Unha lei que nace do consenso e chea de oportunidades para Galicia, por Francisco Conde

2020-03-27T09:47:24+01:0020/03/2020|

“É a riqueza máis grande do mundo, e tamén é a máis delicada, ti, tan pura no ventre da terra”, así se refería á auga Antoine de Saint-Exupéry na súa obra ‘Terre des hommes’. Unha frase que contén ás dúas máximas coas que Galicia traballou á hora de lexislar os usos das súas augas termais, intentando equilibrar o potencial deste recurso coa súa necesaria protección.

Galicia é hoxe, grazas á entrada en vigor da Lei 8/2019 de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais, unha Comunidade pioneira que toma a iniciativa neste importante sector ao ofrecer un completo marco normativo regulando un novo uso das augas termais.

Galicia convértese nun referente normativo porque asume a responsabilidade que conleva ser unha das rexións europeas con maior riqueza termal e a primeira de España. Unha aseveración avalada polas cifras: 300 captacións de augas mineromedicinais, 21 balnearios e tres talasos que ofrecen máis de 3.000 prazas hoteleiras e reciben 150.000 usuarios ao ano; pero tamén pola calidade, xa que a quinta parte dos establecementos balnearios de España que contan co selo Q de Calidade Turística están en Galicia.

Temos na auga, en xeral, e nas termais, en particular, unha importante fonte de riqueza natural que fan da nosa terra unha potencia nacional e internacional na materia e posicionan este sector como un destacado activo non só natural, senón tamén patrimonial, cultural, industrial e, por suposto, turístico e lúdico.

En definitiva, un recurso estratéxico que era preciso regular para ordenar e desenvolver un sector que estaba atravesando unha importante transformación e impulso. Nos últimos anos, comezou a estenderse a nivel mundial unha nova tendencia baseada no uso das augas mineromedicinais e termais cun uso lúdico e asociado ao lecer, proliferando proxectos turísticos que pretendían dar unha resposta a esta nova demanda pero que, na práctica, carecían das condicións establecidas legalmente para ser consideradas balnearios e que tampouco tiñan unha regulamentación específica.

Aí é onde Galicia detectou que existía un baleiro legal que era necesario cubrir co obxectivo de afrontar unha realidade empresarial e unha demanda real da sociedade, propiciando o crecemento deste sector e outorgándolle seguridade xurídica e garantías non só aos proxectos, senón tamén aos usuarios.

balneario-usos-ludicos

Grazas á nova lei, Galicia contará cun novo mapa termal no que o uso destas augas estará perfectamente ordenado e regulado. Así, establécese unha fronteira clara entre os balnearios -con usos terapéuticos e regulados pola lei 5/1995- e os espazos e piscinas termais cun uso lúdico que contan coa nova normativa.

Esta lei nace, ademais, do consenso e do diálogo permanente co sector e con todos os axentes implicados tanto desde o punto de vista balneario e turístico como mineiro, porque pretende ser o xerme de novas oportunidades para Galicia: no eido do turismo, ao ofrecer unha maior oferta e diversidade de servizos; no ámbito empresarial, ao permitir constituír unha nova actividade económica totalmente regulada; e na dinamización dos concellos de interior, favorecendo o establecemento de novos negocios xeradores de emprego e visitantes e, por tanto, riqueza para o rural galego.

Precisamente, promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden estas augas termais é un dos catro obxectivos prioritarios que a nova lei marca e que se complementan co compromiso de velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos lúdicos das augas; coa garantía da sustentabilidade ambiental das augas para evitar a degradación da súa calidade e a redución do seu caudal; así como a protección da súa integridade como recurso.

Trátase, en resumo, de impulsar o sector sen esquecer que o prioritario é protexer este importante recurso natural e a súa contorna ao mesmo tempo que se garante aos usuarios a salubridade e seguridade das instalacións. Conseguirémolo grazas á regulación do procedemento para a obtención da declaración de augas termais e á tramitación para outorgar o título autorizatorio ou concesional para realizar o seu aproveitamento lúdico.

A lei tamén contempla os casos nos que son compatibles os novos aproveitamentos lúdicos con establecementos balnearios e os seus perímetros de protección. Fixa a obriga de contar cunha garantía financeira, un seguro de responsabilidade civil e un plan de aproveitamento con carácter cuadrienal, ademais de restituír a situación ao seu estado orixinal e deixar a zona en condicións de seguridade, debendo aprobarse un plan de peche e abandono.

De cara a lograr unha maior confianza por parte dos usuarios, a normativa fixa as condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións, así como medidas hixiénico-sanitarias e un réxime de inspección e sanción.

Finalmente, tamén se recolle unha solución para aquelas instalacións destinadas ao aproveitamento lúdico das augas que xa están funcionando na actualidade, concedendo un prazo máximo de 12 meses para regularizar a súa situación e garantir a continuidade daqueles espazos que levan tempo ofrecendo os seus servizos á cidadanía.

En definitiva, Galicia convértese nunha Comunidade pioneira ao ofrecer as máximas garantías a todos os actores implicados no desenvolvemento do sector das augas termais de uso lúdico. Os propietarios contarán con amparo legal; os emprendedores terán un marco perfectamente definido; os usuarios, a certeza de que se atopan en espazos que cumpren todas as esixencias precisas; e as nosas augas, ese recurso de gran riqueza e delicadeza ao que se refería Antoine de Saint-Exupéry, seguirán contando coa protección que merecen. Unha lei chea de oportunidades coa que confiamos en que toda Galicia, sobre todo o noso rural, saia gañando.