A minaría axuda a descubrir os fósiles galegos

2019-05-13T20:34:02+02:0013/05/2019|

A investigación do subsolo para o aproveitamento de minerais ten sido relacionada directamente coa paleontoloxía, que se empezou a tecnificar no século XIX. As primeiras prospeccións mineiras modernas, xunto co estudo da xeoloxía e do chan chegaron a Galicia cara a 1832 grazas a Guillermo Schulz, ao que se lle atribúen os primeiros achados fósiles de Galicia. Este xeólogo trazou en 1834 o primeiro mapa xeolóxico a nivel europeo de España e Portugal, feito en Galicia. A procura de xacementos minerais foi o que propiciou que atopase os primeiros restos fósiles nas zonas de louseiras nas que investigaba.

Galicia conta con poucos fósiles humanos e doutros vertebrados porque o medio ácido do solo e a choiva non axudan á preservación dos restos óseos, o que converte aos achados galegos en algo excepcional.

Algúns museos mineiros de Galicia contan con coleccións e mostras de fósiles obtidos do solo en covas que constatan a riqueza paleontolóxica galega, sobre todo nas zonas baixas de terreo calizo da provincia de Lugo, desde Mondoñedo a Becerreá.

Restos paleontolóxicos en minas galegas

Nas últimas décadas, as actividades mineiras propiciaron o inicio de investigacións paleontolóxicas debido á aparición de restos fósiles en distintas explotacións de pedra calcaria e de lousa, as cales propician su conservación.

O mamut do Incio

En 1961, nunha canteira de pedra calcaria do Incio (Lugo) un equipo de mineiros que extraía mineral para a fábrica de cementos de Oural, atopou unha greta arxilosa na que repousaban os restos do que é o único mamut atopado en Galicia. O achado, que se atopa no museo de ciencias naturais Luís Iglesias, da Universidade de Santiago, foi estudado polo geólogo Isidro Parga Pondal e o paleontólogo Emiliano Aguirre, o primeiro director das escavacións de Atapuerca. A mina, que deixou de ter actividade en 1970, non albergou ningunha outra investigación científica desde entón.

A Cova de Eirós

En 1989 iniciouse en Triacastela (Lugo) a escavación da Cova de Eirós, unha gruta moi próxima á canteira de calcaria de Vilavella, propiedade de Cementos Cosmos, da corporación Votorantim. As escavacións descubriron un xacemento de oso cavernario de enormes proporcións, o máis occidental de Europa e o que mellor se estudou mediante as técnicas máis novas. Na zona da entrada descubriuse en 1994 un xacemento arqueolóxico que se empezou a escavar sistematicamente en 2008. Entre os 2.000 restos descubertos, recuperáronse ferramentas de pedra e ósos de diversas cronoculturas do Paleolítico Superior, e restos dunha gran variedade de especies animais. Ademais, os investigadores destacaron o achado de puntas e lascas de tipo Levallois, ferramentas moi elaboradas a partir de pedra cuarcita típicas da actividade dos neandertais. Ao comezo da investigación, a cova foi protexida pola empresa mineira, que instalou a finais da década dos noventa medidas de protección que axudaron a frear a deterioración da cova, que fora utilizada tradicionalmente para gardar gañado e mesmo sufrira actos vandálicos. Ademais Cementos Cosmos financia activamente as investigacións dos equipos científicos. Todas estas medidas axudaron a preservar a integridade da cova e a conservación da súa riqueza paleontolóxica.

A empresa mantén tamén unha estreita colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para compatibilizar a explotación dunhas calcarias de excelentes calidades e a preservación dun extraordinario xacemento arqueolóxico. Para iso colaborou na declaración de Ben de Interese Cultural da Cova, establecido un macizo de 50 metros de protección como non utilizable para explotación mineira e implantado mecanismos de seguridade e control (sensores de humidade, temperatura e presión atmosférica) para protexer o enclave.

Esta iniciativa de Cementos Cosmos recibiu o premio nacional da Federación de Áridos (2018) e foi seleccionada para optar ao Premio Europeo de Desenvolvemento Sostible da Unión Europea de Produtores de Áridos ( UEPG) en 2019.

Fósiles na mina das Pontes

Pero tamén na mina das Pontes apareceron fósiles. O levantamento de terras da mina deu lugar a que en 2008 se atopase no recinto mineiro o cranio dun crocodilo, que se sumou a unha mandíbula dun animal da mesma especie atopada con anterioridade. Estudos revelaron que os restos son de fai 28 millóns de anos. Ademais, na zona oeste da mina atopáronse fósiles de ras e pequenos caracois. Todos estes restos contan cun gran valor xa que, debido á gran acidez do solo, é pouco frecuente que se atopen tan ao oeste da comunidade galega.

Xacemento de Valdavara 3

Máis recentemente, en 2009, unha voadura controlada nunha canteira de calcaria de Becerreá (Lugo) deixou ao descuberto ata 1.400 restos fósiles de fauna salvaxe pertencentes a 40 especies distintas datados de hai 110.000 anos. Os restos foron catalogados e estudados conxuntamente polos investigadores do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste –Arqueoloxía, Antigüedad e Territorio da Universidade de Santiago, e do Institut Catalá de Paleoecología Humana i Evolució Social. O xacemento foi bautizado co nome de Valdavara 3, xa que se atopa a uns 50 metros da cova lucense do mesmo nome, na que se identificou o fósil humano máis antigo de Galicia. As tarefas de escavación e de restauración contaron coa colaboración, segundo destacan os propios investigadores, de Canteiras do Penedo S.A. ( Canpesa), a empresa mineira responsable da explotación da canteira.

O certo é que a xeoloxía granítica e metamórfica galega complica a conservación de restos fósiles. Por iso, os aparecidos ao leste de Galicia e na conca das Pontes teñen un gran valor. A actividade mineira permitiu que estes xacementos saísen á luz para poder ser estudados e achegar un pouco de luz á riqueza da fauna na zona durante a época prehistórica.