O valor social da minaría
A minaría e a sustentabilidade
Os recursos mineiros son bens de dominio público, pertencen a todos os galegos. A investigación e o seu aproveitamento están encomendados, por parte da administración, ás empresas mineiras, que pagan impostos por este motivo. Os produtos mineiros son imprescindibles para o benestar social, xa que se atopan en todos os produtos acabados que están en contacto co ser humano.
Non se pode prescindir dos minerais nin da forma de extraelos
Galicia foi produtora de minerais estratéxicos para a economía mundial dende a romanización. No século XXI, a Comisión Europea está a aplicar unha ampla gama de medidas baixo o marco da Iniciativa de Materias Primas para axudar a garantir un abastecemento seguro, sostible e accesible de minerais estratéxicos para a UE. Para iso, prepara unha lista das materias primas que son fundamentais para a industria.
A UE apoia a minaría e outórgalle unha importancia estratéxica
A minaría de Galicia, como axente económico no esixente marco regulatorio da Unión Europea, promove o comercio xusto de minerais a nivel mundial. A rastrexabilidade dos produtos de Galicia garante que os compradores non adquiran minerais de guerra, metais de zonas de conflito, países que violan os dereitos laborais ou a espoliación das áreas protexidas do planeta.
As minas e canteiras de Galicia promoven o comercio xusto de minerais
A minaría en Galicia: un sector formado por pemes
A minaría de Galicia é un sector de pemes e familias, con longas historias de xeracións dedicadas ás explotacións. Non se trata dun sector de empresas estranxeiras. As empresas mineiras que operan en Galicia son de capital galego. O 97% dos titulares de dereitos mineiros (investigación e explotación) son pemes. O 95% delas teñen sede en Galicia e o 88% dos dereitos mineiros de explotación están concedidos a pemes.
Son cifras semellantes ao resto dos sectores económicos rexionais, onde as grandes multinacionais teñen maior visibilidade, aínda que son as pemes as que máis emprego e riqueza xeran en Galicia.
A minaría de Galicia fomenta unha economía anti-especulativa e sostible ao longo do tempo. As concesións mineiras duran décadas (algunhas iniciadas hai máis dun século) e os investimentos necesarios para inicialas teñen amortizacións moi longas. Polo tanto, as empresas mineiras teñen unha raíz moi forte cos seus territorios, porque teñen unha planificación conservadora, a diferenza doutras actividades especulativas.
European Minerals Day 2019
Compromiso co desenvolvemento do medio rural
A minaría promove un modelo de desenvolvemento sostible do rural de Galicia, favorecendo unha cadea de valor que contribúe ao desenvolvemento social e demográfico e á súa estrutura económica.
As minas e canteiras fomentan unha economía competitiva no rural, mitigando a despoblación do interior de Galicia e aportando unha contribución viable á comarca na que se instalan.
A minaría fomenta o desenvolvemento social e demográfico do interior de Galicia
Ademais do emprego directo, especializado e de calidade xerado por unha mina na fase de explotación, durante as fases de investigación e desenvolvemento será necesario cubrir un gran número de postos de traballo por un período de tempo limitado. As empresas mineiras saben que a contratación de persoas da zona é beneficiosa para todos.
Unha vez que a mina sexa posta en funcionamento, xeraranse empregos indirectos e oportunidades comerciais no medio, como os servizos de transporte (camións), a vixilancia, o mantemento de estradas e os servizos de hostelería.
A minaría xera 11.200 empregos de calidade directos e o 0,7% do PIB de Galicia
A minaría de Galicia, concentrada na exportación de roca ornamental (lousa e granito), supuxo no 2017 uns ingresos de 226 millóns de euros, mentres que as rochas industriais, 28 millóns de euros. Isto supuxo que produtos galegos de alto valor chegaran a mercados moi competitivos, constituíndo casos de éxito de internacionalización.