A restauración ambiental de explotacións mineiras é un dos piares fundamentais dunha xestión mineira responsable e sustentable. En Galicia, un dos casos máis emblemáticos deste compromiso co entorno natural é o da coñecida como Canteira Ferro, situada no municipio do Porriño (Pontevedra).
Esta antiga explotación de granito ornamental, xestionada durante décadas pola empresa Pocasa, pasou de ser un enclave industrial a un espazo verde de referencia grazas a un ambicioso proxecto de rehabilitación que conseguiu integrar a actividade mineira no entorno.
A Canteira Ferro formaba parte dun conxunto de explotacións de granito rosa Porriño, un dos recursos xeolóxicos máis representativos de Galicia, amplamente utilizado en construción, pavimentación e decoración urbana, tanto a nivel nacional coma internacional. Como noutros xacementos da zona, a súa actividade foi intensa durante boa parte do século XX, pero o esgotamento progresivo das reservas e a evolución do mercado provocaron o peche da explotación.
Tras rematar a vida útil da canteira, a empresa promotora optou por impulsar un proxecto de restauración integral que foi recoñecido por distintas institucións como un exemplo modélico de boas prácticas no sector mineiro.
Restauración da Canteira Ferro
Antes e despois da canteira de Ferro. Fonte: Metropolitano.gal.
A transformación da paisaxe e a sociedade
A restauración ambiental da Canteira Ferro consistiu nunha actuación progresiva, planificada e respectuosa co entorno. Ao longo dos anos, desenvolveuse un proceso de rehabilitación do relevo afectado pola explotación, reconfigurando a paisaxe mediante o recheo dos ocos mineiros. Para iso, recibíronse terras procedentes de obras públicas, coma a estación do AVE de Vigo ou a obra do Hospital Álvaro Cunqueiro, así como tamén materiais sobrantes do corte de granito das fábricas da zona, fomentando así a economía circular e a reciclaxe de materias primas.
As actuacións non consistiron só en rechear os ocos mineiros, senón que tamén se estabilizaron as ladeiras, plantáronse máis de 12.000 árbores de especies autóctonas (castiñeiros, carballos, bidueiros, sobreiras ou érbedos) e integráronse elementos hidrolóxicos, como charcas e zonas húmidas artificiais, para favorecer a biodiversidade.
Grazas a esta intervención, o espazo, antigamente ocupado pola canteira, transformouse nun auténtico bosque mediterráneo atlántico, que hoxe en día actúa como hábitat natural para unha gran diversidade de especies animais e vexetais.
Ademais do beneficio ecolóxico resultante das tarefas de rehabilitación, o novo espazo xerou un valor engadido dende o punto de vista social. As novas zonas verdes serven tamén como espazo de uso público, no que se desenvolven actividades recreativas, educativas e de concienciación ambiental.Un emblema da restauración ambiental en Galicia
Esta restauración é considerada unha das actuacións máis significativas de rehabilitación mineira en Galicia. Numerosas plataformas de divulgación ambiental, así como múltiples medios de comunicación rexionais, subliñaron o valor do proxecto como referente de recuperación do territorio.
Un dos elementos máis destacables deste proxecto é o enfoque anticipado: a restauración non se concibiu como unha acción final, unha vez esgotado o xacemento, senón como un proceso paralelo e planificado dende fases temperás da explotación. Esta visión permitiu minimizar impactos, favorecer unha recuperación máis rápida e evitar os problemas derivados do abandono prolongado de espazos degradados.
Por todos estes motivos, a recuperación ambiental na zona da antiga Canteira Ferro demostra que é posible harmonizar a actividade mineira coa conservación do medio ambiente e o benestar da poboación. Tamén pon de manifesto como unha correcta planificación, sumada á vontade empresarial e á aplicación de criterios científicos de restauración ecolóxica, pode deixar un legado positivo no territorio, ofrecendo novas oportunidades aínda despois do cesamento da actividade extractiva.