A cantería en Galicia: unha arte milenaria que chegou ata o Capitolio

2024-03-04T11:50:31+01:0004/03/2024|

A comunidade galega é famosa pola súa abundancia en pedra natural, especialmente en granito, utilizado para construír gran parte do noso patrimonio histórico: catedrais, igrexas, pazos, cruceiros, esculturas ou os chans dos nosos centros históricos.

Non só contamos coa materia prima, tamén cos artesáns que desde tempos inmemoriais souberon darlle forma a esta roca ornamental. O da cantería é unha arte arraigada ás nosas raíces, unha profesión que conta con séculos de tradición, un oficio que ata tivo o seu propio idioma e que chegou aos nosos días.

A Escola de Cantería de Pontevedra, situada en Poio e a única escola pública de pedra en España, forma a canteiros que dominan a técnica do tallado. Este centro formativo, que desde agosto de 2023 forma parte da oferta de Formación Profesional da Xunta de Galicia, é un referente a nivel mundial. E é que a cantería galega bebe da tradición, pero sóubose adaptar demandas e técnicas actuais.

Seguramente te estarás preguntando a que se dedica un profesional da pedra en pleno século XXI e a resposta non é curta: a cantería utilízase na creación de elementos decorativos, revestimentos de fachadas, chemineas, encimeras de cociña e outros elementos arquitectónicos. Ademais, os canteiros son os únicos capaces de restaurar e conservar o patrimonio histórico de todo tipo de edificacións e monumentos.

A Catedral de Santiago de Compostela

Durante sete meses, tres canteiros procedentes da Costa da Morte tiveron a ocasión de traballar o legado do Mestre Mateo cando foron chamados para restaurar as pedras do maior legado artístico de Galicia.

Nun principio o seu traballo era menor: limpar pedra ou picar, pero máis tarde propuxéronlles tamén rehabilitar a girola –a nave semicircular rodeada de capelas por detrás do altar onde está situado o Apóstolo, a tribuna, todas as naves interiores, así como algúns elementos da cuberta.

A cantería en Galicia máis aló das nosas fronteiras

O uso da pedra en Galicia é parte da nosa contorna e da nosa identidade, e é ademais unha arte que soubemos exportar a moitos recunchos do mundo.

O gremio galego da pedra era moi apreciado en toda a península e parte de Europa, polo que moitos destes traballadores gañábanse a vida viaxando de cidade en cidade.

Os profesionais que saen da Escola de Cantería de Pontevedra seguen sendo requiridos para traballos ao longo de todo o Globo que necesitan unha gran precisión e dedicación.

A cantería galega non só ten un valor estético, senón tamén un significado cultural e patrimonial. As construcións e esculturas realizadas polos canteiros galegos son parte integral da paisaxe e a identidade da nosa comunidade. Estes monumentos de pedra contan historias e representan a habilidade e a dedicación de todos os artesáns que os crearon.

O Capitolio de Washington

O Capitolio, situado na capital dos Estados Unidos, é o edificio que alberga o Senado e a Cámara de Representantes. Foi inaugurado en 1800 e é un exemplo do neoclasicismo arquitectónico estadounidense.

A finais de 2017 comezaron as obras de restauración do emblemático edificio e nelas participaron dous canteiros pontevedreses. Os seus traballos consistiron na restauración de capiteis e ornamentación en mármore, granito e calcaria.

A Sagrada Familia en Barcelona

Catro novos de Pontevedra e O Salnés levan traballando durante anos na basílica de Gaudí. Para ingresar tiveron que superar unha proba que consistía en facer un paraboloide -unha curva unindo liñas rectas- para formar unha gárgola.

A historia desta obra mestra aínda en construción comezou en 1874 e se preveé que estea lista do todo en 2026. A pesar de estar aínda incompleta é desde hai anos Patrimonio Mundial da UNESCO.

A Catedral de Notre Dame en París

A catedral gótica que vive á beira das augas do río Sena terminou de construírse en 1345, con todo, a mediados de 2019 sufriu un terrible incendio. Ao día seguinte, a Asociación de Canteiros de Poio, formada polos alumnos e exalumnos da escola pontevedresa, fixeron unha proposta para traballar nos proxectos de rehabilitación do templo. Pouco despois recibían a resposta positiva da propia alcaldesa da capital francesa, na que declaraba que contaría coa súa man de obra unha vez que fosen valorados todos os danos.

Un portfolio que supera todas as fronteiras

As obras anteriores non son casos illados, e é que os canteiros galegos xa foron requiridos para traballar en diversos proxectos como a rehabilitación do Palacio de Westminster e do Big Ben, o barrio de Chiado en Lisboa, a Igrexa de San Judas de Londres ou a Habana Vella, onde membros da Escola de Canteiros traballaron e asesoraron na rehabilitación de edificios.