Pode que a dunita non sexa un dos minerais máis famosos do mundo. Porén, ocupa un lugar destacado nas nosas vidas, xa que se utiliza nos sectores da construción, a siderurxia, a agricultura e no coidado da auga.
Este mineral industrial, tamén coñecido como silicato de magnesio, serve de recheo cerámico, para fabricar abrasivos, no tratamento da auga potable ou no control do pH do solo para o cultivo de vexetais.
Agora que sabemos para que, queda por saber onde. A multitude de aplicacións da dunita contrasta coa súa escasa dispoñibilidade xeográfica. Hai poucas rexións de Europa nas que podamos atopar este mineral industrial: no oeste de Noruega, en Austria, na Toscana Italiana e tamén moi preto da casa: en Cariño, un concello coruñés, onde se atopa un dos xacementos máis importantes do mundo.
O monte galego que garda 600 millóns de toneladas de dunita: unha das maiores reservas do planeta
Este xacemento de silicato de magnesio atópase concretamente na parroquia de Landoi, onde as investigacións realizadas hai anos arroxaron unha cifra impactante: 2.000 metros de profundidade que albergan 600 millóns de toneladas de mineral.
A primeira autorización formal para aproveitar este xacemento data de 1971 e hoxe en día a concesión pertence á empresa Pasek Minerales.
O feito de que a dunita sexa unha rareza na codia terrestre fixo que Pasek Minerales manteña un nicho de mercado estable en Alemaña, Francia, Italia, Luxemburgo, e incluso Marrocos e Estados Unidos, con exportacións que se levan a cabo dende os portos de Cariño e Ferrol.
Talento e innovación made in Galicia
En 2023, Pasek Minerales obtivo un dos premios Galicia de Innovación e Deseño impulsados pola Xunta de Galicia, concretamente acadou o galardón de innovación na categoría Gran Empresa.
Este premio é un recoñecemento ao labor da empresa mineira ao longo de máis dunha década de actividade e un motivo de orgullo para o tecido mineiro galego, xa que se trata da sexta compañía en obter o premio e a primeira pertencente á industria mineira.
O enfoque innovador de Pasek Minerales é unha constante en cada un dos seus procesos, que se traduce nunha escala operativa dun millón de toneladas por ano.
Unha produtividade que vén precedida de exhaustivas investigacións, nas que se buscan constantemente novas propiedades do silicato de magnesio e o desenvolvemento de produtos específicos, como mesturas básicas refractarias e áreas para orificios de colada para fornos eléctricos, utilizando dunita.
Unha empresa que se adianta ás necesidades do mercado
A empresa non só se limita á extracción da dunita, senón que tamén se dedica ao seu procesamento e transformación, creando unha cadea de valor completa no concello coruñés. Deste xeito, é posible dar emprego de calidade a máis de 150 persoas e asegurar o abastecemento dalgunhas das plantas siderúrxicas máis importantes de Europa, como ArcelorMittal ou Salzgitter Flachstahl, o que reforza a súa posición como provedor de confianza na industria.
Así, Pasek Minerales demostra a súa capacidade innovadora mediante a diversificación dos usos da dunita en aplicacións máis aló da siderurxia, incluíndo o seu uso como recheo cerámico, abrasivo, tratamento de augas, control do pH en terras e construción civil. Esta diversificación non só amplía o seu mercado, senón que tamén aumenta a súa capacidade para adaptarse e responder ás necesidades cambiantes de diferentes sectores industriais.
Sostibilidade e innovación danse a man en Pasek Minerales
Pasek Minerales comezou 2024 coa posta en marcha de dous ambiciosos proxectos de economía circular para o aproveitamento dos seus estériles finos, catalogados na Materioteca de Galicia: o primeiro centrado en proxectos de absorción de CO2 e o segundo na fabricación de lastre para a eólica mariña.
O investimento da compañía en I+D+i ten moito que ver co seu compromiso coa sostibilidade, reflectido na certificación UNE 22480:2019 Sistema de xestión mineiro-metalúrxica sostible obtida en 2023 e que é unha garantía da excelencia dos seus procesos e produtos.