Pór en valor lugares de interese histórico vinculados á minería e mellorar a experiencia de veciñanza e visitantes é tamén unha forma de achegar a xeoloxía e a historia industrial á vida cotiá. Galicia está chea de enclaves onde a actividade extractiva deixou pegada —na paisaxe, nos oficios e na memoria local—, pero moitas veces falta información para entender que estamos vendo.
Por iso, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), dentro da plataforma de Minaría Sostible de Galicia, reforzou a divulgación do patrimonio mineiro e xeolóxico galego coa instalación de oito novos tótems informativos en diferentes enclaves do territorio. A iniciativa, desenvolvida desde 2024, busca ofrecer unha explicación clara e accesible en cada punto, axudando a interpretar o lugar e o seu valor patrimonial.
Tótems con QR e divulgación no territorio
Os tótems instalados, monólitos de ferro de 80 centímetros de altura, inclúen un panel con información do lugar e un código QR que permite acceder desde o móbil á plataforma Patrimonio Mineiro de Galicia, onde se amplía o contido e, cando proceda, pódense consultar rutas asociadas.
Con esta actuación, a COMG suma xa 23 puntos sinalizados en Galicia desde 2019, dos cales 15 foron instalados en 2024, e continuará ampliando a rede con novas incorporacións, a mellora de contidos no portal Minaría Sostible e o programa de rutas guiadas iniciado en 2023. Para o conxunto destas iniciativas, a COMG conta co apoio da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

A continuación, percorremos os oito enclaves incorporados: unha selección de lugares onde xeoloxía, historia e paisaxe van da man e permiten descubrir, sobre o terreo, a pegada mineira de Galicia.
- As Médulas das Borreas – Viana do Bolo
Este enclave destaca pola súa vinculación coa minería aurífera romana, onde o uso da auga foi esencial para erosionar sedimentos e separar o ouro por densidade. A paisaxe actual conserva pegadas visibles daquela actividade, que permite entender como a minería histórica transformou o territorio e deixou un legado patrimonial de alto valor.
Para ver o vídeo fai clic nesta ligazón: https://patrimonio.camaraminera.org/es/ruta/ruta-de-las-medulas-de-borreas.
- Minas de estaño e wolframio de Beariz
En Beariz, a xeoloxía granítica e a presenza de minerais asociados ao estaño (como a casiterita) explican unha tradición extractiva con raíces antigas. O punto informativo pon o foco na relevancia do estaño ao longo do tempo e no patrimonio local ligado a pequenas explotacións, oficios e elementos etnográficos asociados á actividade mineira.
Para ver o vídeo fai clic nesta ligazón: https://patrimonio.camaraminera.org/es/ruta/ruta-de-las-minas-de-estano-y-wolframio-de-beariz.
- Lagoa de Mina Mercedes e Porto Piñeiro- Valga
No concello de Valga, as lagoas de Mina Mercedes e Porto Piñeiro constitúen un exemplo claro de como un espazo ligado á extracción pode transformarse co tempo nun contorno con novos valores ambientais, sociais e recreativos.
Mina Mercedes foi unha explotación a ceo aberto dedicada á arxila, empregada principalmente en cerámica e materiais de construción. Tras o cese da actividade, o oco mineiro foi enchéndose de forma natural ata dar lugar a unha lagoa que hoxe alberga un ecosistema de interese e se converteu tamén nun espazo de uso lúdico e social, mostrando a capacidade destes contornos para evolucionar cara a novos usos.
Moi próxima a ela, a lagoa de Porto Piñeiro reforza esta lectura do territorio como un conxunto. É outro exemplo de transformación dun antigo espazo extractivo nunha área con potencial para o lecer e a biodiversidade, e permite ademais pór en valor elementos vinculados ao patrimonio industrial e á memoria do aproveitamento de recursos na zona.
Para ver o vídeo fai clic nesta ligazón:
https://patrimonio.camaraminera.org/es/punto-de-interes/lagoas-de-mina-mercedes-e-porto-pineiro.
- Areeiras da Limia – Sandiás
A comarca da Limia aséntase sobre unha gran conca sedimentaria onde a area de gran calidade tivo un papel clave como árido para construción. En Sandiás, o tótem explica a orixe destes materiais, o seu uso en formigón e asfaltos, e a renaturalización asociada aos ocos mineiros, que en moitos casos se converten en lagoas pola presenza de acuíferos.
Para ver o vídeo fai clic nesta ligazón: https://patrimonio.camaraminera.org/es/punto-de-interes/areeiras-da-limia-0.
- Areeiras da Limia – Xinzo de Limia
O segundo punto na Limia completa a lectura do territorio: extracción, procesado e selección do material por granulometría, e o resultado paisaxístico posterior. Estas áreas inundadas xeraron novos ecosistemas e convertéronse en espazos de interese para a observación de aves acuáticas, achegando valor ambiental a unha paisaxe historicamente ligada ao aproveitamento de recursos.
Para ver o vídeo fai clic nesta ligazón: https://patrimonio.camaraminera.org/es/punto-de-interes/areeiras-da-limia.
- Olería de Buño – Malpica de Bergantiños
Buño é un referente do patrimonio cultural vinculado á arxila e á tradición oleira. Este punto pon en valor o oficio, a relación directa entre xeoloxía e artesanía, e a continuidade dun saber facer que forma parte da identidade local, con obradoiros activos e espazos de interpretación como o Ecomuseo.
Para ver o vídeo fai clic nesta ligazón: https://patrimonio.camaraminera.org/es/punto-de-interes/oleria-de-buno.
- Manancial de Cabreiroá – Verín
No corazón do val de Verín, Cabreiroá dá nome a unha “viaxe” silenciosa: a da choiva que se infiltra entre rochas graníticas e metamórficas e circula durante anos por fracturas naturais ata emerxer cunha composición estable e equilibrada. Nese percorrido subterráneo, a través do acuífero Vilardevós–Laza (corredor Regua–Verín), a auga adquire de forma natural os minerais que definen o seu carácter: bicarbonatada, sódica e de mineralización equilibrada.
Ademais do seu valor hidroxeolóxico, Cabreiroá é parte da historia local: as súas augas, coñecidas desde finais do século XIX, viron a súa excelencia certificada en 1906 polo Premio Nobel Santiago Ramón y Cajal, consolidando este manancial como un patrimonio galego que segue a brotar hoxe coa mesma pureza.
Nas seguintes ligazóns podes ver o vídeo sobre o Manancial de Cabreiroá e sobre a súa historia nas seguintes ligazóns: https://patrimonio.camaraminera.org/es/punto-de-interes/manancial-de-cabreiroa e https://patrimonio.camaraminera.org/es/punto-de-interes/historia-do-manancial-de-cabreiroa.
Os emprazamentos seleccionáronse priorizando a relevancia histórica, a afluencia turística e a representatividade xeográfica e de sectores minerais, en coordinación con concellos e entidades colaboradoras, e con integración parcial en rutas xa impulsadas pola Cámara no marco do programa MINATUR.


