Implantación das normas UNE de xestión de minaría sostible en Caolines de Vimianzo, S.A.

2020-10-16T10:59:48+02:0016/10/2020|

A empresa Caolines de Vimianzo, S.A. (CAVISA), ten como actividades principais a recuperación, investigación e comercialización de minerais industriais, tales como caolín, mica e areas silíceas.

Esta entidade, afincada en pleno corazón da Costa da Morte, en Vimianzo, leva anos comprometida coa súa contorna, sendo xeradora de emprego e riqueza e mantendo unha forte política de Responsabilidade Social Corporativa, coa economía circular como eixo central do seu compromiso.

Neste contexto, o pasado mes de febreiro púxose en marcha o proceso de implantación dun Sistema de Xestión Mineira Sostible (SXMS) baseado nas Normas:

  • UNE 22480: 2019. SGMMMS. Requisitos
  • UNE 22470: 2019. SGMMMS. Indicadores

Que culminou coa certificación do SXMS por parte de AENOR o pasado mes de outubro.

Proceso de implantación

O primeiro paso para iniciar o proceso de implantación, é coñecer as distintas operacións que se levan a cabo na empresa. Neste senso, analizáronse os procesos de extracción do mineral, tratamento na planta, almacenamento e loxística. Por outro lado tamén é preciso coñecer cales son os produtos finais e as potenciais aplicacións e clientes para ser capaces de contextualizar a actividade empresarial.

Unha das premisas fundamentais á hora de implantar un SXMS é que a Dirección debe liderar este proceso, mostrando o seu compromiso coa aprobación dunha política do SXMS.

Neste senso, a dirección de CAVISA estableceu unha política, que foi posta a disposición de tódalas partes interesadas, onde se recolle que CAVISA deberá:

  • Desenvolver a actividade mineira de maneira eficiente e sostible.
  • Fomentar o sentido da responsabilidade no persoal.
  • Identificar, avaliar e controlar tódolos riscos e impactos ambientais, sociais e económicos, empregando o Deseño en Circular.

Unha vez establecida a política da empresa en materia de sostibilidade é imprescindible definir o obxecto e alcance do SXMS.

CAVISA estableceu como obxecto “permitir que a empresa desenvolva un sistema para a mellora continua no desempeño dos criterios de sostibilidade”, sendo o alcance do sistema “a extracción do mineral e a produción de caolíns e micas”.

As Normas de xestión mineira sostible fan moito fincapé na interacción da empresa co seu ámbito de influencia e no establecemento de mecanismos de comunicación multidireccional con tódalas partes interesadas.

O ámbito de influencia ven definido na Norma como os “Termos Municipais nos que a Organización está presente fisicamente ou ben ten unha influenza directa”. Nun primeiro lugar CAVISA, situada no concello de Vimianzo, prantexouse establecer como ámbito de influenza a Costa da Morte, polo seu forte arraigo e compromiso con esta comarca. Finalmente ampliouse o ámbito a toda a provincia de A Coruña, porque a meirande parte dos provedores atopábanse nas grandes cidades de A Coruña e Santiago, ou na súa contorna.                                                                                                                                                          mapa-normas1

As partes interesadas defínense na Norma como a “persoa u organización que pode afectar, ser afectada, ou percibirse como afectada polo desempeño na xestión sostible da organización”.

CAVISA identificou como partes interesadas as seguintes: empregados, competencia, aseguradoras, clientes, SPA, mutua, subministradores, dirección, entidades financeiras, administración local, administración xeral, universidades, fundacións, asociacións sectoriais, servizos de emerxencias, comunidades veciñais, sociedade, consello de administración.

 Para cada un destes grupos de interese analizáronse as súas necesidades, as súas expectativas, as respostas que lles debemos dar e os mecanismos de comunicación establecidos.

Outro apartado importante á hora de implantar o sistema de xestión é a identificación dos requisitos legais que lle son de aplicación e de outros requisitos, ben definidos en autorizacións administrativas ou ben establecidos de forma interna.

A auténtica singularidade destas Normas radica no establecemento de indicadores predefinidos na Norma 22470: 2019, divididos nas tres categorías que conforman a sostibilidade;

  • Indicadores sociais
  • Indicadores económicos
  • Indicadores ambientais

Unha vez revisado o índice de indicadores, identificáronse os que eran de aplicación para a actividade de CAVISA. Finalmente do total de 60 que establece a Norma quedáronse en 50; 5 de tipo económico, 22 de tipo social e 33 indicadores ambientais.

A complexidade deste apartado radica en que hai que documentar e rexistrar moita información, de forma tal que a mesma nos permita medir, analizar, facer un seguimento e avaliar os distintos indicadores.

 A Norma incide tamén en que hai que establecer uns criterios de priorización que permitan determinar en que indicadores centrarnos de cara a establecer obxectivos de mellora.

No caso de CAVISA, dispúxose que se ían considerar prioritarios aqueles indicadores que, correspondéndose con 3 ou máis criterios de avaliación, tiveran unha distancia ao valor obxectivo fixado para ese parámetro de máis dun 50%.

Para analizar esta priorización hai que estudiar os criterios de avaliación da XMS, que son:

  • Seguridade de subministro para a satisfacción da demanda do produto nun entorno próximo, medio ou lonxano.
  • Utilización eficiente dos recursos naturais.
  • Aplicación de medidas para promover e mellorar a seguridade e saúde dos traballadores
  • Contribución ao desenvolvemento económico da Comunidade
  • Contribución ao desenvolvemento social da Comunidade
  • Rehabilitación do espazo natural afectado
  • Aplicación das mellores técnicas  dispoñibles na prevención e control integrados da contaminación, así como na xestión de residuos.

Trala análise dos indicadores prioritarios, CAVISA procedeu a establecer os obxectivos de cara ao vindeiro ano.

O obxectivo fixado foi minimizar os residuos mineiros inertes que se verten a entulleira. Este obxectivo como tal atópase xa parcialmente cumprido, xa que CAVISA leva anos apostando por unha minaría de aproveitamento, onde o antigo estéril da mina constitúe o recurso actual que se vai empregar no proceso produtivo.

Para a valoración deste obxectivo estableceuse un criterio de consecución, que establece que o vindeiro ano débese “iniciar a xestión de residuos inertes e alcanzar un réxime de 8.000 t/ano de RCD’s”.

A comunicación resulta clave á hora de implantar un SXMS, debéndose decidir sempre, que comunicar, cando comunicar, a quen comunicar e como facelo.

Nesta liña CAVISA acaba de poñer en marcha a súa nova páxina web: http://www.e-cavisa.com/

Certificación

Tras este proceso de implantación, no mes de outubro de 2019 tivo lugar a auditoría do sistema, conseguindo nese mesmo mes converterse na:

  • Primeira empresa en certificarse en SXMS en Galicia
  • Primeira empresa en España en certificarse en SXMS na versión de 2019

aenor

 

Luisa Álvarez Zaragoza

Enxeñeira de minas

PEDRA INGENIERÍA, S.L.