Restauración2019-02-12T13:18:22+01:00

Que é a restauración dunha mina?

O ciclo mineiro non remata coa extracción do mineral. Toda mina aberta en España despois de 1982 debe contar cun Plan de Restauración coas garantías financeiras que aseguren o seu cumplimiento antes de iniciar os traballos de aproveitamento. Ademais, cada certo tempo deben actualizalo e informar á Administración de todos os cambios.

A lexislación obriga a:

  • Dispor dun proxecto de restauración dos terreos aprobado pola autoridade competente.
  • Depositar ante a Administración un aval que garanta a execución do proxecto. En caso de incumprimento do proxecto de restauración, a autoridade competente pode executar dito aval para garantir os traballos de restauración previstos.

O peche dunha mina pode durar varios anos, xa que obriga ao desmantelamento de todas as infraestruturas. Debe ser planificado con antelación, desde o inicio das actividades mineiras para evitar que queden sitios contaminados ou “pasivos ambientais”.

Cando unha mina pecha, a empresa mineira debe tomar as medidas precisas para que o espazo sexa revalorizado e poida ter un uso igual ou superior ao anterior ás actividades mineiras.

Durante a operación de minería tamén se realizan peches parciais ou progresivos cada vez que unha área de traballo deixa de utilizarse. A chamada minaría de transferencia é un bo exemplo disto. Neste tipo de minaría, os buracos vanse reenchendo progresivamente cos estériles xerados, a medida que avanza a escavación, para acadar unha recuperación case inmediata das terras afectadas.

Ademais, a rehabilitación das áreas mineiras en Galicia conta con algúns dos mellores casos de éxito a nivel internacional desde o punto de vista ambiental e social.

minaria-de-galicia-as-pontes-rehabilita

Que usos pode ter unha antiga mina?

Para restaurar un espazo mineiro, é necesario decidir previamente que uso postoperacional se pode desenvolver nel. En principio, as posibilidades son moi amplas porque se xera un gran espazo que pode ser empregado para un uso:

  • Urbanístico e industrial.
  • Centros de tratamento e valorización de residuos.
  • Lagos de auga doce.
  • Lagoas de recreo.
  • Terreos de uso agrogandeiro.
  • Montes de uso forestal e madeireiro.
  • Zonas de conservación e creación de hábitats.

Cales son as actividades de peche de minas?

  • Desmantelamento: Desmóntanse as instalacións e os equipos. Tamén se descartan con coidado os residuos e recupéranse ferramentas ou aceites.
  • Rehabilitación: Trátase o solo afectado polas actividades mineiras, deixándoo o máis parecido posible a como estaba antes da chegada da mina.
  • Postpeche: Algunhas minas precisan coidados e mantemento despois do peche final. Por exemplo, para controlar a calidade da agua ou para revisar a seguridade e estabilidade dos terreos, así prevéñense posibles situacións de risco para a comunidade e o medio ambiente.

Que son os pasivos ambientais mineiros ou minas abandonadas?

Ata o último tramo do s.XX non existía unha conciencia sobre o destino dunha mina esgotada. A paisaxe conta con innumerables pegadas que o evidencian, como os ocos romanos de Montefurado (Quiroga) ou As Médulas (León), pasando polas canteiras medievais abandonadas que surtiron de granito á arquitectura do Camiño de Santiago, ata as rudimentarias minas de volframio e ferro do século XIX abandonadas en diferentes lugares de Galicia.

Hoxe, Galicia aínda conta con ocos mineiros abandonados, que forman unha serie de pasivos ambientais, poñendo en perigo a saúde das persoas e cun potencial efecto contaminante. Estes espazos non respectan as leis actuais xurdidas a partir da concienciación ecolóxica.

A lexislación española obriga, desde 1982, a que as iniciativas mineiras de nova creación conten con avais depositados ante a Administración e plans de restauración ben definidos. Tardouse tempo en conseguir a tecnoloxía adecuada e un contorno legal preciso para un peche adecuado das minas, pero na actualidade as empresas extractivas adoitan adaptarse ás leis e mesmo ir un paso máis alá, tendo en conta as demandas cada vez máis esixentes da sociedade.