A minaría galega, en cifras

2021-01-12T11:17:18+01:0012/01/2021|

Os produtos mineiros son imprescindibles para o desenvolvemento e, en definitiva, para o benestar de cada un de nós, xa que están presentes en todos os produtos manufacturados que se atopan en contacto có ser humano. Estas materias primas desempeñaron un papel fundamental na nosa evolución, xa que se utilizaron desde a prehistoria e marcaron o avance da humanidade cara ao que é hoxe en día. Iso si, hai que ter en conta que en cada época da historia, as necesidades foron cambiando, e polo tanto, a demanda de minerais variou.

Na actualidade, as materias primas minerais son a base das cadeas de valor industriais (cuarzo, wolframio, magnesita, caolín, dunita…), da construción (áridos, lousa, granito ou arxila), da agricultura e gandería (turba para fertilizantes, magnesita como complemento alimenticio, area de cuarzo como cama hixiénica das vacas), da alimentación (augas minerais), e do turismo (balnearios) que sosteñen a economía galega.

Galicia tamén ten reservas de terras raras e metais, materias primas fundamentais hoxe en día para o desenvolvemento tecnolóxico, o avance das enerxías limpas ou o desenvolvemento da condución eléctrica. Non obstante, na actualidade explótanse unha porcentaxe ínfima destes xacementos.

Cada ano, o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital realiza a Estatística Mineira, que recolle de maneira minuciosa os datos que teñen que ver co sector extractivo en España. O último informe publicado data do 2018 e neste posts amosámosche algunhas das cifras máis importantes do sector en Galicia:

O empleo mineiro en Galicia

Esta industria achega miles de empregos de calidade no rural. Se falamos de cifras directas, case 4.500 familias galegas dependen directamente do sector mineiro, có que a minaría galega copa o 12% do emprego do sector a nivel nacional.

Cabe destacar que o sector extractivo é a primeira engrenaxe dentro dunha cadea de valor que achega as materias primas necesarias para outras industrias e que xera outros empregos de maneira indirecta, ascendendo esta cifra a máis de 11.000.

A produción de minerais

Galicia sitúase como a cuarta comunidade autónoma en valor de produción, só por detrás de Andalucía, Cataluña e Castela e León. En total representa o 7,2% da produción mineira de España con 255 millóns de euros, sendo Galicia o líder nacional na produción de rocas ornamentais, co 36,3% da produción que suman os subsectores da lousa e o granito. Se falamos de produción en toneladas, Galicia obtivo en 2018  un total de 13.572.630. Dividido entre os áridos con 10.697.844, as rocas industriais con 1.839.274, a lousa con 392.699, o granito con 379.403, a cerámica con 263.385 e a minaría metálica con 25.

A produción en euros está encabezada pola lousa con 110.348.782, séguenlle os áridos con 55.806.971, as rocas industriais con 41.114.953, o granito con 28.086.268, a cerámica con 4.003.481 e en último lugar a minaría metálica con 175.

Galicia sitúase como líder mundial na produción de lousa, aquí extráese un terzo da pedra natural mundial empregada nas cubertas; mentres que Galicia tamén é líder na produción de granito en bruto de España e posúe o 58% das explotacións nacionais.

Non obstante, segundo ás estatísticas mineiras oficiais, tanto a produción como o número de explotacións mineiras activas diminuíron nos últimos anos, unha tendencia que seguro se acentuará cando se actualicen os datos da Estatística Mineira co período da crise sanitaria.

O número de explotacións activas en 2018 foi de 219. Destas, 93 pertencen a canteiras de áridos, 57 a explotacións granito, 37 de lousa, 18 de rocas industriais e 13 de cerámica, mentres que só hai unha explotación dedicada á minería metálica.

Débil impacto da Lei de Fomento das Iniciativas Empresariais de 2017

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, pretendía introducir melloras na actividade reguladora para permitir axilizar os procedementos para a autorización dos dereitos mineiros á vez que garante a máxima seguridade xurídica en todo o procedemento administrativo.

A norma representa unha revisión exhaustiva da Lei 3/2008 da Organización Mineira de Galicia e, ademais de acelerar a tramitación, permite a adaptación á lexislación posterior en materia ambiental e mineira, garantindo a integración territorial.

Con todo, o impacto real na concesión de novos permisos de investigación e de explotación de recursos mineiros é moi débil, xa que os empresarios non atoparon rutas máis rápidas para a realización de trámites. Segundo as estatísticas do Catastro Mineiro de Galicia da COMG, o impacto da Lei foi moi débil.