Os segredos que garda o fondo do lago de Meirama

2019-06-05T19:00:10+02:0005/06/2019|

Nunha primeira ollada, o val das Encrobas, no concello coruñés de Cerceda, parece unha inmensa reserva natural. Un gran lago, que ocupa a maior parte da superficie, está rodeado dunha vasta masa de vexetación, o que fai del un espazo de importante biodiversidade. Pero o lago de Meirama esconde un segredo: o seu interior alberga unha antiga mina de lignito pardo, mineral usado na veciña central térmica de Meirama durante 27 anos. De gran explotación de carbón, a mina converteuse nunha das maiores actuacións ambientais en España durante os últimos anos.

A explotación mineira foi, durante moito tempo, unha actividade que contribuíu directamente á riqueza de Cerceda, dos seus habitantes e das localidades limítrofes. Pero cando o lignito se terminou e se comezou a importar carbón para o funcionamento da central térmica, a pregunta que moitas persoas facían era: e agora que? E é que a antiga mina deixara un oco de 300 metros de profundidade e de máis de dous quilómetros de lonxitude e un de anchura que podería parecer inutilizable para moitos. Pero non foi así, e no ano 2008 procedeuse á súa transformación.

A segunda vida dunha mina sostible


A operación da mina correu a cargo de Naturgy (primeiro como Fenosa e tras sucesivos movementos corporativos como Unión Fenosa e Gas Natural Fenosa). Como propietaria da central térmica de Meirama e dos terreos onde se atopa a antiga mina de lignito, procedeu a realizar traballos de restauración para cumprir a esixencia legal de rehabilitar a zona. A compañía enerxética desenvolveu neste enclave un proxecto de restauración de máis de 1.000 hectáreas que inclúe a creación dun lago artificial de 150 hm3. Por iso, realizouse un proceso similar ao que Endesa levara a cabo con anterioridade coa mina de lignito das Pontes, pero cunha diferenza: púxose especial atención á calidade da auga do lago.

Durante o enchido da antiga mina, un equipo de científicos da Universidade da Coruña procedeu ao estudo detallado da composición química da auga e determinou que podía abastecer aos 400.000 fogares da área metropolitana da Coruña sen necesidade dunha depuración previa. Este procedemento converteu ao lago de Meirama nunha das principais reservas hídricas de Galicia. O lago artificial de Meirama atópase nunha posición estratéxica, a pouco máis de 30 quilómetros da cidade da Coruña, o que propiciou que, xa no ano 2013, Augas de Galicia o autorizase como reservorio de auga, asegurando, deste xeito, o abastecemento da Coruña e os seus arredores.

A biodiversidade en Meirama


A rehabilitación do lago de Meirama propiciou a rexeneración e desenvolvemento dun espazo no que a biodiversidade é un factor importantísimo. En 2017, un estudo da Universidade de Santiago de Compostela, financiado por Naturgy, identificou 862 especies, fronte ás 839 que xa se identificaran no 2015. O catálogo de especies é extenso: desde aves acuáticas e rapaces, ata coellos, xabaríns, lebres ou raposos, como en calquera outro monte de Galicia. Ademais, o feito de estar a salvo da caza tamén axudou a preservar e multiplicar a biodiversidade da zona. Doutra banda, a conexión fluvial que o lago de Meirama ten co río Barcés propicia que a poboación de peces vaia tamén en aumento.

O proxecto de rehabilitación deseñado por Naturgy aseguraba plantar 450.000 árbores para rehabilitar a contorna da mina. Desta forma, os antigos vertedoiros que compoñían a paisaxe estéril da mina convertéronse nun espazo vexetal natural. Entre as especies plantadas podemos atopar castiñeiros, piñeiros, carballos ou bidueiros. A conservación deste espazo convertéuno, ademais, nun lugar idóneo para o estudo de todas as especies naturais e contribúe ao mesmo tempo ao desenvolvemento cultural e patrimonial da zona de Cerceda. O que antes era unha mina, agora converteuse nun auténtico pulmón para a zona.

Ocio, economía e turismo

A restauración do Lago de Meirama, ademais de supoñer unha gran fonte de recursos naturais, permitirá converter ao concello de Cerceda nun punto de gran potencial turístico e de lecer. Xa hai numerosas ideas e proxectos co obxectivo de sacar o maior partido posible á zona.

A pesar de todo, parece que os traballos que converterán o Lago de Meirama nun lugar de lecer aínda se alongarán. Desde que se comezou o enchido do lago, xa se falaba de proxectos relacionados, sobre todo, con actividades deportivas como o piragüismo. No seu momento, xa se proxectou un plan para adecuar parte do lago para probas náuticas. De momento, aínda en fase de proxecto, xa que queda habilitar a área para as competicións mediante a construción de naves, casetas, vestiarios, e, sobre todo, accesos.

O que si está terminado é a praia do lago, un espazo de 400 metros de lonxitude no extremo oeste e rodeado por unha frondosa masa de árbores con espazo para a construción de embarcadoiros. O obxectivo é que funcione dun modo similar á praia do lago das Pontes, como un espazo de lecer para todas as idades que atraian melloras económicas á zona, sobre todo por medio do turismo. Con todo, o espazo aínda non está habilitado administrativamente para uso público.

A restauración da antiga mina de carbón no lago artificial de Meirama é un proxecto ambiental de gran envergadura a nivel europeo e unha demostración clara de que os proxectos de minería sustentable son beneficiosos tamén despois do seu uso puramente mineiro.

Coñece en profundidade o proxecto de restauración da mina de Meirama na web de Naturgy.