10 falsos mitos sobre a minaría de Galicia

2019-02-13T14:44:35+01:0011/02/2019|

As afirmacións de que a minaría é prexudicial para o medio ambiente, que é perigosa e contaminante, non se manteñen en pé ante os datos reais. Minaría Sostible de Galicia ofréceche unha lista de falsos mitos e postverdades sobre a minaría de Galicia que se desmontan examinando estatísticas e informes oficiais, a lexislación vixente e estudos de organizacións internacionais.

1- “A minaría provocará unha catástrofe” – Falso

O Plan de Emerxencias da Xunta realiza un mapa de riscos de catástrofe en Galicia e non sinalou ningún especificamente mineiro entre as ducias que identifica. Isto indica que entre as posibles causas dun incidente grave para o medio ambiente e a poboación non se atopa ningunha actividade extractiva. A realidade é que en Galicia non houbo ningún accidente mineiro de relevancia en toda a historia, pero si incendios forestais e mareas negras.

Os desbordamentos puntuais de auga en balsas de estériles de explotacións foron mínimos, foron resoltas pola administración mineira ou polas empresas responsables con transparencia e rigor. Os depósitos de augas e lodos das minas de Galicia están moi controlados e vixilados para evitar accidentes ambientais. A estrita lexislación da Unión Europea e a monitorización por parte das administracións non permiten ningunha licenza aos titulares das mesmas.

2- “A minaría contamina o aire” – Falso

A actividade mineira ten un impacto moi reducido na emisión de gases de efecto invernadoiro. Segundo datos do Ministerio de Medio Ambiente, elaborados pola Consellería de Medio Ambiente de la Xunta, a minaría só xera o 0,3% dos gases contaminantes de Galicia. Moi por detrás de actividades como a xeración de enerxía (41%), o transporte (20%), fogares e comercio (11%) e a agricultura e gandería (12%). En Galicia non hai minaría de carbón desde 2007, polo que nin sequera os produtos mineiros galegos se empregan para producir enerxía.

3- “A minaría contamina a auga” – Falso

A principal causa de contaminación da auga é a actividade gandeira, en particular as verteduras de purín e os residuos destas actividades, un dato avalado en todo o mundo pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura.

No caso da nosa comunidade, segundo os datos de Augas de Galicia, responsable de vixiar a franxa costeira de Galicia (ríos e mar), a principal causa das verteduras contaminantes son as administracións públicas pala súa xestión das augas residuais, seguidas pola industria.

Segundo os datos do 2017 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, encargada de vixiar as augas do resto da superficie de Galicia, o principal motivo de sancións por verteduras son as augas residuais (domésticas e industriais), seguidas das obras (públicas e privadas).

4- “A megaminaría ameaza Galicia” – Falso

Calificar a minaría en Galicia como megaminaría é erróneo, cando a realidade nin se achega ao concepto. As antigas minas a ceo aberto das Pontes (9 km2) e a de Meirama (3 km2), que xa están rehabilitadas, son de pequena escala en comparación con outras. O proxecto de Touro, o maior en estudo, ocuparía só 0,69 km2. En países altamente industrializados e desenvolvidos como Alemaña, hai minas de 48 km2; en Canadá, de 42 km2 e nos EE.UU, de 40 km2.

Noutros países en vías de desenvolvemento como Rusia, Indonesia e Chile hai explotacións que abranguen ata 100 km2 de superficie. A estrutura da propiedade do rural e a morfoloxía do terreo non permiten a megaminaría en Galicia.

5- “A minaría emite químicos nocivos” – Falso

As principais actividades da minaría en Galicia limítanse só a arrincar un material natural da terra e a usalo só con transformacións mecánicas (esmagamento, separación, corte, pulido…). Por este motivo, os residuos da maioría das industrias extractivas de Galicia (lousa, granito e áridos) son considerados inertes segundo a lexislación española. Estes residuos non sofren “ningunha desintegración ou disolución importante ou ningún outro cambio significativo que poida causar efectos ambientais negativos ou prexudicar a saúde humana”. A minaría metálica, que emprega produtos químicos potencialmente perigosos baixo rigoroso control ambiental e de seguridade, foi case inexistente en Galicia nos últimos 40 anos.

6- “A minaría non está controlada” – Falso

España é o país da UE onde existe unha maior presión legal sobre a minaría. Dado que hai 6 normas específicas mineiras que se complementan con 49 sobre o uso e planificación do solo; outras 24 sobre o medio ambiente; 21 máis sobre o patrimonio histórico; 4 sobre augas e 8 sobre diferentes asuntos desagregados. En total, 112 leis. Ademais, as actividades mineiras en España deben responder ante 103 administracións diferentes.

Países da nosa contorna como Francia, con 69 leis; Portugal, con 25; Alemaña, con 46; ou o Reino Unido, con 69, teñen normativas moito menos complexas e igual de esixentes.

7- “A minaría prexudica o medio ambiente” – Falso

A lexislación española esixe que as superficies afectadas por operacións mineiras estean suxeitas a unha Declaración de Impacto Ambiental previa á súa apertura. Incluso é necesario un permiso ambiental para realizar as investigacións. A esixencia da administración é severa e son moitos os proxectos mineiros que deben ser modificados substancialmente para cumprila. Ademais, para garantir economicamente a restauración dos espazos mineiros unha vez rematado o ciclo extractivo, as empresas deben depositar importantes avais ante as administracións públicas.

8- “As corporacións estranxeiras están espoliando Galicia” – Falso

Segundo datos das estatísticas mineira públicas da Cámara Mineira Oficial de Galicia e do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, as empresas mineiras que operan en Galicia son galegas. O 97% dos titulares dos dereitos mineiros son pemes. O 95% está baseado en Galicia e o 88% dos dereitos mineiros son concedidos a pemes. A minería en Galicia é un sector de pemes e familias, con longas historias de xeracións dedicadas ás explotacións. Non é un sector de empresas estranxeiras.

9- “O traballo mineiro é perigoso” – Falso

A lexislación española sobre seguridade laboral en minas está garantida e, polo tanto, os índices de accidentes laborais en minas e canteiras de Galicia están moi por debaixo das doutras actividades comparables. Segundo datos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, a taxa de sinistralidade de actividades similares, como a construción, a industria e a pesca, é superior á minaría. Sen dúbida, o esforzo dos empresarios e sindicatos en formación en prevención de riscos laborais para o posto de traballo do operador mineiro é un factor determinante nesta estatística.

10- “A minaría é unha actividade especulativa” – Falso

A minaría de Galicia fomenta unha economía antiespeculativa e sostible no tempo. As concesións mineiras duran décadas (algunhas iniciáronse hai máis dun século) e os investimentos que son necesarios para inicialos teñen amortizacións moi longas. Polo tanto, as empresas mineiras teñen un enraizamento moi forte cos seus territorios, porque teñen unha planificación conservadora, a diferenza doutras actividades especulativas. A actividade minera de Galicia é fiable, a longo prazo e con empresarios serios.

A maioría dos ataques á minaría galega proceden de sectores con intereses opostos, non desinteresados, que manexan afirmacións sen base real e informes tendenciosos. A minaría, como calquera outra actividade humana, xera un impacto no territorio, pero sen dúbida o rigor e a vixilancia constante dos profesionais, empresas e administracións mantéñeno no mínimo.