A historia mineira de Galicia está tecida de episodios nos que a xeoloxía local se converte, ás veces de maneira inesperada, en protagonista da economía e da xeopolítica internacional. Entre todos os minerais extraídos na comunidade, o antimonio é probablemente un dos máis descoñecidos polo gran público, pese a que durante boa parte do século XX Galicia foi o principal produtor nacional e un actor relevante na súa cadea de subministración global.

A mina de Vilarbacú, en Quiroga (Lugo), concentra este legado: un mineral estratéxico, un auxe industrial impulsado polas guerras mundiais e, hoxe en día, todo un exemplo de como a memoria mineira pode integrarse no patrimonio e no turismo sostible.

Ruínas de construcións que formaban parte da antiga explotación mineira. Imaxe: Carlos Rueda vía La Voz de Galicia

Vilarbacú: auxe, innovación e declive dun mineral de guerra
O antimonio foi durante décadas un mineral clave para a industria europea. A súa principal aplicación era endurecer o chumbo e o estaño, o que o facía imprescindible na fabricación de municións, pezas de artillaría e armaduras. Esta propiedade converteuno nun recurso estratéxico en momentos de conflito, disparando a súa demanda durante a Primeira Guerra Mundial, a Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial.

A explotación da mina de Vilarbacú comezou en 1896, nun contexto de crecente demanda industrial en toda Europa. No seu apoxeo, especialmente entre 1915 e 1918, a mina chegou a producir ata 400 toneladas anuais de antimonio e a empregar a preto de 150 traballadores, incluídas 16 mulleres encargadas do lavado do mineral. O mineral, principalmente estibina (sulfuro de antimonio, Sb2S3), extraíase en túneles e cortas a ceo aberto, e transportábase desde a estación de San Clodio (Ribas de Sil) en tren ata o porto de Vigo, embarcándose rumbo a Barcelona e Bilbao para a súa transformación en aliaxes militares.

Tras a Primeira Guerra Mundial, a demanda caeu en picado, e a mina sobreviviu a base de técnicas rudimentarias, baixos rendementos e contrabando cara a Portugal. Porén, os conflitos internacionais volveron situar a Galicia no centro do taboleiro: durante a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, a mina viviu un segundo período de esplendor. A xestión por parte dunha empresa vasca introduciu innovacións tecnolóxicas, como a concentración por flotación e fornos de oxidación, que permitiron manter a produción (arredor de 270 toneladas anuais) e mellorar a calidade do produto.

Porén, o fin da Segunda Guerra Mundial trouxo consigo a caída da demanda de municións, o esgotamento progresivo das reservas e o aumento dos custos de transporte, factores que levaron ao peche definitivo en 1958.

Do esquecemento ao patrimonio: a Ruta das Minas de Vilarbacú e a integración no Courel
Tras o seu peche, a mina de Vilarbacú quedou en silencio. Porén, lonxe de desaparecer, o seu legado converteuse en recurso turístico, educativo e cultural. Hoxe, os vestixios da explotación, como os túneles, fornos, escombreiras, lavadeiros e a emblemática Casa das Minas, forman parte da Ruta das Minas de Vilarbacú. Trátase dun sendeiro circular de 8,5 km que permite aos visitantes percorrer o contorno xeolóxico e mineiro, gozar de vistas panorámicas da serra de O Courel, Ancares e As Médulas, e comprender o impacto que a minería tivo na paisaxe e na economía local.

A mina de Vilarbacú non só é patrimonio industrial; é tamén memoria viva da evolución social e económica de Galicia. Empregou a xeracións de traballadores, impulsou a innovación tecnolóxica e marcou a vida da comarca de Quiroga, que hoxe integra este legado na súa oferta de xeoturismo. O conxunto mineiro está integrado no Xeoparque Mundial Montañas do Courel (UNESCO) e na sala de minería do Museo Xeolóxico de Quiroga, onde se contextualiza a importancia do antimonio xunto a outros recursos estratéxicos galegos como o ouro, o ferro, a lousa e a cal.

A transformación de Vilarbacú en recurso turístico e educativo é exemplo de economía circular aplicada ao territorio: en vez de abandonar o espazo tras o esgotamento do mineral, dálle un novo valor, xerando oportunidades para a educación, a investigación e a dinamización económica local.

Leccións para a minería sostible en Galicia
A experiencia de Vilarbacú ofrece ensinanzas clave para o presente e o futuro da minería galega, xa que é un exemplo idóneo de como o peche responsable, a integración en xeoparques e a conversión en patrimonio poden prolongar o valor do recurso moito máis alá da fase extractiva.

Para os novos proxectos mineiros galegos, a historia de Vilarbacú é unha invitación a planificar o peche desde o inicio, a integrar a restauración ambiental na explotación, a considerar a transformación posterior en recurso educativo e turístico e a xerar emprego e riqueza sostible para o territorio.

Así, a minería de antimonio en Galicia lembra que os minerais estratéxicos son finitos, pero o valor engadido da súa memoria, o seu patrimonio e a súa capacidade de inspirar innovación e sostibilidade poden perdurar indefinidamente.