A minaría, clave para os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible

2019-07-18T12:19:12+02:0026/03/2019|

A axenda dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da ONU inclúe 17 puntos fundamentais para protexer o planeta e a todos os seres humanos que o habitan. 2030 é a data límite para garantir que todas as persoas gozan de benestar, á vez que se asegura o porvir das futuras xeracións.

Os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da ONU, tamén coñecidos como Obxectivos Mundiais, son ambiciosos e concrétanse con metas claras e interrelacionadas entre si. Hoxe en día, os avances tecnolóxicos permiten un uso racional dos recursos naturais, o que é necesario cambiar é a maneira de pensar e as praxes realizadas nos diversos sectores sociais e empresariais.

A minaría é un eixo fundamental nas sociedades de todo o mundo, a extracción de recursos naturais é esencial para asegurar o benestar e o desenvolvemento das comunidades. Estamos ante unha industria global, que implica importantes recursos humanos, ambientais e financeiros; e que en moitas ocasións localízase en países en conflito. Unha mala formulación da minaría pode crear desigualdade e degradación ambiental, pero hoxe en día ten unha oportunidade sen precedentes para converterse nun dos principais motores para avanzar nos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da ONU:

1. A minaría e o fin da pobreza

A minaría é un actor fundamental das localidades onde se asenta e por iso debe crear lazos que fortalezan a economía e os valores locais. É un sector capaz de xerar riqueza nas comunidades nas que opera e que debe loitar contra a desigualdade sendo consciente de cales son os grupos máis vulnerables dentro da súa área de acción, para iso ten a obrigación de facer unha repartición equitativa dos bens xerados facilitando un acceso igualitario ás distintas oportunidades de emprego.

A minaría tamén pode erradicar o problema das desigualdades sociais desde a base, colaborando na educación de calidade, mediante programas de formación específicos que benefician tanto ás empresas extractivas como aos cidadáns e que facilitan o acceso aos máis novos ao mundo laboral. A minaría é unha industria da que dependen -e que depende- doutros sectores, polo que moitas persoas viven indirectamente dela. Por iso, a minería ten a responsabilidade de diversificar a economía e facer máis accesibles as licitacións aos contratistas locais.

Ademais é imprescindible que haxa transparencia co capital xerado pola minería, as industria debe achegar detalles dos pagos de taxas e impostos ao goberno.

minaria-de-galicia-desarrollo-sostenible

2. A minaría e a erradicación da fame

Se hai un recurso máis importante que os minerais, ese é a auga; e a minería ten o deber de protexelo. Hai uns anos, a minería provocaba unha gran degradación dos chans coa consecuente contaminación das augas. Hoxe en día a prevención está por riba da restauración e as empresas extractivas deben monitorar o estado da auga para que sexa consumible polo ser humano. A minaría ten que estar aliñada coas políticas aplicadas á auga e aplicar as últimas técnicas para preservar este ben tan prezado.

Así mesmo, a minería pode –e debe- convivir coa agricultura e a gandería para conseguir un aproveitamento 100% útil dos terreos e garantir a produción de alimentos, un bo exemplo deste modelo é o dos Caolines de Vimianzo, empresa comprometida coas demais actividades dos lugares en que se asenta.

3. A minaría, a saúde e o benestar

As empresas mineiras teñen que protexer aos seus traballadores desde a prevención e a información, promovendo a saúde e a seguridade na zona de traballo. Este é un punto en que tanto a formación sobre prevención de riscos laborais como os materiais de protección -luvas, lentes, máscaras, cascos ou botas de traballo- deben xogar un papel crave. As empresas han de facilitar estes recursos a todos os traballadores.

Un tema sensible dentro da minería é a silicose, unha enfermidade pulmonar incapacitante e mortal que afecta a longo prazo a aquelas persoas expostas ao po de sílice cristalina. Para loitar contra esta enfermidade é necesario adecuar as infraestucturas e implementar unha ventilación adecuada que reduza a taxas mínimas o po de sílice ao que están expostos os empregados.

4. A minaría dentro das cidades e comunidades sostibles

A redución e a reutilización son os dous puntos clave para levar a cabo un consumo responsable que permita o desenvolvemento de comunidades sustentables. Estes dous verbos han de estar ligados a todas as fases do proceso extractivo e deben ter en conta todos os recursos implicados.

Tendo en conta en primeiro lugar os materiais extraídos, é posible un aproveitamento case total destes, mediante técnicas que permiten recuperar metais das augas residuais ou mediante o aproveitamento dos estériles dos xacementos para usos múltiples como a creación de tecnosolos. O aproveitamento de estériles non só é interesante desde o punto de vista ambiental, reducindo as provisións de material en canteiras ou vertedoiros, co consecuente impacto visual que comporta, senón que se trata dun investimento completamente rendible, coa que se consegue aumentar a capacidade produtiva das plantas.

5. A minaría e o cambio climático

A minaría, do mesmo xeito que a maioría de actividades humanas, xera unha serie de emisións que contaminan o aire e contribúen a agravar a problemática do cambio climático. A actividade mineira esixe información, transparencia e responsabilidade social para reducir o seu impacto a nivel local e global. Hoxe en día reducir o consumo de enerxías fósiles non só é necesario, senón que é a única alternativa. Os plans da industria han de incluír unha mellora na eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovables non só durante a extracción do mineral, senón durante as demais fases de transporte e procesado, creando unha cadea de traballo responsable co aire.

6. A minaría, a paz e o fortalecemento das institucións

A minaría actúa como un factor estratéxico non só dentro da economía senón tamén nas sociedades, debe velar polo cumprimento dos dereitos humanos e integrar as necesidades da comunidade dentro dos seus obxectivos globais. Un sector que ten que permanecer atento ás preocupacións dos grupos de interese -goberno, empresas, cidadáns- e establecer unha vía formal e accesible para recibir queixas e reclamacións.

Ademais, a minaría ha de loitar por que se cumpran as certificacións de calidade mineral evitando as explotacións e importacións ilegais, velar porque as administracións públicas respecten a normativa e sigan os procesos establecidos para os permisos de explotación.

Estes 6 puntos resumen unha nova forma de ver a industria mineira, con prácticas que xa se están aplicando e das cales se están obtendo grandes resultados. 6 puntos que supoñen grandes oportunidades e tamén grandes retos para os que é necesaria a  colaboración de todos os grupos implicados: gobernos, ONGs, empresas privadas e sociedade.

Máis información: https://www.undp.org/content/dam/undp/library/Sustainable%20Development/Extractives/Mapping_Mining_SDGs_An_Atlas_Executive_Summary_FINAL.pdf