Seis minas e canteiras galegas cunha segunda vida

2022-03-07T16:26:23+01:0014/04/2019|

Unha vez que se esgota o ciclo de produción dunha mina o espazo xerado pode seguir sendo útil para usos económicos e sociais. Galicia conta con exemplos de rehabilitacións ambientais de gran calado, como as efectuadas nas Minas de Meirama e das Pontes, ambas de extracción de carbón para abastecer senllas centrais térmicas.  Ademais, existe outro gran número de antigas minas e canteiras con rehabilitacións ambientais.

Con todo, que pasa cando a antiga mina non é compatible cun aproveitamento ambiental? Pódese xerar valor económico e social no uso dun oco mineiro? A resposta é si. Vexamos algúns exemplos do uso de ocos mineiros sen actividade por iniciativas industriais e culturais.

1 – Urxeira – Salvaterra do Miño (PO)

A empresa Áridos do Mendo explota graveiras nas terrazas do río Miño desde hai 30 anos. A actuación de recuperación do chan vai encamiñada á utilización do oco mineiro resultante da extracción de áridos como solo industrial para a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisan). Estes espazos énchense, en primeiro lugar, con lodos procedentes do lavado dos áridos en planta. Despois, con lodos procedentes doutros procesos mineiros, como o serrado de granito de explotacións de Porriño. Así se aproveitan os ocos para recoller estes residuos inertes e formar chairas idóneas para o seu uso industrial nunha zona, a área metropolitana de Vigo, cunha gran carencia de chan deste tipo. Máis información sobre Plisan na web da Autoridade Portuaria de Vigo.

2 – Canteiras de Montealegre – Ourense

A principios do século XXI o Concello de Ourense iniciou a recuperación do espazo de Montealegre, unha zona alta, con antigas canteiras e instalacións industriais para crear un Xardín Botánico, con vexetación mediterránea e un reservorio de auga doce. Trátase de 15 hectáreas nas que se catalogaron 240 especies de flora e 132 de fauna de clima mediterráneo, moi escaso en Galicia. As canteiras convertéronse nun auditorio ao aire libre e en zona de escalada. Nun alto dispúxose un miradoiro sobre a cidade nunha contorna para uso social e didáctico.

3 – Centro de Tratamento de Residuos Industriais – Sobrado dos Monxes (AC)

Os ocos mineiros son idóneos como base para instalacións de tratamento de residuos. O seu gran espazo, a morfoloxía uniforme do seu chan e a súa localización facilita a implantación de plantas de valorización. Así o considerou a empresa Gestán, que implantou nunha antiga canteira de granito en Sobrado do Monxes un complexo industrial de 150.000 m2 de superficie e que está formado unha planta de valorización de residuos industriais e voluminosos, nave de procesado e  prensado, planta de inertización e estabilización de residuos industriais, depósito controlado, planta de elaboración de tecnosolos, planta de tratamento de residuos líquidos, laboratorio, oficinas, nave almacén, vestiarios e aula ambiental. Dispón de instalacións contraincendios, balsas de emerxencias, rede de saneamento e electricidade, sistema de almacenamento e tratamento de augas pluviais e sistema de tratamento e depuración de augas industriais. Ademais posúe a Autorización Ambiental Integrada.

4 – Centro de Valorización Ambiental – Touro (AC)

A antiga mina de cobre de Touro é agora un centro de valorización ambiental (VATOP) onde converxen as actividades de catro empresas enfocadas á economía verde: Explotacións Galegas, dedicada á produción de áridos e restauración do terreo; Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste, centrada no tratamento de residuos e subproductos orgánicos e inorgánicos para xerar compost e tecnosolos; Tecnoloxía e Reciclaxe de Materiais, dedicada á reciclaxe de plásticos agrícolas e de bolsas de uso doméstico para a súa reutilización en novos produtos plásticos; e Centro de Valorización Ambiental do Norte, spin- off universitaria enfocada ao desenvolvemento e innovación.

A acción combinada destas empresas galegas permitiu recuperar case por completo as augas e chans que sufriron a herdanza dunha mina aberta nos anos 70 cando as leis eran moito máis laxas. A creación de tecnosoles específicos para as necesidades da zona permitiu eliminar a acidificación da contorna, coa consecuente creación de humidais que acollen a todo tipo de seres vivos.

5 – Palacio da Ópera – A Coruña

O Palacio da Ópera da Coruña foi construído en 1989 sobre a base dunha antiga canteira e usando a fronte da mesma como unha das súas paredes. O edifico, de propiedade municipal, alberga unhas modernas instalacións capaces de adaptarse a calquera espectáculo. Xunto ao edificio, na fronte da antiga canteira, o artista galego Leopoldo Nóvoa realizou un mural que denominou Tapiz de Pedra ou Mural da Canteira. Trátase dunha obra de 700 m2. A explotación mineira, actualmente no centro da cidade, seguiu en activo ata mediados do século XX. En 1977 o Concello da Coruña xa convertera toda a contorna no parque urbano de Santa Margarita.

6- Canteira Monte de Costa – Arteixo (AC)

La Camara Oficial Mineira de Galicia (COMG) realizou en 2006 unha actuación de arte efímero nos terreos da Cantera Monte da Costa, propiedade de Lista Granit. Para iso encargou ao artista galego Camilo ‘ Seira’ Rodríguez a elaboración dun conxunto escultórico megalítico que se chamaba O Bosque, e que pretendía ser herdeiro de Stonehege. Tratábase de corenta árbores de granito en bloque, cada un de máis de cincuenta toneladas de peso e máis de sete metros de altura que forman a primeira intervención artística realizada nunha canteira. A obra permaneceu na contorna da canteira ata 2007.

Estes exemplos demostran que as operacións mineiras teñen só un uso temporal do terreo e que tras a explotación dos minerais debe restaurarse a condición do terreo de maneira que o seu valor sexa igual ou maior ao que tiña antes de ser empregado como mina ou canteira.