San Finx, 6.000 anos de minaría no Barbanza

2024-10-14T12:45:32+02:0014/10/2024|

A explotación dos recursos mineiros non é unha actividade inusual ou moderna en Galicia. Dende hai milenios, os seres humanos extraen minerais e rochas do solo e do subsolo. Un dos exemplos máis claros diso, que chegou a nós grazas á abundante investigación científica realizada no século XXI, atópase na mina de San Finx, no concello coruñés de Lousame, moi preto da Ría de Noia e dos seus ricos bancos marisqueiros. 

Os xacementos mineiros de Galicia están presentes na historia universal da minería dende a Idade do Bronce ata hoxe. San Finx ten unha relevancia especial nesta longa historia. Na península do Barbanza extraéronse durante séculos estaño, wolframio, granito, berilio, cuarzo, grafito e ferro en decenas de pequenos establecementos mineiros repartidos por toda a zona. A maleza e o abandono, unha vez extraído o mineral, cubriron á maioría. 

Segundo diversas investigacións levadas a cabo pola Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), o xacemento mineiro de estaño en San Finx está presente na historia universal da minería desde a Idade do Bronce. Nesa época xa se coñecían os fundamentos suficientes de minería como para identificar as rochas importantes, extraer e separar os metais. A actividade mineira da zona está acreditada por referencias documentais, toponímicas e incluso indicios de labores superficiais asociadas a antigas técnicas extractivas. 

A chegada da Idade do Ferro, que representa un cambio global, levara a reducir a demanda ordinaria de estaño como aliaxe para fundir bronce, polo que a actividade mineira decae en San Finx. Non se recuperará ata a Baixa Idade Media, cando se inician as peregrinacións masivas a Santiago de Compostela, situada a só 35 quilómetros da mina. 

Picheleiros, con estaño de San Finx

A ourivería, pratería e traballo do estaño floreceu ao final do Camiño, que se abasteceu de materiais de San Finx para xoias e utensilios de metal que fixeron a viaxe de volta cos peregrinos. Os obxectos de estaño eran elaborados por artesáns chamados picheleiros, nome popular co que se coñece aínda hoxe en día aos habitantes de Santiago de Compostela. O vocábulo pichel procede do francés antigo pechier e designa un “vaso alto e redondo, ordinariamente de estaño”. Co auxe das peregrinacións, o estaño de San Finx non era suficiente para cubrir a demanda dos artesáns, polo que se complementou con mineral de Ourense e de Inglaterra. 

O terceiro período histórico de San Finx, xa perfectamente documentado, esténdese desde 1884 ata a actualidade. A finais do século XIX, o proceso de industrialización interno de Galicia deriva nunha reactivación da demanda de estaño, especialmente usado na preparación de folla de lata e soldadura na incipiente industria conserveira galega. Tamén teñen importancia as condicións da demanda internacional de metais estratéxicos, como o wolframio ou tungsteno, descuberto só cen anos antes. 

Nesta situación, e seguindo un proceso parecido ao doutros establecementos mineiros españois, prodúcese un importante investimento de capital británico para a explotación da mina de San Finx mediante sociedades limitadas e técnicas mineiras vangardistas. 

A actividade mineira en distintos pozos perfectamente organizados xera unha importante demanda de man de obra a principios do século XX, chegando a mina a dar emprego estable a 400 persoas. Vaise formando un poboado mineiro con dotacións e infraestruturas: electricidade, auga, xardíns, escola, xestión, asistencia sanitaria, etc. Esta actividade, que se realizaba baixo condicións laborais moi duras, tamén se traduciu en tensións sociais, podendo datar en 1918 a aparición en San Finx dun dos primeiros movementos sindicais de Galicia. 

A evolución dunha mina estratéxica durante a II Guerra Mundial

Pouco despois do final da Guerra Civil española, en 1940, disólvese a sociedade británica, e a mina pasa a ser propiedade dunha empresa de capital español. 

Durante a Segunda Guerra Mundial, San Finx convértese nun foco industrial de interese estratéxico a causa da febre do wolframio. O wolframio (denominado tamén tungsteno) empregábase para blindar a punta dos proxectís antitanque e a coraza dos blindados. A poboación flotante crece ata máis de 1.000 persoas que explotan superficialmente e de maneira non profesional o wolframio (mineiros de monte) para vendelo á propia mina e incluso a axentes dos gobernos británico ou alemán en forma de contrabando. 

Despois, e tras superar a demanda extraordinaria de wolframio, a produción estabilízase con distintos altibaixos, interrompéndose en 1990. O prezo do estaño e do wolframio nos mercados internacionais desplomouse, convertendo a mina de San Finx nun activo sen rendibilidade. 

Esta explotación irregular, con técnicas obsoletas e sen lexislación nin sensibilidade ambiental algunha, nunca impediu que a comarca do Barbanza e a rica Ría de Noia sigan hoxe sendo abundantes en recursos naturais e incluso alberguen un dos seis parques naturais de Galicia no seu territorio (Dunas de Corrubedo). Así demóstrase a compatibilidade entre a actividade mineira e a pesqueira e marisqueira nun entorno natural. 

A viabilidade de San Finx no siglo XXI

Co paso do tempo, a reactivación do prezo do estaño e do wolframio, así como a aparición de técnicas mineiras novidosas e eficientes, volveu situar a mina de San Finx no limiar da rendibilidade. O mineral de tungsteno que alberga o terreo volvía ser valioso. 

O wolframio ou tungsteno considérase desde 2024 na Unión Europea como unha das 34 materias primas estratéxicas debido a que “se espera que a súa demanda creza de forma exponencial e cuxas necesidades de produción son complexas e, por tanto, corren maior risco de sufrir problemas de subministración”. 

O principal motivo é a alta dependencia do mercado asiático, que supera o 80% da produción mundial. En toda Europa, só tres países: España, Portugal e Austria, reúnen os principais xacementos de wolframio ou tungsteno e están producindo actualmente un 2,8% da produción mundial, sendo o potencial de Galicia moi superior a esta cifra. 

Debido a esta alta necesidade de wolframio na UE, a mina de San Finx recibiu autorización para iniciar os traballos previos á súa reapertura en 2015. Durante anos, a empresa Tungsten San Finx, propiedade da cotizada española Sacyr, realizou traballos de acondicionamento en parte das instalacións. Realizouse investigación para coñecer a magnitude das reservas, adquisición de maquinaria moderna e desenvolvementos para poñer en funcionamento un pozo mineiro. Sen embargo, estes traballos sufriron unha suspensión completa a finais de 2017. 

Desde ese momento, como sostén a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), “ao non haber actividade mineira, as augas rebordan desde as galerías subterráneas (que están completamente inundadas) e afloran aos cursos naturais sen supervisión e control de Augas de Galicia (Xunta de Galicia). As augas subterráneas e de escurrimiento, ao seu paso pola zona mineralizada, erosionan a rocha e cárganse de metais como o zinc ou o cadmio de maneira natural”. 

En 2022, Sacyr decidiu desfacerse do seu negocio mineiro e transferiu o activo (a empresa Tungsten San Finx) a outra sociedade, que á súa vez o cedeu a unha terceira en 2023. 

Autorización de vertidos en 2023 

En febreiro de 2023, a Xunta de Galicia autorizou un plan de vertidos supeditado a uns condicionantes existentes que implicaban a construción dunha depuradora das augas residuais industriais procedentes da explotación mineira de estaño e wolframio. 

Así explicaba e defendía o proxecto a COMG en setembro de 2023: “É necesario construír a planta depuradora esixida pola Xunta de Galicia. Este proxecto, contra o que houbo gran oposición, que corrixe estes altos niveis de metais nas augas, é necesario e imprescindible para evitar o vertido de augas non tratadas”. 

“A construción dunha planta de tratamento é a única solución a esta presenza de elementos nas augas da contorna que se produce de xeito natural. Este plan de desaugamento das galerías da mina foi estudado de maneira escrupulosa polos técnicos da Xunta de Galicia durante anos e marca uns prazos e uns requirimentos que deben ser cumpridos para que o proxecto mineiro avance”. 

A autorización de febreiro de 2023 establecía un prazo para a finalización das obras correspondentes aos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais, prazo que logo foi ampliado, pero non cumprido. Por este motivo, debido aos reiterados incumprimentos de prazos, Augas de Galicia (Xunta de Galicia) decidiu revogar a autorización en abril de 2024 e iniciar o expediente de caducidade do permiso de explotación da mina de San Finx, o que impedirá a súa explotación. 

O estaño e o wolframio de San Finx deben ser aproveitados baixo criterios sostibles primando o beneficio social. Son múltiples as iniciativas de organismos públicos europeos que reclaman un maior desenvolvemento da minería sostible para abastecer de materias primas á industria. De feito, o wolframio está na lista de materias primas estratéxicas da UE, materiais sen cuxo abastecemento, a industria podería colapsar. 

Na actualidade, algúns edificios da antiga explotación foron recuperados como centro de interpretación e poden ser visitados como o Museo Minas de San Finx. Trátase dun uso compatible co da actividade mineira puramente extractiva. 

Este artículo é unha actualización doutro publicado co mesmo título o 26/12/2019 que engade datos e amplía información.