A vida ábrese paso nos ocos mineiros

2019-09-03T18:29:09+02:0003/09/2019|

A natureza e, sobre todo, a auga están afeitas a abrirse paso en canto o home deixa de exercer a súa influencia sobre un territorio. Por iso, é absolutamente habitual que nos ocos mineiros abandonados xurdan oportunidades para a fauna.

Moitas das actividades extractivas comezaron nunha época na que a lexislación ambiental era moi laxa ou nula, por iso é fácil atopar por diversos puntos da xeografía galega pequenas explotacións de áridos, granitos, lousas e demais materiais que tras curtos períodos de explotación quedaron abandonadas. Antes de 1982 a lexislación española non protexía a restauración dunha mina, polo que en todo o territorio e en Galicia en particular proliferaron espazos baleiros que foron esquecidos polo ser humano, pero que serviron para que a fauna e a flora autóctonas se abrisen paso.

Unha vez recuperados pola natureza, moitos deles acabaron tendo de novo intervención humana para a súa adecuación e rehabilitación. Outros permanecen esquecidos e con accesos nada sinxelos para o ser humano.

Morcegos en minas abandonadas

A ausencia de cavidades naturais na maior parte de Galicia confírelles ás minas gran importancia na ecoloxía dos morcegos galegos. Segundo a asociación naturalista Drosera “o 78% das 23 especies de morcegos citadas en Galicia refúxianse nalgún momento do seu ciclo anual en minas de galería abandonadas. Estas xogan un papel fundamental en períodos importantes como a hibernación e a cría, albergando as maiores colonias coñecidas”. Por iso, a adecuada xestión das minas abandonadas e a súa contorna debe contemplar o seu papel na conservación das poboacións galegas de morcegos.

Un exemplo delas é a Cova das Choias, no Concello de A Pobra de Brollón (Lugo). Trátase dunha gruta natural que foi explotada como mina de ferro polo menos desde os séculos XV e XVI. A cavidade alberga unha numerosa colonia de morcegos -entre os que hai dúas especies escasas e ameazadas- e é un dos poucos lugares da Península onde vive o musgo luminoso (Schistostega pennata), unha planta cavernícola sumamente rara. A asociación Drosera mantén investigacións nas antigas minas de Freixo, en Monforte, e algunhas outras do Concello do Incio, todas en Lugo.

As aves proliferan nas canteiras

En 2008 a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) levou a cabo un estudo en 11 canteiras da fachada litoral galega para comprobar como as aves e outra fauna aproveitan estes espazos. Detectáronse 90 especies de aves en total, con evidencias de reprodución de 45 especies dentro da zona mineira, e 15 máis no espazo que as rodea. As densidades de aves anotadas foron en xeral similares ás doutros hábitats de Galicia. Tamén se viu que era relevante a presenza de distintos elementos como láminas de auga, paredones verticais ou vexetación arbórea autóctona, que poden chegar a incrementar notablemente o número de especies animais nalgunhas áreas, sobre todo no tocante a aves acuáticas, rapaces rupícolas (que aniñan en cantís) e aves forestais.

En Galicia, leváronse a cabo estudos nas areneras da Limia (Ourense), observando un aumento das anátidas invernantes desde 1990, que alcanzaron o seu máximo, case 4.000 individuos, no ano 2000. As especies máis abundantes son o ánade real (Anas platyrhynchos) e a cerceta común (Anas crecca), seguidos a distancia polo pato culler (Anas clypeata) e o silbón europeo (Anas penelope).

As areneras de Riocaldo, en Begonte (Lugo) son empregadas activamente como zona de reprodución ou de invernada por especies ligadas a medios acuáticos como o zampullín común (Tachybaptus ruficollis), a focha (Fulica atra), o chorlitejo mozo (Charadrius dubius) e o avión zapador ( Riparia riparia), entre outras.

Lagoas en canteiras sen uso

A finais de 2017 a Xunta de Galicia realizou a declaración provisional como Espazo Privado de Interese Natural o espazo de Vos Lagos de Lousada, no Concello de Xermade (Lugo). Entre a singularidade da parcela destaca a súa hidroloxía, coa existencia de dous lagos, cunha superficie aproximada de 15.000 metros cadrados, e dunha lagoa de 1.500 metros cadrados, derivados de antigas explotacións mineiras abandonadas fai uns 40 anos.

Estas zonas húmidas permiten o asentamento de comunidades vexetais á vez que constitúen importantes bebedoiros para a fauna local e zonas de descanso e alimentación para as aves migratorias. Destaca tamén a presenza de especies de anfibios, peces e aves catalogados como vulnerables.

Os propietarios están realizando un proxecto que permita o uso turístico do espazo ao mesmo tempo que se preserva o hábitat da laguna e das súas zonas limítrofes.