Sabías que elixir a lousa galega para a cuberta da túa vivenda é apostar pola materia prima máis sustentable para esta función? Non é sorprendente que a lousa como pedra natural se posicione como unha opción a favor da sustentabilidade no sector da construción. Este material sométese unicamente a procesos de extracción e labrado, sen requirir tratamento adicional algún. A sinxeleza do seu proceso produtivo, que non require a utilización de materiais artificiais, altos fornos ou produtos químicos, convértea na alternativa sostible para calquera proxecto.
Propiedades da lousa
As propiedades naturais da lousa achéganlle unhas características técnicas excepcionais: longa vida útil, alta resistencia, impermeabilidade ou capacidade ignífuga. A diferenza doutros materiais prefabricados, a lousa natural mantense inalterable, tanto no aspecto visual como en rendemento.
- A durabilidade é a propiedade que mellor caracteriza á lousa de Galicia. É, ademais, o que marca a diferenza co resto de materiais que se utilizan nas cubertas. A lousa vai permanecer inalterable e constante nas súas propiedades técnicas fronte a axentes atmosféricos e a corrosioóns producidas por fumes e gases grazas á súa composición. Nesta invariabilidade reside a súa durabilidade. Segundo un estudo da Universidade de Bath, no Reino Unido, estímase que a vida útil dunha lousa é duns 200 anos.
- A lousa destaca en illamento térmico fronte a outros materiais de cubrición. Ademais, se se engade á montaxe habitual de lousa unha cámara de aire ou materiais illantes, o aforro enerxético por illamento será mesmo maior.
- A impermeabilidade da lousa asegura unha baixa absorción da auga, o que está directamente relacionado coa súa durabilidade.
- A densidade da lousa é maior á doutros materiais, polo que supón un maior illamento acústico, tanto ante o ruído aéreo como ante calquera outro ruído por impacto. Ante este último, a lousa conta coa vantaxe de ser un material moi elástico, polo que é difícil que unha laxa de lousa ben colocada entre en resonancia.
- A lousa é un material de gran versatilidade. Todas as formas, pendentes ou espazos poden ser cubertos con lousa. O uso da lousa para cubertas é o máis común debido ás innumerables vantaxes que achega para este fin. Pero este uso non debe eclipsar ás demais solucións construtivas que pode dar a lousa, como poden ser pavimentos interiores e exteriores, revestimentos interiores, revestimentos de fachada, fachadas ventiladas e mesmo elementos decorativos na construción.
A rocha ‘verde’
A lousa galega é unha clara aposta pola sustentabilidade que xera riqueza e empregos de calidade. O 60% da produción de lousa de España, país líder mundial no sector, prodúcese en Galicia. Desta forma, promóvese o carácter ‘verde’ e natural deste material.
Unicamente sometida a procesos de extracción e labrado artesanal, a lousa non necesita someterse a ningún tratamento adicional. Por iso trátase do material idóneo para unha construción máis sustentable que permite reducir o impacto ambiental.
Ademais, a industria da lousa tamén promove o uso responsable da auga. A lousa natural require certo grao de humidade para o proceso de extracción e de labrado, polo que para reutilizar a auga é necesaria a creación de circuítos pechados que axudan a reducir o seu consumo.
Non é sorprendente que a lousa como pedra natural, ao requirir un menor procesamento, presente un baixo gasto enerxético en comparación con outros materiais de cuberta xa que a lousa non xera ningún tipo de emisión. Os valores de consumo de enerxía, e, por tanto, as emisións de dióxido de carbono dependen sempre da facilidade de extracción e corte. Ademais, a durabilidade da lousa permite que poida ser reutilizada en varias edificacións ao longo da súa vida útil, un aspecto moi a favor da sustentabilidade do medio ambiente. Trabállase tamén en proxectos de I+D+i co fin de reciclar os residuos da produción de lousa e na rehabilitación de vertedoiros.
O 95% da produción louseira galega destínase a exportacións. Os principais receptores son Francia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica, Irlanda e Dinamarca. Ademais, o sector da lousa emprega en Galicia ao redor de 2.500 persoas, converténdose, así, nunha industria que actúa como un potente dinamizador económico en Galicia.
A lousa é un material que volve recuperar unha posición prioritaria con respecto á súa utilización grazas ao seu valor como material sustentable. Debido ás súas incomparables propiedades naturais, a lousa natural é un dos produtos máis solicitados e versátiles utilizados para o deseño de cubertas e fachadas. Pero ademais do seu ciclo de vida convértea no material idóneo para a nova arquitectura sostible.