O panorama da minaría en Galicia ten cambiado moito desde 1987, ano en que chegaron a Touro os primeiros investigadores tras o peche da mina de cobre por parte da empresa Río Tinto. O que se atopou este grupo de científicos da Universidade de Santiago (USC) foi unha contorna abandonada, con arroios contaminados e un ecosistema carente de animais.
Para poñer unha solución a este problema que afectaba directamente aos veciños de Touro, os investigadores decidiron centrar os seus estudos nos chans, caracterizándoos (analizándoos) para despois poder recuperalos. Esta fase de análise inicial era fundamental, xa que o chan é a base da vida, nun chan degradado non crece ningún ser vivo e nin tan sequera se desenvolve o ciclo da auga.
Tras unha década de análise dos solos, co diagnóstico do problema en man -solos hiperácidos cun pH inferior a 3; cargados de sulfato, aluminio, ferro e manganeso- púidose establecer unha solución: a creación de chans artificiais ou tecnosoles. Os biólogos e químicos que traballaban na recuperación de Touro foron pioneiros á hora de desenvolver estes chans, mesmo antes de que o termo tecnosol se acuñase. Estes chans artificiais serven para devolver a ecosistemas danados as súas características iniciais e mesmo melloralas.
Touro: pioneiros na creación de tecnosoles
Na mina de Touro foi necesaria a creación de catro tipos de chans diferentes en base ás necesidades das zonas afectadas, chans que se crearon mediante a reutilización de residuos inorgánicos, como os propios estériles do xacemento, e mediante residuos orgánicos como humus ou biomasa. Desta maneira, os tecnosoles conforman un dos eixos da economía circular da minería.
Estes tecnosoles compórtanse igual que os naturais e evolucionan converxendo cos chans orixinarios da zona, favorecendo o desenvolvemento da vida. Na actualidade, a mina de Touro está recuperada ao 90%, con arroios potables e cun ecosistema de humidais no que conviven anfibios, aves, insectos e peces. O 10% que aínda non se recuperou está a ser obxecto de varias investigacións que teñen como meta o estudo dos microorganismos que o habitan.
Ao éxito deste proceso de rehabilitación iniciado fai xa tres décadas, seguírono moitos outros proxectos que apostan pola investigación e o aproveitamento de recursos. O obxectivo destes plans é rehabilitar aquelas zonas mineiras pechadas hai anos e que non foron xestionadas seguindo os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.
Rubiais: novas técnicas de restauración
Desta mina situada en Pedrafita de Cebreiro (Lugo) extraéronse 18.6 millóns de toneladas de chumbo e zinc entre 1977 e 1992. No momento do peche tentouse a restauración da zona mediante o estendido dunha capa de terra vexetal e mediante a plantación de varias especies herbáceas e arbóreas, con todo os chans eran acedos e non permitían o desenvolvemento da vexetación.
En 2011 comeza unha nova etapa para a recuperación da mina de Rubiais, cun ensaio de campo no que se está avaliando a capacidade de absorción de cadmio e zinc mediante especies forestais de ciclo curto. Así mesmo, estas especies producen biomasa que serve para nutrir os solos sobre os que se asentan.
Para mellorar as condicións do solo, a estas plantas acumuladoras súmaselle o co-cultivo de especies vexetais que forman asociacións con microorganismos fixadores de nitróxeno. Este proxecto tamén ten en conta a reciclaxe, xa que o compost de residuos sólidos municipais utilízase como fertilizante orgánico.
Máis información sobre o proxecto de restauración da mina de Rubiais, na web do proxecto de investigación Phytosudoe.