Crece a lista de recursos minerais críticos para a UE

2019-05-24T19:09:01+02:0024/05/2019|

Canto máis aumenta o consumo, máis se oe falar da escaseza daqueles minerais fundamentais que se necesitan para a fabricación de bens para o consumo. Moitos destes minerais nos que se apoia a vida moderna baséanse nunha longa lista de ingredientes elementais dos que, debido ao seu uso continuado, comezan a descender as reservas a nivel mundial. Unha das preocupacións da Unión Europea (UE) é como garantir un acceso fiable a estes compoñentes.

Por iso, a UE creou no ano 2008 a Iniciativa Europea de Materias Primas, co fin de axudar a garantir a subministración segura, sustentable e alcanzable de materias primas. Un estudo vinculado a esta iniciativa determina cales son os metais que presentan un elevado risco de escaseza pero que, á súa vez, son de gran importancia económica.

As materias primas fundamentais na UE

As materias primas, sexan ou non fundamentais, son importantes para a economía europea porque están ao comezo das cadeas de valor manufactureiras. A característica que distingue ás materias primas críticas é que o seu risco de subministración é elevado debido a que a produción mundial queda concentrada nuns poucos países. Ademais, estes elementos contan cunha baixa posibilidade de substitución e reciclaxe.

A Iniciativa Europea de Materias Primas elabora desde o 2011 unha lista revisada de cales son as materias primas esenciais na UE. A súa finalidade é determinar que minerais constitúen unha preocupación para a industria europea e as cadeas de valor. É, ademais, unha ferramenta destinada a reforzar a competitividade e a sustentabilidade tendo en conta:

  • As necesidades de investimento que poden axudar a reducir a dependencia de Europa con respecto ás importacións de materias primas.
  • O apoio á innovación no ámbito da extracción de materias primas.
  • A importancia das materias primas esenciais para a transición a unha economía máis eficiente e circular.

Esta lista axudará, ademais, a incentivar a produción europea de materias primas fundamentais mediante o fomento de actividades de reciclaxe de minerais e, se é necesario, contribuirá a poñer en marcha novas actividades mineiras.

A lista das materias fundamentais para a UE está suxeita a unha actualización periódica. A primeira, estableceu unha lista de 14 materias primas fundamentais en 2011, e en 2014 foi publicada unha revisión que contaba con 20 materias primas esenciais. En 2017 publícase unha terceira lista con 27 minerais críticos tendo en conta a evolución da tecnoloxía, dos mercados e da produción ata ese momento.

Os parámetros principais que se seguen para determinar que materias primas son fundamentais son dous: a súa importancia económica e o risco de subministración. Ademais, téñense en conta a dependencia das importacións e as restricións nas exportacións, a substitución como factor de corrección da importancia económica e a asignación detallada das funcións de cada materia prima.

Lista dos minerais fundamentais para a UE

Para determinar o grao de importancia das materias primas, analizáronse 78 minerais e grupos de minerais. Deses 78, determinouse que 27 materias primas son fundamentais porque os riscos de escaseza de subministración e os efectos que exercen sobre a economía son máis importantes que os da maioría das demais materias primas.

Os 27 produtos que aparecen na lista son: antimonio, barita, berilio, bismuto, borato, cobalto, carbón de coque, fluorita, galio, germanio, hafnio, helio, indio, magnesio, grafito natural, caucho natural, niobio, fosforita, fósforo, escandio, silicio metálico, tantalio, wolframio, vanadio, metais do grupo do platino, terras raras pesadas e terras raras lixeiras.

Dentro desas 27 materias primas fundamentais, só catro se extraen en minas da UE:

  • Germanio, Finlandia
  • Hafnio, Ucraína
  • Escandio, Ucraína
  • Silicio metálico, Francia e Noruega

China é o país máis influente en termos de subministración mundial da maioría das materias primas fundamentais, chegando a ser o principal produtor de 16 dos minerais, por exemplo as terras raras (pesadas e lixeiras), o magnesio, o wolframio, o antimonio, o galio ou o germanio. Algúns outros países dominan a subministración de materias primas de forma máis específica. Estados Unidos resalta na extracción de berilio e helio; a República Democrática do Congo sobresae co cobalto; Brasil domina o mercado de Niobio; e Sudáfrica do dos metais do grupo do platino. Os riscos que poden xurdir debido á concentración da produción ven, en moitos casos, agravados polos baixos índices de substitución e reciclaxe, é dicir, que eses minerais son dificilmente intercambiables con outros, ou non forman parte dunha economía máis circular.

Retos para os países da UE

O fin desta lista de minerais críticos é concienciar do risco que supón a subministración destas materias primas para a industria europea. Para iso, a UE fomenta novas actividades mineiras dentro dos países membros, así como de procesos de reciclaxe, uso eficiente e novas estratexias comerciais. O obxectivo é fortalecer a competitividade presente e futura da industria europea.

O principal reto de fronte ao futuro é conseguir que a industria europea poida seguir desempeñando un papel de primeira orde no ámbito das novas tecnoloxías e a innovación, e a UE debe garantir que se posúen os elementos necesarios para iso.

A oportunidade para Galicia

Galicia posúe reservas de oito dos 27 minerais fundamentais para a UE: antimonio, barita, grafito natural, niobio, tántalo, wolframio, silicio metálico e terras raras. A actividade extractiva destas materias primas na comunidade galega podería supoñer a diminución da dependencia de europea das producións exteriores e, ademais, supoñería o desenvolvemento da industria tecnolóxica en Galicia. A garantía na subministración sería un incentivo para estas empresas, que situarían a Galicia dentro da vangarda tecnolóxica galega.

Asegurar un acceso fiable e sen obstáculos a materias primas nun aspecto de gran importancia para a UE. Polo menos 30 millóns de empregos na unión dependen diso. As accións da UE céntranse en fórmulas que garantan a subministración de minerais esenciais para o tecido industrial comunitario. Ademais, promovendo a innovación no sector das materias primas entre os países membros, empresas, investigadores e oenegués, a UE pretende que para o 2020 a industria supoña un 20% do PIB de Europa. En definitiva, o obxectivo final pasa por garantir a subministración sustentable de materias primas mentres se incrementan os beneficios do sector para a sociedade europea.