Cada dous anos celébrase en toda Europa o European Minerals Day, unha data sinalada no calendario para lembrar a importancia que ten o sector extractivo tanto para a economía europea como para o desenvolvemento e o benestar da sociedade.
Con motivo desta celebración, centos de canteiras abren as súas portas para achegar o seu traballo diario ao público xeral. Nesta edición, o sector mineiro galego ten programados varios actos para destacar a relevancia dunha industria que emprega a 11.211 galegos de forma directa e indirecta, cunha achega ao PIB do 0,7% e cuxas exportacións anuais alcanzan os 437 millóns de euros (segundo os últimos datos de 2016).
O acto central do European Minerals Day transcurriu en Porriño, a capital española do granito, unha industria da que Galicia aporta o 90% da produción española, e o escenario escollido foi Blokdegal, unha das canteiras máis grandes de granito Rosa Porriño. Un encontro organizado pola Fundación Centro Tecnolóxico do Granito e Minaría Sostible de Galicia.
Varios grupos de escolares pertencentes ao IES Ribeira do Louro do Porriño e o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui tiveron a ocasión de coñecer as instalacións e os produtos desta canteira para descubrir esta actividade profundamente ligada ao seu concello. Mónica Rodríguez, administradora única da canteira, salientou a importancia desta industria para crear emprego de calidade e colaborar co desenvolvemento social da zona, xa que o sector do granito emprega en Galicia a 4.000 persoas cunha facturación de 500 millóns de euros anuais.
Os alumnos tamén tiveron a ocasión de visitar o Museo dos Minerais de Galicia, Minergal, e afondar no rico patrimonio mineiro e xeolóxico que posúe o noso territorio, así como a canteira rehabilitada de Ferro, un mostra da importancia da última fase do ciclo mineiro: a restauración dos territorios explotados.
No acto tamén estivo presente Lourdes Moure Varela, do Concello do Porriño. Moure salientou o interese que espertan as canteiras do Porriño en todo o mundo, un material exportado a destinos como Francia, Túnez, México ou Estados unidos, entre outros. De feito, a industria galega é a 2ª de Europa e a 5ª do mundo.