A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) segue promocionando e dando a coñecer patrimonio xeomineiro de Galicia: o vindeiro sábado 14 de setembro realizará unha visita guiada gratuíta ao emblemático Pico Sacro, situado entre os municipios de Boqueixón e Vedra, na provincia da Coruña.
Esta actividade está enmarcada dentro do programa MinaTUR, desenvolto por Minaría Sostible de Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia.
O Pico Sacro é moito máis que un emblema da paisaxe galega; é unha testemuña viva da historia xeolóxica da rexión. Este monte, composto principalmente de cuarcitas e xistos, orixinouse durante un antigo proceso tectónico que moldeou gran parte da Península Ibérica fai uns 300 millóns de anos. As cuarcitas, coñecidas pola súa extrema dureza, resistiron a erosión durante milenios, permitindo que o Pico Sacro conserve a súa impoñente silueta.
Ademais, esta contorna supuxo un elemento único na minaría galega, así como o escenario de grandes obras de enxeñería, como viadutos de vías de tren e estradas que cruzan o río Ulla. Esta iniciativa pon ao dispor de todos os participantes unha oportunidade única para coñecer este referente do patrimonio galego, da man do xeólogo Eduardo Gómez Clavijo.
Durante a visita, os visitantes percorrerán un total de 7,3 quilómetros nun roteiro de baixa dificultade cunha altura máxima de 583 metros sobre o nivel do mar. O percorrido culminará no Miradoiro de Gundián, preto da parroquia de Ponte Ulla, cunhas espectaculares vistas da paisaxe galega.
Todos os detalles:
- Data: Sábado, 14 de setembro
- Hora de inicio: 09:45 h
- Duración estimada: 4 horas
- Punto de encontro: Confirmarase por correo electrónico tras a inscrición.
- Inscrición
No caso de que se esgoten as prazas, os rexistrados pasarán automaticamente á lista de reserva.
Para máis información, non dubides en contactar coa Oficina Técnica da COMG a través do correo oficina.tecnica@camaraminera.org.