As mulleres na mina

2019-03-08T13:48:54+01:0008/03/2019|

Se tradicionalmente as carreiras tecnolóxicas asociáronse maioritariamente a homes, no sector mineiro este estereotipo é aínda máis acusado, e é que a figura da muller que se pon o casco e o chaleco para ir á canteira apenas ten lugar no imaxinario popular. Hai mulleres que forman parte e axudan a impulsar o sector mineiro? Hai discriminación sexista en minas e canteiras? Catro voces resolverannos esas dúbidas, catro voces diferentes pero con dúas cousas en común: por unha parte, son voces femininas e por outra, son mineiras.

Elas son Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo; Luisa Álvarez, fundadora de Pedra Ingeniería e directora facultativa de varias explotacións galegas; Mónica Rodríguez, administradora única de Blokdegal e María Vázquez, técnica na Cámara Oficial Mineira de Galicia.

mujeres-mineria-sostenible-galicia

O porcentaxe de mulleres mineiras en Galicia

Tomando como referencia o último estudio do Ministerio de Industria, no ano 2016 había 3.770 persoas traballando no sector extractivo galego, das cales tan só o 10,2% eran mulleres. Unha cifra realmente baixa, pero que é necesario degrañar para chegar a comprender o panorama actual: mentres que en cargos administrativos este porcentaxe ascende ao 45%, no traballo directo en canteira non chega nin ao 1%, habendo tan só 15 mulleres fronte a 1.617 homes ocupando este tipo de postos.

En cargos directivos ou de persoal titulado, dun total de 231, 33 son mulleres, e entre elas podemos contar a Mónica Rodríguez ou Luisa Álvarez.  Ambas, pese á posición minoritaria da muller no sector mineiro, fan referencia a que sempre se sentiron integradas cos seus colegas masculinos e que en moi poucas ocasións se viron limitadas ou xulgadas por cuestións sexistas. “Na carreira xa éramos poucas mulleres, así que dalgunha maneira afacíaste a que sexa así”, comenta Luisa. “Eu considérome integrada, nunca percibín que me deixaran de encargar un traballo por ser muller”, engade. De feito, un estudio realizado pola Universidade de Vigo sobre o perfil de tituladas en Enxeñería de Minas realizado sobre as promocións que van de 1997 a 2013 sinala que o 84,42% das egresadas atópanse traballando na actualidade, o que supón unha taxa de desemprego moi inferior ás habitualmente publicadas polo INE sobre outros sectores.

María Vázquez, a nosa entrevistada máis moza, conta que desde que saíu da universidade sempre traballou no sector: “Ao rematar os estudos tiven a oportunidade de realizar prácticas nunha explotación subterránea que acabou por afianzar a miña vocación mineira. Logo realizou unha beca no sector cementeiro e actualmente traballo como enxeñeira de minas en la Cámara Oficial Mineira de Galicia, que me permite ter unha visión global do sector mineiro”.

Pola súa parte, Luisa Álvarez pásase a semana entre a oficina e as canteiras. E sinala que a presencia de mulleres administrativas e que ocupan postos consultivos é relativamente alta, non obstante nas explotacións a maioría dos traballadores son homes.

Mónica Rodríguez, administradora única de Blokdegal, tamén explica que na súa oficina a maioría son mulleres, mentres que o cadro de persoal da canteira está formada ao 100% por homes. No obstante, é optimista e opina que grazas a un traballo cada vez máis mecanizado e que non require de forza bruta, as mulleres poden acceder hoxe en día a calquera posto.

Rodríguez tamén sinala que sempre tivo a vocación de traballar neste sector, xa que a súa actual empresa pertencía ao seu pai e desde pequena creceu neste entorno: “Ao igual que a maioría de explotacións galegas, ten un carácter familiar, por iso cada vez hai máis mulleres que ao cambiar de xeración pasan a ser administradoras”. E bromea dicindo que tivo certa ‘discriminación positiva’ á hora de acudir a congresos: “Neste tipo de eventos coñeces a moitos contactos que logo esqueces, a min polo feito de ser unha das  poucas mulleres, sempre me acaban recordando”. Tamén nos comenta que onde poido notar sexismo foi na publicidade que as empresas empregan nestes eventos, que usan á muller para promocionar os seus produtos, pero que se trata de algo que queda cada vez máis atrás.

As universitarias e o sector mineiro

Para analizar a falta de traballadoras no sector mineiro hai que remontarse ao ámbito académico. María Vázquez cóntanos que na súa promoción eran aproximadamente un 30% de mulleres e un 70% de homes: “Isto fai que, no mundo laboral, a diferencia entre o número de mulleres e de homes sexa bastante acusada, especialmente en traballos técnicos de campo”. Non obstante, fai fincapé en que pese a esta diferencia, nunca se sentiu desprazada por ser muller, algo que continuou ao entrar no mundo laboral.

Por outra parte, Elena Alonso, enxeñeira de minas e actual directora da Escola de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, leva toda a súa vida no entorno académico e de investigación. Comenta que a Universidade é posiblemente un dos ámbitos máis igualitarios que hai na sociedade, aínda que haxa datos que evidencian que esta igualdade non é completamente efectiva, por exemplo, o baixo porcentaxe de mulleres que ocupan postos de responsabilidade nas universidades. Pero apunta que “todo pasa por educación, información e formación. É moi importante proporcionar datos e evidencias que permitan identificar as desigualdades. Porque ser consciente de que hai un problema e que todos o identifiquemos e asumamos é condición necesaria para abordar a súa solución”.

Elena Alonso tamén nos aporta datos sobre as matriculacións remitíndose ao estudo da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxías: “O porcentaxe de mulleres que se matriculan na titulación é aproximadamente a terceira parte do total, dato similar ao resto das enxeñerías”. Este porcentaxe fai que se perda a posibilidade de incorporar no sector a aportación das mulleres, polo que a industria mineira está perdendo talento.

O futuro da profesión e das mulleres

Por que non hai máis mulleres interesadas no sector mineiro? Para Elena Alonso está claro que non é unha cuestión de capacidades: “Os datos revelan que a maioría das nenas teñen mellores notas en matemáticas nos estudos de Primaria e Secundaria, polo que non hai ningunha razón obxectiva para que logo non continúen con éxito os seus estudios nestes ámbitos”. Alonso trata de poñer solucións sobre a mesa: “Agora mesmo estanse  propoñendo actividades, iniciativas e políticas que teñen como obxectivo traballar nesta liña, aínda que para a maior parte delas veranse os resultados ao longo prazo. Cabe destacar as iniciativas para fomentar a vocación a nenas e mozas nos estudos STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas, nas súas siglas en inglés)”. Tanto ela como as demais entrevistadas coinciden neste punto, trátase dunha cuestión de estereotipos.

“Nos propios anuncios de xoguetes non vemos ás nenas pilotando un dumper nin unha retroexcavadora”, coméntanos María Vázquez, que ademais resalta que o sector mineiro, pese á importancia que ten, é moi pouco coñecido en xeral e os nenos non teñen acceso a el.

A experiencia de Luisa Álvarez pon de manifesto este descoñecemento por parte da sociedade: “A figura do profesional da enxeñería de minas xa está bastante estereotipada e máis para as mulleres. Eu mesma o vivín canda ía a estudar”. No seu entorno dicíanlle que xa non quedaban minas e non entendían como ía estudar esa carreira, un claro exemplo do descoñecemento que existe en torno ao sector mineiro e á figura da muller nel.

E realmente pode que a falta de referentes femininos no sector mineiro sexa o principal motivo polo que as chicas non só non escollen esta carreira, senón que ni tan sequera a barallan como unha opción. Por fortuna, cada día créanse novas iniciativas como Inspira STEAM, onde 12 mulleres graduadas en enxeñerías, como a propia Luisa Álvarez, transferirán a estudantes de Primaria a súa experiencia.

Testemuños como os de Luisa Álvarez, Elena Alonso, María Vázquez e Mónica Rodríguez tamén axudan a visibilizar e normalizar o papel da muller no sector, creando modelos que abran a porta a chicas que terán moito que aportar ao futuro dun sector cada vez máis demandado.