A minaría de Galicia, na roda da economía circular

2019-04-30T18:29:32+02:0030/04/2019|

Na economía circular calquera refugallo é un erro de deseño. Trátase dun modelo produtivo que se está impoñendo fronte á tradicional economía lineal, no que a vida de calquera material, produto ou fonte de enerxía era breve e caduca seguindo a ruta de producir, consumir, desbotar.

O modelo de economía lineal tiña sentido nas súas orixes, cando se pensaba que os recursos naturais serían infinitos e que os residuos e as emisións producidas non terían efectos tan graves para o medio ambiente. Por fortuna, os coñecementos e as técnicas avanzaron moito nos séculos que nos separan da Revolución Industrial, agora é posible empregar enerxías sustentables e levar a cabo un aproveitamento óptimo dos recursos. Durante estes anos tamén cambiou a mentalidade da sociedade e do empresario, estamos máis informados e somos máis conscientes das consecuencias que pode ter unha mala xestión dos recursos.

Un claro exemplo de economía circular é o que está a suceder no sector da minaría de Galicia mediante a execución de proxectos que avogan por conservar a natureza e por tentar alcanzar o obxectivo de Bruxelas para 2030 de conseguir limitar a porcentaxe de verteduras municipais ao 10%.

A minaría en Galicia: na cabeza do modelo circular

A minaría de Galicia é un bo exemplo de economía circular, tanto en aproveitamento de estériles como en restauración dos terreos. Unha mostra desta evolución cara a unha economía máis sustentable é o proxecto desenvolto por Caolines de Vimianzo, unha empresa que extrae mica, caolín e areas desde principios dos 80, cando o caolín se utilizaba exclusivamente na industria papeleira, desbotando o que non era útil para este fin. Co tempo, ao caolín que non servía para fabricar papel atopóuselle outras funcións en esmaltes cerámicos, pinturas ou para outros usos industriais. Mentres que outra porcentaxe dos subproductos é empregado para restaurar antigas minas e revalorizar os terreos permitindo novas actividades humanas e económicas.

Por outra banda, outro dos alicerces da economía circular é a utilización de enerxías renovables que non empregan recursos fósiles nin emiten CO2. Esta enerxía limpa non tería cabida sen os produtos proporcionados pola minería: o 95% dos materiais cos que se constrúen tanto muíños eólicos como placas solares están constituídos por elementos procedentes das minas, materiais que atopamos nas minas e canteiras galegas: cuarcita, arxilas, area de sílice, calcaria, caolíns, etc.

caolines-vimianzo-economia-circular

A minaría en Galicia non só se posiciona como provedor para as enerxías renovables, senón que a eficiencia enerxética durante os seus procesos é unha das súas máximas. A redución da emisión de gases contaminantes e a redución do consumo de auga, son dous aspectos primordiais durante a extracción, o procesamento e o transporte dos minerais; que se aliñan coa esixente lexislación actual e cos incentivos propostos pola Xunta en materia de optimización de enerxía.

A economía circular non termina co aproveitamento dos materiais extraídos, senón que se encarga de revalorizar os terreos explotados. No caso de Caolines de Vimianzo, os xacementos adquiriron unha segunda vida mediante a súa transformación en lagoas que permiten abastecer de auga potable á comunidade e loitar contra os incendios fornecendo reservas de auga doce aos equipos de emerxencias.

Outro exemplo de economía circular é o establecemento de minas da Sección B, é dicir, os xacementos de orixe non natural, isto é, o aproveitamento dos residuos obtidos en operacións de investigación, explotación ou beneficio. En Galicia o caso máis destacado está en Penouta, onde se extrae o único coltan de Europa.

A economía circular na minería

A importancia da economía circular non só reside en evitar as consecuencias dunha explotación irracional, senón tamén en aproveitar as vantaxes que este modelo supón para as explotacións mineiras:

  • Beneficios ambientais: a vantaxe máis importante é o coidado do medioambiente. Cando unha empresa extractiva comeza a aproveitar un xacemento é para facelo durante anos e mesmo décadas, por iso convenlle salvagardar o medio do que obtén os recursos naturais.
  • Rendibilidade económica: o aproveitamento de recursos aumenta a eficiencia da empresa, o que antes era un desperdicio agora adquire un valor de consumo. Por este motivo, as empresas extractivas poden ver como os seus beneficios aumentan e crear sinerxias con outro tipo de empresas para o aproveitamento dos recursos, favorecendo así a economía local.
  • Diálogo coa sociedade: a cidadanía é cada vez máis consciente de que necesita á minería para progresar e manter o benestar, mentres que as empresas extractivas teñen a responsabilidade de respectar a contorna no que operan e son conscientes de que necesitan a aceptación da poboación para desenvolver a súa actividade. Por iso a economía circular na minería é fundamental para mellorar a súa relación coa comunidade e obter a “licenza social” para poder operar.