Coñécese como estériles ou residuos mineiros aos materiais de refugallo que quedan despois da extracción e o procesamento de minerais. Estes residuos poden incluír unha ampla variedade de materiais, como rocas, sedimentos ou outros refugallos que non conteñen cantidades suficientes de minerais valiosos para ser procesados economicamente.
En ocasións, nestes estériles aínda se poden atopar cantidades residuais de minerais estratéxicos, polo que a revalorización deste tipo de residuos é crucial no contexto da economía circular e a minería sostible.
A importancia da valorización de residuos mineiros
A valorización de residuos mineiros permite recuperar metais valiosos en pequenas cantidades, o que pode ser economicamente viable e sostible. Esta práctica maximiza o uso dos recursos existentes e reduce a necesidade de novas extraccións. Ademais, diminúe o impacto ambiental das operacións mineiras, reducindo a contaminación do chan e da auga e minimizando os riscos asociados aos depósitos de residuos.
A reutilización de residuos mineiros alíñase, tamén, cos principios da economía circular, promovendo unha xestión máis eficiente dos mesmos e reducindo a xeración de refugallos. Ademais, están a desenvolverse procesos de extracción avanzados, como a flotación mellorada e o procesamento hidrometalúrxico de baixo custo, para mellorar a eficiencia e viabilidade económica da xestión de residuos mineiros.
Desafíos e oportunidades da xestión de residuos mineiros
A pesar dos desafíos técnicos, económicos e regulatorios, como a complexidade do procesamento, a valorización ofrece oportunidades significativas para a innovación tecnolóxica.
A crecente demanda de metais estratéxicos para tecnoloxías modernas e a transición cara a fontes de enerxía máis limpas tamén fan que o reprocesamiento sexa máis atractivo. Ademais, pode xerar beneficios económicos e sociais, proporcionando ingresos adicionais e mellorando a aceptación social das operacións mineiras a través da participación comunitaria na toma de decisións sobre o uso de residuos mineiros.
Recuperación de minerais en minas galegas
O reprocesamento de minerais estériles en Galicia está a emerxer como unha práctica clave para promover a sostibilidade na minería e a economía circular. A través de diversas iniciativas en diferentes explotacións galegas, búscase non só recuperar metais valiosos dos residuos mineiros, senón tamén reducir o impacto ambiental e fomentar a reutilización de materiais.
Mina de Rubiais, Lugo (LU)
A mina de Rubiais, en Pedrafita do Cebreiro, foi unha das principais produtoras de zinc e chumbo de España durante o tempo que estivo operativa. Descuberta a finais dos anos sesenta, comezou a producir concentrados en 1977 e pechou tan só quince anos máis tarde. Esta mina destacou pola súa avanzada tecnoloxía de extracción e procesamento, sendo considerada unha das máis modernas de Europa na súa época.
Aínda que a mina pechou fai máis de tres décadas, existen discusións sobre a viabilidade de reprocesar os residuos mineiros que quedaron. Estímase que aínda hai cantidades significativas de minerais valiosos nos depósitos de estériles, o que podería xustificar a súa recuperación. Unha investigación preliminar do IGME brinda unha primeira aproximación aos recursos económicos que potencialmente podería xerar a mina: 242 millóns de euros a reserva de escandio (Sc) e 239 millóns a de zinc.

Manuel Castro
Áridos do Mendo, Salvaterra de Miño (PO)
A explotación Áridos do Mendo, que se dedica á extracción de áridos e gravas para a fabricación de formigón e asfalto en Salvaterra de Miño, leva anos extraendo pequenas cantidades de monacita.
Aínda que a produción é modesta, 10 e 15 toneladas ao ano, a empresa está a participar nun proxecto enmarcado dentro do Programa de Misións do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) que busca mellorar a recuperación eficiente de minerais críticos e reducir a dependencia da Unión Europea de provedores externos.
Mina de San Finx, Lousame (AC)
A mina de San Finx, en Lousame, foi explotada intermitentemente ao longo da historia. Orixinalmente coñecida pola súa produción de estaño, a mina gañou importancia estratéxica durante o século XX debido á extracción de wolframio, un mineral crítico utilizado na fabricación de armamento durante a Segunda Guerra Mundial.
Nos últimos anos, a crecente demanda de wolframio, considerado como unha das 34 materias primas estratéxicas para a Unión Europea, fai que a mina de San Finx teña o potencial de contribuír significativamente á redución da dependencia de importacións de China. Mostra diso son os esforzos que houbo nos últimos anos para a súa reactivación, aínda que enfronta desafíos regulatorios e económicos que deben ser xestionados correctamente para asegurar a súa viabilidade e sustentabilidade a longo prazo.
Mina da Penouta, Viana do Bolo (OU)
Orixinalmente explotada polo estaño, a mina da Penouta pasou por varias fases de actividade e abandono ao longo dos anos.
O reprocesamiento da explotación ten como obxectivo revalorizar ao redor do 80% dos residuos mineiros, producindo non só metais críticos, coma o tantalio e o niobio, senón tamén minerais industriais, como cuarzo, feldespato, mica e caolín. Esta estratexia non só reduce significativamente os residuos, senón que tamén facilita os labores de restauración ambiental da mina. Ademais, A Penouta é a única mina de coltán de Europa, un mineral esencial para a industria tecnolóxica.
A pesar dos desafíos aos que se enfronta, a mina da Penouta ten un potencial importante para a recuperación de minerais estratéxicos que contribúen á diminución da dependencia da Unión Europea de terceiros países.