Presentación de “Minaría Sostible de Galicia”

2019-02-13T12:40:00+01:0012/02/2019|

O 12 de febreiro tivo lugar na Cidade da Cultura a presentación das propostas de divulgación e promoción recollidas baixo o selo Minaría Sostible de Galicia. Esta iniciativa sen precedentes responde ao compromiso social que ten a minaría como industria que opera directamente no medio rural galego e que ten un valor capital para a economía da comunidade, cunha achega do 0,7% (416 millóns de euros) ao PIB galego e que representa o 1% do emprego total da comunidade (11.200 postos de traballo), segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

O evento acolleu a máis de cen asistentes pertencentes a empresas mineiras, enerxéticas e relacionadas coa actividade extractiva, que son estratéxicas para a economía da nosa comunidade e que dependen directamente dos recursos minerais.

A marca Minaría Sostible de Galicia nace a raíz dunha iniciativa da Cámara Mineira de Galicia da que tamén participan outras entidades.

O director da COMG, Diego López explicou a creación desta marca como resposta a “unha campaña de mitos e desinformación que se leva producindo durante anos contra o sector mineiro en Galicia”. López destacou as iniciativas impulsadas polo sector mineiro de cara a transparentar tanto as prácticas que se levan a cabo en canteiras coma o papel que realmente ten este sector na sociedade con campañas como visitas a canteiras, o Día da Ciencia na Rúa (na Coruña), o Congreso Nacional de Áridos 2018 (Santiago) ou a campaña para colexios Minergal. López tamén destacou a labor fundamental das universidades e dos centros tecnolóxicos para mellorar as prácticas do sector. Por último, deu unha chamada de atención recordando que a minaría será fundamental nos próximos anos, recordando que o 70% da industria europea depende deste sector e que os minerais son necesarios para as enerxías renovables e tamén para a fabricación de vehículos eléctricos. “A minaría está en perigo e Galicia necesita á súa minaría”

O acto contou coa presenza de Francisco Conde, Conselleiro de Economía, Emprego e Industria; que quixo salientar o motor económico que supón a minaría para Galicia, que se sitúa como líder mundial en producións e exportacións de lousa e onde se produce o 41% de rochas ornamentais de España. “A minaría non só é a base da construción, senón que ten impacto directo en sectores fundamentais como a alimentación ou a automoción”, apuntou Conde. Asimesmo destacou que a minaría é un sector de pequenas explotacións formado por pemes de capital galego, onde o 97% das explotacións son galegas, con xeracións enteiras adicadas á explotación mineira. En relación con isto quixo destacar que este selo galego debe ser un impulso para continuar comprometidos co desenvolvemento e a innovación.

Tamén interviu na presentación Natalia Caparrini, pertencente á Escola de Enxeñeiros de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, que situou á minaría no centro dos 17 Obxectivos do Desenvolvemento Sostible marcados pola ONU para 2030. “Hai que romper esa falsa afirmación de que minaría e sostible non poden ir na mesma frase”, declarou. “Hai asociacicións e iniciativas, e sobre todo datos que avalan a minaría sostible de Galicia, que en cuestións de contaminación atmosférica só é responsable do 0,3% dos gases de efecto invernadoiro”.

Pola súa parte, Pablo Núñez, Delegado do Colexio Oficial de Xeólogos, definiu a marca Minaría Sostible de Galicia como unha plataforma de encontro: “Somos empresa, profesionais e coñecemento, un lugar onde impulsar as boas prácticas e recuperar o prestixio social”. Núñez destacou que parte do seu traballo como mineiros debe ser achegar información de fontes contrastadas e datos comprobados.