A ciencia saíu á rúa na Coruña

2019-12-27T10:19:24+01:0005/05/2019|

A ciencia saíu á rúa na Coruña. Como cada ano, o parque de Santa Margarita acolleu o día da Ciencia na Rúa, no que 1.500 alumnos procedentes de centros educativos de toda Galicia mostraron coñecementos e procedementos científicos a decenas de miles de visitantes.

O evento contou con 55 haimas nas que colexios e institutos, centros públicos e privados, universidades e outras entidades colaboradoras entre as que se atopa Minaría Sostible de Galicia realizaron actividades de divulgación científica.

Estudantes e profesorado de centros educativos mostraron como xogar, aprender e participar nunha gran variedade de experimentos. O obxectivo da iniciativa, que cumpriu en 2019 a súa vixésimo cuarta edición, é popularizar o coñecemento científico e presentar a ciencia como un xogo.

O espazo de Minaría Sostible de Galicia mostrou a riqueza dos recursos xeolóxicos de Galicia, así como as fases implicadas no seu aproveitamento a través da minaría. Unha iniciativa que contou co apio da Xunta de Galicia e coa colaboración do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME), que participou nesta haima na que o obxectivo é espertar a paixón pola ciencia nos máis pequenos e amosar a estreita relación que se dá entre o territorio galego, o seu patrimonio e o sector mineiro.

A haima de Minería Sustentable de Galicia, que participa por segundo ano, contou con recursos teóricos e prácticos para que nenos e nenas xoguen e aprendan con material informativo, quebracabezas, caixóns de area para emular as fases de prospección e extracción; e xoguetes para coñecer a maquinaria utilizada durante os labores mineiros.

O evento foi organizado pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Museos Científicos Coruñeses co financiamento de FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía).