Os produtos mineiros, clave nos portos de Galicia

2019-02-12T13:12:00+01:0008/02/2019|

Os portos de Galicia son as principais portas á exportación e importación dos produtos necesarios para o funcionamento da sociedade e da súa economía. A través dos indicadores das diferentes administracións que os xestionan, pódese apreciar o peso dos diferentes sectores económicos nos seus tráficos. Mentres o tráfico de produtos pesqueiros, agrícolas, forestais e manufacturados é o que maior valor ten en todos os portos, incluídos os galegos, o volume en toneladas é moi inferior ao dos produtos procedentes de actividades extractivas.

A Coruña, hidrocarburos e carbón

A Autoridade Portuaria da Coruña reflicte na súa memoria de 2017 o movemento de 15.190.000 toneladas de mercadorías, dos cales 8.700.000 son hidrocarburos con orixe ou destino na refinaría de Repsol na Coruña e 1.200.000 son carbón importado, principalmente, para a central de Naturgy en Meirama. O 65% do tráfico dos portos da Coruña (interior e exterior) corresponde a petróleo e carbón. O cemento de empresas relacionadas coa minaría como Votorantim, Masaveu e Carral representaron 392.000 toneladas.

Ademais, foron movidas 314.000 toneladas de minerais non metálicos (cuarzo, potasas, áridos…) e 56.000 doutros minerais. En total, 762.000 toneladas doutros produtos da industria extractiva. O que supón un 5% adicional, dando un total do 70% de produtos mineiros ou derivados primarios.

Ferrol-San Cibrao, carbón e aluminio

O segundo en tráfico por toneladas agrúpase na Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Moveu en 2017 un total de 13.529.000 toneladas, das cales 4.796.000 foron importacións de carbón para principalmente, a central térmica das Pontes, operada por Endesa. Os minerais de bauxita e alúmina, con orixe e destino na planta de Alcoa en San Cibrao, representaron outras 4.990.000 toneladas. Ferrol exportou tamén agregados, magnesitas e outros minerais nun importe de 120.000 toneladas.

Ferrol-San Cibrao rexistrou un tráfico de produtos mineiros ou derivados primarios de 9.900.000 toneladas, o que representa un 73% do seu volume total.

Vigo e Vilagarcía, portos de exportación de rocha ornamental

O Porto de Vigo moveu un total de 4.234.000 toneladas de mercadorías en 2017, das que unha parte importante corresponden a produtos mineiros e derivados. O principal tráfico de produtos mineiros é o granito, con 300.000 toneladas. Desde aí a potente industria de Porriño exporta a todo o mundo. O seguinte tráfico en importancia de derivados da minaría é o cemento, con 257.000 toneladas, moi relacionado coas aplicacións industriais dos áridos. Ademais, desde Vigo exportáronse 59.000 toneladas de lousa procedente de Ourense. Outros produtos mineiros que pasaron por Vigo corresponden a metais, minerais en xeral, carbón e petróleo. En total, foron 923.000 toneladas, o que corresponde a un 22% do tráfico calculado no 2017.

O Porto de Marín rexistrou no 2017 un tráfico de 2.322.000 toneladas, con 46.000 de produtos mineiros, un 2% do seu volume total de mercadorías. O porto de Vilagarcía moveu en 2016 un total de 1.106.000 toneladas, das cales o 23% (257.000 toneladas) corresponden a hidrocarburos, minerais (granito de explotacións de Porriño e cuarzo de distintas explotacións galegas), metais e cemento.

Os portos autonómicos son portos mineiros

En canto aos portos máis pequenos, os de titularidade autonómica, a importancia dos produtos mineiros é aínda maior. O Porto de Cariño moveu no 2013 (último ano con información pública) 548.000 toneladas, das cales 418.000 corresponden á dunita que extrae Pasek en Landoi e 46.000 ao cuarzo que produce a mina Sonia, de Cuarzos Industriales. Todo isto está destinado á exportación. Estas cifras corresponden ao 84% do tráfico do porto de Cariño. Ademais, estes minerais industriais tamén foron exportados a través dos veciños portos de Burela e Celeiro.

O seguinte porto autonómico en importancia é o de Ribadeo, que moveu 542.000 toneladas de mercadorías en 2013, das cales un 14% do total (75.000 toneladas) foron minerais para a exportación. Entre eles: caolín da Mariña e magnesita do Incio.

O Porto de Brens-Cee tamén é puramente mineiro. O 86% das 396.000 toneladas movidas en 2013 corresponde a empresas mineiras da Costa da Morte, como Ferroglobe e Caolines de Vimianzo, entre outros. En total foron 328.000 toneladas de produtos mineiros e derivados primarios.

Como se pode ver nos datos, os produtos mineiros son clave para as operacións portuarias. Sen o tráfico de produtos mineiros que se realiza por vía marítima, os importantes portos mercantes de Galicia terían unha actividade moi reducida, xerarían menos empregos e veríanse moi afectados nas súas liñas de negocio.

Coa información obtida dos informes de xestión das autoridades portuarias estatais e Portos de Galicia.