar estaño. Incluso os romanos chegaron a desviar o río Sil para extraer ouro, mentres que nazis e aliados pelexaron durante a II Guerra Mundial para controlar a extracción do estratéxico wolframio.
Co granito e a lousa como principais produtos mineiros, Galicia ocupa os primeiros postos en mercados nacionais e internacionais, con 282 explotacións e unha facturación aproximada de 419 millóns de euros.
Pero máis aló da súa relevancia económica, non podemos esquecernos de que a minaría está presente en practicamente toda actividade humana. De feito, cada persoa pode chegar a consumir 8,5 toneladas de minerais ao ano. Desta cantidade, 7.000 quilos son áridos, 350 quilos son minerais non metálicos e 270 quilos, cementos.
Pero é que sen minerais, a vida cotiá faríase practicamente imposible. Ata a máis mínima actividade necesita deles. O papel precisa de caolín; para fabricar as esponxas que se empregan para fregar utensilios de cociña a diario necesítanse minerais abrasivos como o cuarzo; a agricultura require fertilizantes derivados de minerais fosfatados ou nitratados; o cemento require calcita para a súa fabricación; incluso os medicamentos e cosméticos incorporan minerais.
As rochas e pedras galegas
A importancia do universo mineiro de Galicia céntrase, na actualidade, na minería de rochas e minerais industriais. Constitúese como unha actividade económica principal, convertendo á comunidade galega nunha das rexións españolas máis importantes, tan só superada por Andalucía, Cataluña e Castela e León.
Galicia é líder na extracción de materias primas como o granito e a lousa. A extracción destas dúas pedras ornamentais é o máximo expoñente do potencial mineiro de Galicia. Pero non só de granito e lousa vive a minería galega. Outro dos puntos fortes do sector mineiro son os áridos, compostos por areas, gravas e calcarias.
Por outra banda, Galicia é a única produtora de dunita, un mineral moi apreciado na metalurxia, o cal se obtén no xacemento de Cariño (A Coruña). Tamén, é unha importante produtora de caolín, procedente de Vimianzo (A Coruña) e Burela (Lugo), así como de magnesita, que se extrae da mina de Rubián, en Bóveda (Lugo). Pero, ademais, Galicia é unha auténtica reserva de cuarzo.
Os usos dos minerais de Galicia
Como se sinalou, son moitos os minerais e rochas ornamentais que se extraen en Galicia, pero para que se utilizan?
- Na actualidade, a aplicación máis común da lousa é a construción de cubertas. Tamén podemos atopala como pedra de pavimentación ou mesmo en elementos decorativos. Pola súa banda, o granito é un dos materiais preferidos no mercado para a construción e decoración. A grava de granito (balastro) úsase en vías de ferrocarril para amortecer e asegurar o paso das locomotoras.
- O caolín é un mineral cunha ampla gama de aplicacións. A máis importante dáse na industria do papel, que absorbe ao redor do 45% do total do caolín producido. Pero tamén se emprega na industria cerámica; para a fabricación de materiais refractarios; na industria química como material de recheo, de recubrimientos e adhesivos, e na fabricación de fibra de vidro. Ademais, úsase nas industrias do caucho e da pintura, así como na industria do plástico e a cerámica. Así mesmo, é un compoñente usado, sobre todo, na cosmética natural.
- Galicia é a principal produtora de cuarcita para usos metalúrxicos de España. Xunto coas areniscas e outras rochas, comercialízanse baixo o nome de ‘cuarcitas’ para o seu uso como pedra natural e revestimentos, chans e muros. A cuarcita é, ademais, unha fonte natural de cuarzo e de sílice.
- A magnesita é un mineral que ten unha gran variedade de aplicacións industriais. Dela pódense obter dous compostos: magnesio metálico e sales de magnesio. O magnesio metálico é moi empregado na industria metalúrxica para a fabricación de aliaxes pouco pesadas. En estado cru, a magnesita é esencial como fertilizante, así como ingrediente na confección de vidro e cerámica, e como compoñente na fabricación de pinturas, plásticos, insecticidas e pesticidas. Aínda así, a maior parte da produción deste mineral destínase á calcinación para obter óxido de magnesio, usado na fabricación de ladrillos refractarios e outros químicos.
- O 90% da dunita producida é absorbida polo sector siderúrxico para a produción de ferro e aceiro. Ademais, úsase como compoñente para a produción de áridos utilizados en formigóns, mesturas bituminosas, diques e balastro para vías de ferrocarril.
A explotación mineira é unha auténtica fonte económica para Galicia. Pero o certo é que esta actividade sempre estivo ligada a ideas preconcibidas que na actualidade non amosan a realidade do que o que é a minaría. O aumento da demanda de materias primas minerais fomentou a exploración e busca de novos xacementos que abastezan as necesidades actuais, sempre tendo en conta o desenvolvemento sustentable, xerando emprego e riqueza, garantindo que os beneficios se estendan máis aló da vida da mina, e producindo un impacto positivo no medio natural, o cambio climático e o capital social.