O Aeroporto de Peinador en Vigo prepárase para a tempada alta estreando pista de aterraxe. Trátase dunha obra realizada nun tempo récord –apenas 25 días–, pero que supuxo a maior intervención do aeroporto nos seus preto de 100 anos de historia.
A obra centrouse na rexeneración da pista principal do aeroporto, que conta con 2.385 metros de lonxitude e 45 metros de ancho. Para esta obra foron necesarias 100.000 toneladas de áridos, procedentes das canteiras de Galicia.
Os áridos son materiais granulares que poden ter diferentes tamaños en función do uso que se lles vaia a dar, aínda que todas as súas aplicacións están relacionadas co mundo da construción, é dicir, practicamente todo o que vemos ao noso ao redor: edificios, pontes, hospitais, estradas e portos. E si, tamén o firme que deixamos atrás cando viaxamos a outro país está composto destes materiais, tan importantes que son o segundo recurso máis demandado do mundo, só por detrás da auga.
Por iso, sen os recursos e o traballo das canteiras galegas próximas a Vigo, a modernización do Aeroporto de Peinador non sería posible. Unha obra esencial para a conexión de Galicia co resto do mundo e que foi executada por unha UTE.
A importancia dos áridos galegos
As 100.000 toneladas de áridos necesarias, desagregadas en 70.000 toneladas para a fabricación de asfalto como capa de rodadura e 30.000 toneladas para o recheo e nivelación da pista e accesos, foron administradas polas empresas Áridos do Mendo e Francisco Gómez e Cía. Ademais, esta empresa foi a encargada da fabricación in situ do aglomerado (asfalto) e o seu posterior estendido. A planta de aglomerado instalada no aeroporto para subministrar mesturas de firme traballou 18 horas ao día cunha capacidade de produción dunhas 200 toneladas por hora.
As canteiras que subministraron os áridos están situadas na zona de influencia das obras, asegurando a calidade e proximidade do material, e por tanto un menor nivel de impacto ambiental no seu transporte.
Desenvolvemento das obras con áridos galegos
As obras, que supuxeron o peche do aeródromo ao tráfico aéreo entre o 6 e o 30 de maio, desenvolvéronse segundo o calendario previsto. Durante a primeira semana, realizouse o fresado completo da pista e unha escavación profunda de 1,26 metros naquelas zonas que requirían maior rexeneración do pavimento. Un espazo que se encheu con pedraplén, recebado e zahorra.
A aplicación do firme constou de tres capas, a última delas, a do pavimento, foi a que requiriu de maior atención, xa que é un revestimento que se debe estender en quente e sen presenza de choivas. “Unha vez máis, as canteiras e graveras de Galicia estamos a demostrar que somos capaces de aportar materiais de construción imprescindibles para infraestruturas críticas que requiren calidade máxima. Os áridos das nosas empresas son a base das redes de transporte máis importantes. A minería é a base de actuacións de gran calado no ámbito das obras públicas, como este aeroporto. Como o foi a chegada do Ave a Galicia, o Porto Exterior da Coruña e outras moitas”, explica Alberto Novoa presidente da Asociación Galega de Áridos (Arigal).
Sostibilidade ambiental e social
Una das características destacadas deste proxecto é o enfoque na redución do impacto ambiental. A reutilización dos 29.000 metros cúbicos de pavimento demolido é un claro exemplo de como se poden implementar prácticas de economía circular en grandes obras de infraestrutura. Estes materiais reutilizados non só axudan a minimizar os residuos, senón que tamén reducen a necesidade de extraer novos recursos, o cal é beneficioso para o medioambiente.
Ademais, o uso de áridos de proximidade asegura a rastrexabilidade, calidade e a eficiencia na obra, e diminúe a pegada de carbono asociada ao transporte de materiais. A proximidade das canteiras reduce significativamente as emisións de CO2 derivadas do transporte, contribuíndo así a unha menor contaminación e a un proxecto máis sostible.
A renovación do Aeroporto de Peinador non só ten un impacto positivo en termos de infraestrutura e sustentabilidade, senón que tamén xera beneficios económicos e sociais significativos. O investimento nesta obra creou numerosos postos de traballo directos e indirectos, contribuíndo ao desenvolvemento económico da rexión. A contratación de empresas locais para a subministración de áridos e outros materiais fomentou a economía rexional, apoiando ás canteiras e empresas de construción galegas.