A minaría sostible que transformou As Pontes

2019-12-16T18:01:49+01:0016/12/2019|

Dende a súa inauguración en 2012, o lago artificial de As Pontes (A Coruña) segue sendo un exemplo importante de restauración ambiental. O que antes era a maior explotación mineira a ceo aberto de España, hoxe é o lago artificial máis grande de Europa. En total, rehabilitouse unha superficie de 2.400 hectáreas, case tan grande como toda a cidade da Coruña. O novo lago, que ata 2008 era unha mina de carbón, deixou atrás un enclave no que predomina o azul da auga e o verde da ampla vexetación que o rodea.

O certo é que a rehabilitación do Lago As Pontes é un exemplo do que pode facer a restauración ambiental nunha zona de explotación mineira a ceo aberto. Despois do peche da mina en 2008, só queda un xigantesco lago de 8,7 quilómetros de lonxitude e unha  praia de area de canteira lavada de 400 metros no extremo máis próximo á cidade de As Pontes

A explotación mineira foi, durante moito tempo, unha actividade que contribuíu directamente á riqueza de Cerceda, dos seus habitantes e das localidades veciñas. Pero cando rematou o lignito e comezou a importarse carbón para o funcionamento da central térmica, a pregunta que moita xente se preguntou foi: e agora que? E é que a antiga mina deixara un burato de 300 metros de profundidade e máis de dous quilómetros de largo e un de ancho que podería parecer inutilizable para moitos. Pero non foi así e no ano 2008 procedeuse á súa transformación.

A mina antes de que se convertese nun lago

O inicio da explotación do depósito de lignito en As Pontes data dos anos corenta pola Empresa Nacional Calvo Sotelo (Encaso). Xa en 1972, os activos mineiros e eléctricos de Encaso pasaron a formar parte de Endesa, que construíu unha central térmica mellorada e proporcionaba á mina do equipamento necesario para a extracción a ceo aberto de doce millóns de toneladas de lignito ao ano. Durante a década dos anos noventa a central sufriu a súa segunda transformación para adaptarse ao consumo de lignito local e carbón importado. Dende 2008, despois do peche da mina, a central preparouse para abastecer carbón e gas natural, prolongándose a súa vida outros 25 anos.

Entre 1976 e 2007 retiráronse da mina de As Pontes uns 260 millóns de toneladas de lignito, deixando un oco de máis de 2.000 hectáreas, agora cheo de auga. Ademais, ata 3.000 persoas chegaron a traballar na central térmica e na mina de As Pontes, cando só 5.000 habitaban na vila. Esta central térmica, que segue sendo unha icona do que foi e do que é a minería no noso país e acadou o récord de produción de electricidade en España en 2016.

Rehabilitación medioambiental e social

O obxectivo da restauración da mina de As Pontes era conceder o espazo dunha solución económica, social e ambiental ao pechar a mina e así crear un ecosistema coroado por un gran lago que enche un oco de máis de 200 metros profundidade. O que pretendía Endesa, a empresa explotadora da mina e da central térmica á que abastecía, era adiantarse ó que acabaría ocorrendo de forma natural. Polo tanto, procedeuse ó recheo controlado, iniciado en xaneiro de 2008,e, deste xeito, incorporouse a mina de xeito orgánico ao medio.

En abril de 2012, o lago xa acumulara 547 metros cúbicos de auga doce, con aportacións do río Eume, media ducia de regatos e da propia choiva. Deste xeito, o lago As Pontes converteuse nunha das reservas de auga potable máis importantes de España. Incluso a calidade das súas augas é moito mellor do esperado. Os estudos realizados diariamente revelan unha cualificación óptima da auga do lago para o baño, o que axudou no seu día a despexar dúbidas sobre o proxecto e a impulsar as visitas á praia artificial que se creou. Que a temperatura da auga se manteña durante todo o ano en torno aos 19 graos, tamén beneficia a afluencia de xente á praia artificial, xa sexan bañistas ou interesadas polos multiples deportes acuáticos que se poden practicar no lago.

Ademais do buraco mineiro, outro aspecto da restauración da mina de As Pontes é a creación dun ecosistema que, aínda hoxe, está en continua transformación. O vertedoiro xa está integrado na paisaxe natural de As Pontes a través dunha ampla superficie completamente verde. Nesta zona habitan máis de 200 especies de animais diferentes resultantes da colonización espontánea e hai máis de 600.000 árbores plantadas. O que non hai moito era unha superficie inerte, é hoxe un lugar natural de gran riqueza biolóxica.

Reclamo turístico e deportivo

E, baixo esta idílica paisaxe natural, o emprego na zona beneficiouse do movemento xerado polas actividades náuticas no lago. A mesma paisaxe na que se extraeu o lignito ata 2008, é agora unha área de lecer que acolle numerosos eventos deportivos, como regatas ou campionatos nacionais. Ademais, a curiosidade por ver cal é o lago artificial máis grande de Europa provoca unha gran atracción entre os turistas, e cada vez son máis os estranxeiros que se achegan ao lugar turístico en busca de información sobre como foi un proxecto de minaría sostible foi capaz de adaptarse á paisaxe dun xeito que parece que sempre estivo ahí.

O certo é que o lago artificial de As Pontes converteuse no gran atractivo turístico da zona. Unha localidade de algo máis de dez mil habitantes beneficiouse dun sector como o turismo favorecido, á súa vez, pola oferta de ocio que ofrece o lago. Así, o turismo pasou de ser unha actividade residual a ser unha das principais actividades económicas da zona. A idea é que os cidadáns usen o lago de As Pontes como unha ponte de crecemento grazas á creación de novas oportunidades para o desenvolvemento social e económico.

O lago artificial de As Pontes xa aparece en guías e itinerarios turísticos da zona. Hai incluso turistas que se desvían da súa ruta para poder contemplar a paisaxe do que antes era a mina a ceo aberto máis grande de España. Tras a creación deste marabilloso medio natural e a recuperación ambiental dos terreos empregados, o ciclo mineiro de As Pontes rematou en 2016.

A pesar da breve historia do lago artificial de As Pontes, converteuse, xunto co lago artificial de Meirama, nun referente europeo en canto a recuperación paisaxística de espazos antes destinados á industria mineira. Ademais, é un claro exemplo de como a rehabilitación dun espazo reservado para unha actividade concreta, neste caso a minaría, pode diversificarse ó rehabilitar o espazo, converténdoo nun ambiente mineiro sostible centrado, ademais, no ocio e o turismo.

Para máis información sobre o proxecto de restauración da mina de As Pontes, visite a páxina corporativa de Endesa.