Practicamente todos os bens manufacturados que a sociedade moderna consome foron extraídos dunha mina nalgún lugar da terra. Sen estas materias primas, os cidadáns europeos veríanse obrigados a vivir dunha maneira moi distinta ao mundo moderno. Os minerais non só impregnan a nosa vida cotiá, senón que proporcionan a base material para outros sectores industriais europeos, incluídos os servizos básicos e a alta tecnoloxía.
A industria extractiva é un dos cimentos de Europa (Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro) e, como tal, desempeña un papel integral na creación de riqueza, a calidade de vida e a creación de comunidades sustentables a través do desenvolvemento. Aínda que Europa se enfronta a moitos desafíos para satisfacer as demandas de minerais e metais nos próximos anos, o subsolo dos países europeos está cheo de materias primas que non se explotaron na súa totalidade, así como unha eficaz actividade económica e talento humano para poñelas en marcha.
Como actor crave na economía europea, o vehículo a través do cal obtemos materiais críticos e unha industria na que a eficiencia e a seguridade son asuntos cruciais, a industria mineira é líder na transición cara á Industria 4.0.
As novas tecnoloxías están a producir cambios substanciais na maneira de producir. Hoxe en día, o internet das cousas ( IoT), o big data e os cambios na fabricación permítennos falar do concepto de Industria 4.0 ou fábrica intelixente. Segundo o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a Industria 4.0 “refírese á cuarta revolución industrial” e consiste na “introdución das tecnoloxías dixitais na industria”. Unha idea que xurdiu en Alemaña e que se fundamenta no impulso da dixitalización para lograr unha maior competitividade. A Industria 4.0 é a industria do futuro, á que, aos poucos, están a adaptarse países europeos como Reino Unido, Francia e España.
A industria 4.0 combina tecnoloxías avanzadas como automatización, comunicación online entre persoas e máquinas, big data e robótica para crear sistemas intelixentes e lograr novos niveis de optimización. É unha transformación completa de como, onde e por que producimos.
Este progreso afectará á minería e aos sectores relacionados. Non só mellora os procesos relacionados coa extracción, senón que tamén abre posibilidades para unha ampla gama de desenvolvementos en minas antigas e outras industrias. A medida que os ocos mineiros quedan sen actividade, as minas antigas están dispoñibles para unha ampla variedade de usos.
Os desenvolvementos da industria 4.0 non serían posibles sen as materias primas proporcionadas a través da minería. Ademais, a industria 4.0 fai que a minaría e as operacións relacionadas sexan máis seguras e eficientes, o que á súa vez é bo para as comunidades locais, os traballadores, os investigadores e innovadores, o medio ambiente e a sociedade. Neste momento, Europa está a cambiar a súa industria e a mineira está a acompañar este proceso.
A Industria 4.0 non é só unha palabra de moda. É unha nova era na que fábricas e sistemas pronto funcionarán a outro nivel para alcanzar graos máis altos de eficiencia e produtividade. A innovación en tecnoloxías, as ferramentas que se utilizan, os sistemas que se implementan e as políticas que se aproban son partes esenciais da transición á nova era da industria. A innovación na minería pode revolucionar os procesos de seguridade, extracción e produción, e o impacto ambiental.
A mellora continua é unha necesidade para que calquera industria avance, pero é especialmente esencial nun sector que ten que producir as materias primas básicas para todos. A única oportunidade de Europa de seguir sendo competitiva e seguir cumprindo cos máis altos estándares de saúde, seguridade e protección do medio ambiente é atopar mellores formas de facer as cousas.
A maneira en que se exploran os depósitos, se analizan os datos, se levan a cabo técnicas operativas en minas e canteiras, se empregan métodos para o procesamento de materia prima… Todo debe seguir mellorando en termos de recursos e eficiencia enerxética, emisións e residuos. Europa tamén debe aproveitar ao máximo os materiais que xa están no mercado para ampliar a súa vida útil e mellorar os métodos de reciclaxe para usos secundarios.
A industria 4.0 é un obxectivo para moitas empresas manufactureiras de Europa. Froito desa necesidade, tanto as administracións comunitarias, como a española e a Xunta de Galicia teñen varias iniciativas dirixidas ás industrias do automóbil, forestal, enerxética, espacial e de defensa para fomentar o desenvolvemento da Industria 4.0.
Pero estes avances non poden producirse nestes sectores sen as materias primas proporcionadas pola minaría. Por agora, as fontes alternativas como a reciclaxe son moi limitadas en canto á súa capacidade para satisfacer as demandas, e confiar nas importacións de países con inestabilidade política non é tan responsable, seguro e fiable como producir as materias primas en Europa.